“A Igrexa que non fai ruido”

Deste xeito quixo titular o seu Pregón da Caridade, pronunciado este pasado mércores no Círculo das Artes de Lugo, o cedeirense Bieito Rubido, periodista e director do diario ABC. O pregoeiro, ante un salón cheo de oíntes simpatizantes e colaboradores de Cáritas e acompañado polo Bispo da Diocese na tribuna, pronunciou un Pregón fundamentalmente testemuñal e moi ben fundamentado bíblica e teoloxicamente. Con referencias constantes a Xesucristo, coma o Deus dos pobres, e a doctrina recente dos dous Papas vivos, citou tamén á M. Teresa de Calcuta cando uns periodistas lle pediron unha mensaxe para os que se dedican á caridade: “Que vivan ben a Eucaristía”. Afirmaba así, o pregoeiro, que o escurecemento da práctica eucarística ten repercusións na calidade do compromiso caritativo.

Por outra banda, lembrou e citou a súa irmá relixiosa xosefina, misioneira na Amazonia en Perú. Afirmou, con claridade, que Cáritas non é unha ONG, pero si a organización global que máis atención presta no mundo aos necesitados; e engadiu: “é a organización máis seria, eficiente e comprometida cos pobres neste país”. Destacou a importante presenza social de Cáritas en Lugo e en España e o necesario labor realizado cos pobres durante a crise económica.

Afirmou, na liña de Cáritas, a necesidade de estar cerca dos pobres, de acompañalos e de escoitalos, xa que a pobreza é máis que un problema económico porque abrangue dimensións humanas, culturais, sociais e políticas. E, entre outras moitas laudables afirmacións, reinvindicou a necesidade de recuperar a sa tradición do Xoves de Corpus en Lugo como día festivo para celebrar con grandeza unha solemnidade tan significativa para a Cidade do Sacramento. Certamente, se Lugo perde esta identidade, perdería as súas raíces, a súa historia máis fonda para converterse nunha cidade irrelevante, ruidosa e infiel ao ser e a cultura que a constituiu e constitúe como anfitrioa das antigas cidades do Reino de Galicia.

Se Cáritas é a igrexa que non fai ruido, se a Igrexa é Cáritas, se a Eucaristía e a caridade son inseparables, os lucenses debemos recuperar a centralidade da Catedral como expresión e símbolo de verdadeira casa de Deus que é a Igrexa de Xesucristo, como espazo de silencio onde a natureza guiada pola luz e o vento, falan aos adoradores con asombro e tenrura da dor existencial dos irmáns que sofren e que, son hoxe, cristos vivos que evocan as verbas do Señor no Evanxeo: “Tiven fame e déstesme de comer”.

Sempre me pareceu moi relevante que nunha cidade exista a posibilidade de entrar nunha igrexa de portas abertas e mirar devotamente á presenza real de Cristo na Eucaristía. Na nosa Catedral, aí, na Capela Maior, está sempre; El sempre está. Ogallá que nunca os lucenses o deixemos só, nin na Eucaristía, nin nos irmáns necesitados.

 

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Pregón da Caridade

 O mércores 30 de maio, o director do xornal ABC, Bieito Rubido Ramonde, foi o encargado de pronunciar o PREGÓN DA CARIDADE. E, entre outras cousas dixo o seguinte:

Cáritas é un dos mellores rostros da Igrexa Católica porque desde a discreción absoluta procura que a súa man esquerda non saiba o que fai a dereita. E atende a millóns de persoas que necesitan axuda. Sen ir máis lonxe, na Diocese de Lugo máis de 7.000 persoas foron atendidas ao longo do último ano por Cáritas. E faino respondendo a esa mensaxe orixinal daquel galileo que predicaba o amor ao próximo”.

Cando moitas veces hai a polémica da presenza e o protagonismo da Igrexa na vida pública, hai que ter en conta que non hai máis afán de protagonismo que exercer o amor. E iso é o que fan 78.000 voluntarios todos os días de forma anónima, dando resposta así ao que neste momento da vida de España podemos chamar a xeografía da pobreza”.

 Outros actos organizados por Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade:

– XOVES 31 DE MAIO –

  • De 10:30 h da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Ás 18 h, no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no Programa de Infancia.

  • Ás 19 h, realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

– DOMINGO 3 DE XUÑO Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

O teu compromiso mellora o mundo

Vivimos unha época na que o individualismo vai en aumento, coas súas connotacións negativas, repórtanos soidade, créanos tensión, medo, baleiro, e moitas veces déixanos sen rumbo. Con iso aparecen algúns dos trastornos psicolóxicos máis frecuentes hoxe en día: ansiedade, depresión, etc.

Por iso pregúntovos: Que volve á sociedade cada vez máis individualista?

Lembrades a complicidade que sentiamos con nosos veciños cando compartiamos o traballo, o motivador e satisfactorio que resultaba o traballo en camaradería por moi duro que este fose?

Cando escoitabamos os problemas que tiña algún amigo, lembrades o ben que nos sentiamos cando podiamos solucionarllos e sacalos dun apuro?

Si, estades pensando ben, estouvos a  falar da vosa colaboración, do voso compromiso cos demais. Estouvos a falar do ben que nos sentimos cando somos solidarios. Dise que a solidariedade é a acción de dar, sen recibir nada a cambio, pero eu creo que si nos reporta moito:

  •  Convértenos en seres máis felices, aumentando considerablemente a nosa autoestima.
  •  Fainos sentir ben o feito de saber que estamos realizando unha boa acción.
  •  Aumenta a confianza en nós mesmos porque nos sentimos útiles.
  •  Mellora nosa saúde. Segundo diversos estudos estadounidenses, as persoas solidarias son menos propensas a sufrir estrés ou depresión, a súa presión sanguínea é menor e ata son máis lonxevas que as insensibles ao sufrimento alleo.

Di o dito popular, cheo de sabedoría: «Dá o mellor de ti mesmo e o mellor volverá a ti». As persoas que dan, reciben; e isto é unha realidade. Probablemente a persoa á que axudes non poida devolverche o favor, pero se es unha persoa xenerosa e, nalgún momento necesitas dos demais, eles axudaránche.

Ser solidario non significa soamente facer algo por alguén; hai moitos xeitos de ser solidario, pequenos xestos que non che implican perder moito tempo nin ter que facer un gran desembolso económico, e que sen embar-go para quen os recibe significan moito máis do que pensas.

Por iso gustaríame invitarvos a coñecer todos os programas que se levan a cabo desde Cáritas Diocesana de Lugo:

Programa de acollida e asistencia

  • Cáritas parroquiais e interparroquiais
  • Servizo de roupeiro
  • Programa de familias en desvantaxe
  • Programa de voluntariado
  • Programa de infancia e mocidade
  • Programa maiores e vivir na casa
  • Programa inmigrantes contar connosco
  • Programa de atención a persoas con discapacidade
  • Programa muller, saúde
  • Programa emprego
  • Programa atención a mulleres vítimas de violencia

Unha chea de proxectos solidarios cos que todos podemos contribuír, xa sexa de forma puntual ou continuada, económicamente ou co noso tempo, porque o noso compromiso mellora nosa sociedade:

  • Contribúe económicamente na medida na que poidas, adaptando as túas achegas segundo a túa economía.
  • Ofrece o teu tempo como voluntario nos distintos programas.
  • Doa a roupa, libros e outros enseres que non uses, poderían axudar a outras persoas máis cá ti.
  • Inculca aos teus fillos valores solidarios. Ensínalles co exemplo, seguindo patróns baseados no respecto, a confianza, a sinceridade, a lealtade, etc.
  • Fai unha compra dobre, é dicir, unha para ti e outra para unha persoa ou familia desfavorecida. Que mellor axuda que a propia comida?

Enche o teu día a día de boas accións, porque o teu compromiso mellora o mundo.

BEATRIZ VARELA

PRESIDENTA DE AELU

Presentación dos actos que programa Cáritas polo Día da Caridade

 Cáritas Lugo presentou o 24 de maio aos medios de comunicación os actos programados con motivo da celebración do Día da Caridade 2018, baixo o lema “O teu compromiso mellora o mundo”:

– MÉRCORES 30 DE MAIO ás 20:00h. PREGÓN DA CARIDADE no Círculo das Artes de Lugo. Conferencia de Bieito Rubido Ramonde. Director de ABC

– XOVES 31 DE MAIO –

  • De 10:30 h da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Ás 18 h, no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no Programa de Infancia.

  • Ás 19 h, realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

– DOMINGO 3 DE XUÑO Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

Na presentación destes actos, a secretaria xeral de Cáritas Lugo, Mónica Yáñez, entre outras cousas, dixo o seguinte:

Se Cáritas Diocesana de Lugo fose un termómetro da situación das condicións de vida da poboación decatariamonos de que despois de 4 anos de recuperación atendemos a 7458 persoas fronte ás 2548 persoas que atendiamos antes da crise (ano 2008). Cáritas constata que a situación cronifícase, que a recuperación non chegou para moitas persoas nin se prevé que chegue”.

O Delegado Episcopal de Cáritas Lugo, Antón Negro, glosou o lema “O teu compromiso mellora o mundo” dicindo que “o lema chama á responsabilidade de todos, pois todos somos necesarios para que a sociedade sexa máis xusta, para que coopere á obra da creación”.

Taller de informática básica para a procura de emprego organizado por Cáritas

O obxectivo deste Taller de informática básica para a procura de emprego que organiza Cáritas Lugo é dotar aos participantes de coñecementos básicos do uso do ordenador e como utilizar Internet na procura de emprego.

O curso está divido en 4 bloques de contidos:

1. Técnicas de procura de emprego.

2. WINDOWS. Word e Internet.

3. Igualdade de oportunidades.

4. Fomento do coidado e do respecto do medioambiente.

O taller durará 30 horas, comezando o 23 de abril de 2018 e concluíndo o 7 de maio no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo da avenida das Américas, 93-97 polas mañás, de 10h. a 13h

O taller está destinado a persoas en situación de desemprego, mulleres en situación de vulnerabilidade, ou exclusión, inmigrantes, xente nova proveniente do fracaso escolar. Deberán estar previamente dadas de alta no Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo, (Rúa da Cruz, 1).

A %d blogueros les gusta esto: