Xornada de formación de Cáritas Lugo

De esqda. a dta: Francisco Prat, Ginés Plaza e Ramiro Martínez

Baixo o lema “A acción de Cáritas como encontro” o 12 de decembro ten lugar unha xornada de formación para os voluntarios de Cáritas Diocesana de Lugo. As intervencións son as seguintes:

  • Oración dirixida por Antón Negro Expósito, Delegado Episcopal de Cáritas Diocesana de Lugo.
  • Presentación da Xornada por Ginés Plaza Fernández, Director de Cáritas Diocesana de Lugo.
  • O Camiño do Voluntariado en Cáritas por Ramiro Martínez Carballosa. Presidente Cáritas Interparroquial Navia-Cervantes.
  • A Acción de Cáritas como Encontro por Francisco Prat, do Equipo de Desenvolvemento Institucional de Cáritas España.
  • Clausura a cargo da Secretaria Xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa.

Actos con motivo do Día Europeo contra a Trata de Persoas

Con motivo da celebración do Día Europeo contra a Trata de Persoas, desde Cáritas Diocesana de Lugo e dentro do seu proxecto de atención a mulleres vítimas de violencia, trata ou explotación sexual, o mércores día 17 levará a cabo unha acción de sensibilización na praza Maior de Lugo, consistente na colocación de 4 paneis informativos co obxectivo de dar visibilidade a esta realidade tan descoñecida para a maior parte da poboación.
Baixo a lema TRÁTASE DE PERSOAS, poderase coñecer en que consiste a trataa, datos estatísticos, así como testemuños directos das vítimas coas que se está traballando desde este proxecto. Os paneis estarán situados o día 17 na praza Maior e, posteriormente, irán rotando por centros educativos, centros sociais, e outros organismos que poidan estar interesados.
Tamén vai realizarase un vídeo informativo, que se difundirá a través das redes, co que se pretende explicar a situación actual da trata a través do testemuño de profesionais e  xente da cidade, convidando a sumarse a esta iniciativa. No mesmo, aparecerán distintas autoridades e personalidades que se manifestan en contra da trata.

Cáritas de Sarria organiza unha Merenda solidaria

Cáritas Interparroquial de Sarria celebrará o día 28 na sociedade recreativa A Unión unha Merenda solidaria co fin de recadar fondos para as persoas necesitadas do municipio e a súa contorna.

Os asistentes disfrutarán dunha merenda con bebidas e alimentos doados por numerosos locais colaboradores. Tamén hai actuacións musicais e actividades para os nenos.

A iniciativa celébrase xa desde fai uns seis anos. Na pasada edición congregáronse 300 persoas e colaboraron un centenar de establecementos.

O pasado ano Cáritas Sarria entregou alimentos a 400 persoas e asistiu no seu roupeiro a 200 persoas, ás que repartiu máis de 6.000 pezas.

Campamento urbano organizado por Cáritas

Desde o luns 16 ata o 27 de xullo o Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Lugo organiza o Campamento Urbano XXIV. O tema deste ano é “Silvatrania”, un hotel con monstruos. Un dos obxectivos é facer comprender que as apariencias enganan, que todas as persoas teñen algo positivo que achegar e que o ideal é a autenticidade. Outro obxectivo é a integración: entre os 77 nenos participantes hainos de toda condición social porque o Campamento está aberto a todos, aínda que teñen prioridade os que non poden acceder a outras actividades.

Cos nenos están 17 monitores e 4 axudantes, que están formándose; todos eles voluntarios. As actividades fanse pola mañá (de 10 a 14h) e pola tarde (de 16 a 20h) pero como tamén se busca a conciliación familiar, hai nenos que van antes ou quedan ao mediodía.

As actividades realízanse no Colexio Rosalía de Castro de Lugo e entre os días 21 e 23 no Colexio Cabo da Area de Laxe. Para iso cóntase coa colaboración da Consellería de Educación e dos Concellos de Lugo e Laxe.

Ademais destes días de Campamento, procúrase facer un seguimento todo o ano e segundo se vexan necesidades nalgúns nenos, son atendidos polos servizos correspondentes de Cáritas. A continuidade tamén se ve en que algúns nenos empezan indo ao Campamento, logo pasan a ser axudantes e finalmente son monitores.

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

Cáritas Diocesana de Lugo quere fomentar a cultura emprendedora. Por iso, a través do Programa de Emprego, organiza xornadas divulgativas que poidan favorecer o xurdimento de novas iniciativas. A próxima xornada terá lugar o día 22 de xuño de 10:30h. a 13:00h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, Avda. Américas, 93-97.

Ese día xuño contarase con:

– Un técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que informará sobre os recursos dispoñibles para axudar á promoción e creación de empresas.

– Panel de experiencias, onde coñecer as historias de tres mulleres que un día decidiron dar o paso e emprender o seu propio proxecto profesional.

Para participar hai que inscribirse antes do 21 de xuño. Horario de atención: mércores e xoves de 10:00h a 14:00h.

A %d blogueros les gusta esto: