Desde que se constituíu Cáritas en 1947 pasaron 75 anos de percorrido como confederación oficial de entidades de acción caritativa e social da Igrexa católica española. Sempre orientada á loita contra a pobreza e a promoción do desenvolvemento integral das persoas, especialmente dos máis pobres e excluídos dentro e fóra das nosas fronteiras.
Reproducimos algúns parágrafos do prólogo de Mons. Alfonso Carrasco ao libro de José de Cora titulado Titanes contra pobreza e que trata sobre a historia local de Cáritas.
“Caritas non se reduce a unha obra de beneficencia, a unha iniciativa asistencial. É a manifestación na nosa terra dunha humanidade renovada polo Evanxeo, que non segue a vella lóxica do mundo -a do interese e a comodidade propia. Admiramos desde os primeiros momentos a capacidade de iniciativa, o vigor espiritual, a intelixencia, a fortaleza e o amor que brotaron en tantos, grazas a esta raíz boa do Evanxeo. A novidade verdadeira, que fixo esta historia e que seguirá sendo creativa -esperamos que moitos anos máis- ten a súa orixe na presenza do Señor; o egoísmo e o pecado son vellos, moi coñecidos, carentes de novidade real.
“Caritas chámanos e exercítanos a vivir como cristiáns, a ser conscientes do Amor de Deus, que é principio de vida e de esperanza para cada un, e que dá dignidade a toda persoa. Fai que non miremos ao outro como quen non nos é nada, como alguén indiferente ou quizá estranxeiro, senón como próximo e como irmán, cuxas necesidades xa non me son alleas.
“Caritas é un instrumento imprescindible, para afrontar os novos desafíos do noso tempo, as grandes necesidades e urxencias, antigas e novas, que se presentan hoxe nun mundo en que a Misericordia, a lei nova do amor, parece tan esquecida, onde é mesmo expresamente posta en discusión.
“Caritas é hoxe, para nós, motivo de alegría e orgullo. Que sexa tamén unha chamada á urxencia de gardar viva a fe, a dar testemuño na nosa terra, como Igrexa peregrina, da gran bondade e misericordia de Deus para con todos nós, sen ningunha exclusión”.