O martes 27 febreiro no Salón Rexio do Círculo das Artes (Lugo) tivo lugar baixo o título “Educar en la afectividad hoy: legislación, familia, escuela” a segunda conferencia das Xornadas Abertas de Teoloxía. A relatora foi a Doutora en Dereito e docente de Historia do pensamento político español e Doutrina Social da Igrexa (DSI) Carmen Fernández de la Cigoña Cantero.
Para a relatora, hai que ter moi claro que a educación está destinada a un ben: a perfección da persoa. Desde a concepción cristiá, desde a teoloxía e a DSI entendemos que o ben existe (consecuentemente o mal existe e non todo dá igual) e a persoa debe dirixirse ela mesma polos seus propios medios e axudada polos demais a ese fin específico que ao final sen dúbida coincidirá co ben. E debemos educar na verdade en canto que nos encamiñamos cara ao ben. Porque a verdade tamén existe, como consecuencia da existencia do ben.
En canto á lexislación, Carmen Fernández de la Cigoña lamentou que en España a Lei de Educación sexa moeda de cambio entre as distintas forzas políticas.