Queridos pais:
Durante estas semanas estades a tramitar a matrícula escolar para o próximo curso. O voso dereito como pais exprésase de maneira singular na educación que queredes para os vosos fillos. Para eles queredes un ensino de calidade na que profesores ben formados e competentes, provistos dos medios materiais adecuados, fagan posible aos vosos fillos o desenvolvemento integral de todas as dimensións da persoa, incluído o valor humanizador e transcendente do relixioso como horizonte de verdade, de esperanza e de liberdade.
O Ensino Relixioso non é un privilexio da Igrexa senón, ante todo, un dereito e unha responsabilidade vosa, dos pais e nais de familia: os vosos fillos han de recibir a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións, de acordo coa liberdade de ensino e a liberdade relixiosa que recoñece a vixente Constitución española.
O ensino da relixión non é unha catequese escolar. Está presente na escola para procurar que os alumnos coñezan a súa propia tradición cultural, neste caso de raizame cristián, e realicen un estudo razoable dos seus contidos principais e da súa historia, coas súas implicacións éticas e sociais. É parte imprescindible dunha educación que queira lograr unha formación integral, unha inserción persoal e libre, construtiva na sociedade.
Ten moita importancia que todos os que interveñen na tarefa educativa, sen ceder ao prexuízo laicista, asuman a presenza do ensino relixioso como unha materia propia e rigorosamente escolar, equiparable ás demais materias nos seus obxectivos, no rigor científico dos seus contidos e no carácter formativo dos seus métodos. Sería desexable igualmente que o marco escolar da materia de Relixión quedase á marxe da oportunidade política.
Por iso, convidámosvos como pais cristiáns a inscribir aos vosos fillos na materia de Relixión Católica, como expresión do voso compromiso educativo e crente. Esta colaboración vosa será imprescindible para que a escola sirva realmente á formación integral da persoa.
Co noso agradecemento e alento aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor, Mestre que nos dá vida e sostén na esperanza.
+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago
+ Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo
+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo
+ Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense
+ Luís Ángel de las Heras Berzal, cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago