Día das persoas sen fogar

O 31 de outubro é o Día das Persoas Sen Fogar baixo o lema Sen saída? Perdidos nun sistema de protección social que non protexe. Digamos basta. Ninguén Sen Fogar.

As persoas sen fogar que atende Cáritas Española son aproximadamente 40.000.

Para Cáritas, os sistemas de protección social fallaron. Moitas persoas con situacións vitais moi complicadas viron paralizados ou pospostos procesos de acompañamento persoal, ou de acceso a recursos e prestacións sociais.

Algunhas propostas para un sistema de protección social axeitado e accesible:

  • Facilitar o acceso ao dereito á protección social nos procesos administrativos, nos prazos, na flexibilidade, nos espazos, etc.

  • Garantir o exercicio do dereito á protección social, a través da adaptación de sistemas de prevención, protección e seguimento desde os servizos sociais, e con ferramentas como o acompañamento social, etc.

  • Desenvolver medidas de carácter preventivo, e non meramente asistenciais.

  • Non limitarse a facilitar o acceso a prestacións económicas, senón ser unha verdadeira ferramenta de cambio e mellora da vida das persoas, incluíndo medidas de acompañamento social a curto, medio e longo prazo.

A Campaña de Persoas Sen Fogar convida tamén á cidadanía, a título persoal, a comprometerse e contribuír á mellora dos máis vulnerables.

[Manifesto]  [Outros materiais]

Talleres organizados por Cáritas en Melide e Lugo

Até o 13 de agosto pódese solicitar participar no taller de Operarios de Limpeza que terá lugar en Melide. Esta actividade está dirixida a persoas en situación de desemprego que queiran formarse no sector da limpeza. As persoas interesadas en participar poden porse en contacto co Programa de Emprego de Cáritas chamando ao teléfono 604 07 47 62.

Por outra parte, até o 18 de agosto está aberto o proceso de selección para participar no taller de Informática Básica para a Procura de Emprego que organizará Cáritas Lugo durante 3 semanas a partir do 23 de agosto. Este taller está dirixido a persoas desempregadas con poucos coñecementos no manexo das novas tecnoloxías e queiran aprender a utilizar o sistema operativo Windows, Word para realizar o curriculum vitae, etc. e sacar proveito de Internet para mellorar a procura de emprego. Os interesados en participar no proceso de selección pedirán cita ao Programa de Emprego no teléfono 982 24 20 09.

Pregón da Caridade

 

Con motivo da campaña da Caridade 2021 Cáritas Diocesana de Lugo realiza varias actividades, que se iniciaron co Pregón de Caridade, conferencia a cargo do ex alcalde de Lugo José Clemente López Orozco, o 2 de xuño no Salón de Actos da Xunta de Galicia en Lugo.

Comezou López Orozco dando cifras sobre o labor de Cáritas Española, e destacou que os gastos de administración non chegan aos 7 céntimos de cada euro dsipoñible. É dicir, practicamente todo vai destinado aos usuarios.

Nunha segunda parte, lembrou tres informes (da ONU, Save the Children e Intermón Oxfam) sobre a situación socio-económica de España, caracterizada pola desigualdade… Tamén mencionaría máis adiante o último informe FOESSA.

Na 3ª parte da súa intervención destacou o papel da Igrexa Católica “principalmente desde que o Papa León XIII coa súa encíclica Rerum Novarum puxo as bases dunha xustiza social que distribuíse dunha maneira máis xusta a riqueza… posición que quedou perfectamente reflectida na magnífica declaración da Gaudium et spes, no Concilio Vaticano II”

Na seguinte parte do Pregón, falou do labor de Cáritas España e Cáritas Lugo dando non só cifras senón tamén recoñecendo o labor pedagóxico. Disto último López Orozco puxo como exemplo que Cáritas desmentise o estereotipo de que as persoas estranxeiras copan os recursos da entidade católica e doutras. A maioría das persoas acompañadas por Cáritas son españolas ou da Unión Europea.

Finalmente, López Orozco sinalou que o mellor pregón que se pode dar son as palabras de Xesús recollidas polo evanxelista San Mateo (25, 35-40): “Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber…”

Semana da Caridade

Cáritas Diocesana de Lugo presentou a súa Memoria do ano 2020 e a Semana de Caridade 2021.

O Director, Ginés Plaza comentou as dificultades sufridas por todos  durante o ano 2020, como se viron afectadas as persoas atendidas e como o labor de Cáritas, aínda que alterado pola pandemia, non cesou e ningún momento do ano, co fin de poder atender as necesidades das persoas que o requirían.

Antón Negro, Delegado de Cáritas Lugo, falou da importancia da mensaxe da campaña deste ano con motivo do Día da Caridade, cuxo lema é Sexamos Máis Pobo.

Para finalizar, Mónica Yáñez, Secretaria Xeral de Cáritas Lugo, convidou a participar nas actividades que se realizarán durante a próxima semana. O acto central é o Pregón da Caridade, que se celebrará o vindeiro mércores ás 19:00h no salón de actos da Xunta de Galicia e terá como relator a José López Orozco, ex alcalde de Lugo.

Para finalizar Cáritas Diocesana de Lugo agradece a todos os voluntarios a súa solidariedade e esforzo.

Convenio de colaboración entre o Centro de Orientación Familiar Diocesano e Cáritas

O 9 de abril tivo lugar, nas instalacións de Cáritas Diocesana de Lugo, a firma dun convenio de colaboración entre Cáritas e o Centro de Orientación Familiar ( COF) Diocesano de Lugo. O convenio foi asinado polo director do COF Nicolás Susena Presas, párroco de Castroverde e profesor, e por Ginés F. Plaza, director de Cáritas Diocesana de Lugo.

Ante a situación que atravesan moitas familias da Diocese de Lugo, as dúas entidades teñen a vontade de cooperar e colaborar en proxectos conxuntos a fin de promover unhas mellores condicións de vida a través da intervención e acompañamento dos colectivos máis desfavorecidos da comunidade.

Fonte: Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: