Actos de Cáritas Lugo con motivo do Día Europeo contra a Trata

Con motivo do Día Europeo contra a Trata, o 18 de outubro, Cáritas Lugo organiza os seguintes actos:

Durante a mañá (até as 13.30 h) colocación de paneis informativos na praza Maior de Lugo con explicaación sobre o que é e o que supón a trata de persoas, mostrando datos, testemuños de vítimas e as actividades que desenvolve o programa de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia, Trata e Explotación Sexual de Cáritas de Lugo.

Pola tarde (19 h) proxectarase no Museo provincial, o vídeo elaborado por Cáritas de Lugo Di non á Trata, no que participaron entre outras autoridades o Bispo de Lugo, a subdelegada do Goberno, a secretaria Xeral de Igualdade ou a alcaldesa da cidade, así como deportistas (xogadores do Breogán e do Club Deportivo Lugo) e personalidades do mundo da cultura (como o director e guionista, Jorge Coira).

Cáritas Lugo forma parte da Rede Galega contra a Trata, que celebrou a oitava xornada sobre o tema o xoves 17 de outubro en Ferrol, con participación da coordinadora da Área de Muller da Cáritas lucense.

Cáritas Diocesana de Lugo leva máis de 10 anos prestando un “Servizo de atención integral para vítimas de trata con fins de explotación sexual”.

Actividades de Cáritas Lugo con nenos e adolescentes

O Programa de Infancia e Mocidade de Caritas Diocesana de Lugo organiza as seguintes actividades no verán:

Campamento Multiaventura Adolescentes: Do 4 ao 7 de xullo en Naturmaz, Mazaricos, (A Coruña).

Dirixido a mozos de idades comprendidas entre 14 e 17 anos.

Centro de Interese: “Os superheroes”

En Naturmaz poderán practicar actividades multiaventura: kaiak, tirolina, paintball, tiro con arco, parque aéreo, escalada, etc

Ademais fanse actividades relacionadas co centro de Interese, co fin de fomentar valores propios dos superheroes: a valentía, o traballo en equipo, a fortaleza, a xenerosidade.

Campamento Urbano XXV. Do 15 a 26 de xullo en Lugo no Colexio Rosalía de Castro.

Dirixido a nenos/as de 8 a 13 anos.

Centro de Interese: O cinema

Durante o Campamento Urbano, da man dun guionista os nenos participantes percorrerán a historia do cinema, desde o cinema mudo, pasando polo cinema fantástico, de aventuras, musicais, comedia, drama.

Carlos Pajares pronunciou o Pregón da Caridade 2019

O mércores 19 de xuño no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo pronunciou o Pregón da Caridade 2019 o Catedrático de Física Teórica, Ex rector da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Pajares Vales. Baixo o título “O Amor segue non morre” Carlos Pajares foi enumerando as cualidades do amor: indiscriminado, gratuíto, espontáneo, libre (estas catro cualidades segundo Anthony de Mello); está presente incluso na dor; supera barreiras idiomáticas; cando se dá amor gratuitamente recíbese moito máis; o amor ao próximo fixo posible que a especie humana chegase a ser superior.

 A conclusión é a seguinte: servir e amar é o que dá sentido á nosa vida e é o sentido do mundo. Non hai outro sentido por máis que se busque. O amor é o acto fundamental do home. Só o amor nos libra do baleiro e da nada; só se pode crer e ter confianza no amor. “Só o amor -como dicía o teólogo von Balthasar- é digno de fe”.

Cáritas Lugo presenta a campaña Caridade 2019

O 12 de xuño Cáritas Diocesana de Lugo presentou a súa campaña Caridade 2019.

O Director de Cáritas Lugo Ginés Plaza resumiu o VIII Informe Foessa que se presentaba precisamente ese día en toda España, achegando, entre outros, os seguintes datos: o 21% de todos os fogares españois con menores atópanse en exclusión social e unha muller necesita traballar 1,5 horas máis cada día para gañar o mesmo que un home. E polo que respecta ao labor de Cáritas Lugo durante o ano 2018, Ginés sinalou que foron un total de 5.309 as persoas atendidas e que se articularon 34.261 respostas, a maioría -23.818- en axudas e servizos e tamén asesoramento (5.047), acollida (1300)… 

O Delegado Episcopal de Cáritas, Antón Negro, comentou o lema “Pon en marcha o teu compromiso para mellorar o mundo”, dicindo que ninguén pode substituír a un mesmo na responsabilidade para cos demais. Fronte ao individualismo, hai que valorar os conceptos de pobo, comunidade, grupo humano.

Pola súa parte, a secretaria xeral de Cáritas Lugo Mónica Yáñez informou dos actos previstos:

O mércores 19 de xuño ás 20 horas no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo pronuncia o Pregón da Caridade 2019 o Catedrático de Física Teórica, ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Pajares Vales. O título do pregón é “El Amor sigue no muere”.

O xoves 20 de xuño dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

Ás 18:00 no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán os diplomas e agasallos aos nenos participantes. A continuación, o Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo organiza actividades para os nenos.

O domingo 23 de xuño, Corpus Christi, dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

Taller de Redes Sociais

Está aberta a inscrición para participar no Taller de Redes Sociais que se realizá o vindeiro venres 27 de abril.

Trátase dunha xornada durante a cal van poñerse en común temas como a privacidade na Internet ou o uso responsable das redes sociais, e o coidado da imaxe que transmitimos nas nosas redes en relación á procura de emprego.

As persoas que estean interesadas en acudir, poden inscribirse no Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo antes do xoves 25 de abril.

A %d blogueros les gusta esto: