Pregón da Caridade e outros actos organizados por Cáritas

O mércores 15 de xuño ten lugar o Pregón da Caridade a cargo de Dna. María Dolores Fernández Galiño, xuíza e desde 2019, Valedora do Pobo de Galicia.

O acto comezará ás 20:00h no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.

Ademais, Cáritas Lugo organiza varios actos esta semana que se relacionan a continuación:

Xoves 16:

De 9:30 a 13:30 h Recollida de donativos nas rúas de Lugo, Monforte, Sarria, Pobra de San Xiao e Lalín

18:30 h Acto de sensibilización da Campaña Educativa Caridade 2022: no Museo Interactivo da Historia de Lugo preséntase a exposición e faise entrega de regalos aos nenos e mozos participantes

19:30 h Actividades para nenos e mozos no Parque da Milagrosa

Domingo 19

De 10:30 a 14 h Recollida de donativos en Melide, Chantada, Silleda e Lalín, por persoas voluntarias

Todo o día, colectas nas misas celebradas na Diocese.

[Memoria de Cáritas Lugo 2021]

Solidariedade con Ucraína

A Igrexa Diocesana de Lugo quere agradecer a avalancha de solidariedade que durante estes días está a recibir de centos de persoas que se están achegando ás parroquias e aos distintos puntos de atención que Cáritas Diocesana de Lugo ten ao longo da Diocese para realizar unha doazón e apoiar ao pobo ucraíno que tanto está a sufrir.

Grazas ás doazóns recibidas realizouse un primeiro envío de diñeiro (29.480 €) a Cáritas Ucraína.

Os 11 centros de acollida que organizou Cáritas Ucraína facilitan comida quente, auga, kits de hixiene básica, transporte seguro e refuxio para persoas que non teñan outra opción, lavandaría comunitaria, atención a persoas especialmente vulnerables (maiores, discapacitados ou menores). Tamén fan un importante labor as Cáritas de Polonia, Romanía e Moldavia.

Cáritas Diocesana de Lugo pon a disposición das persoas que expulsadas do seu país cheguen á nosa Diocese todos os seus servizos e programas como o fixo sempre noutras crises migratorias que tiveron lugar (Venezuela, Siria…).

As persoas que queiran colaborar coa Campaña de Cáritas con Ucraína poden facelo a través das dúas contas habilitadas para iso:

SANTANDER EMERXENCIA UCRAÍNA ES88 0049 6791 7121 1600 9428

CAIXABANK EMERXENCIA UCRAÍNA ES31 2100 5731 7502 0026 6218

ou en www.caritaslugo.es

Cáritas cumpre 75 anos

Desde que se constituíu Cáritas en 1947 pasaron 75 anos de percorrido como confederación oficial de entidades de acción caritativa e social da Igrexa católica española. Sempre orientada á loita contra a pobreza e a promoción do desenvolvemento integral das persoas, especialmente dos máis pobres e excluídos dentro e fóra das nosas fronteiras.

Reproducimos algúns parágrafos do prólogo de Mons. Alfonso Carrasco ao libro de José de Cora titulado Titanes contra pobreza e que trata sobre a historia local de Cáritas.

Caritas non se reduce a unha obra de beneficencia, a unha iniciativa asistencial. É a manifestación na nosa terra dunha humanidade renovada polo Evanxeo, que non segue a vella lóxica do mundo -a do interese e a comodidade propia. Admiramos desde os primeiros momentos a capacidade de iniciativa, o vigor espiritual, a intelixencia, a fortaleza e o amor que brotaron en tantos, grazas a esta raíz boa do Evanxeo. A novidade verdadeira, que fixo esta historia e que seguirá sendo creativa -esperamos que moitos anos máis- ten a súa orixe na presenza do Señor; o egoísmo e o pecado son vellos, moi coñecidos, carentes de novidade real.

Caritas chámanos e exercítanos a vivir como cristiáns, a ser conscientes do Amor de Deus, que é principio de vida e de esperanza para cada un, e que dá dignidade a toda persoa. Fai que non miremos ao outro como quen non nos é nada, como alguén indiferente ou quizá estranxeiro, senón como próximo e como irmán, cuxas necesidades xa non me son alleas.

Caritas é un instrumento imprescindible, para afrontar os novos desafíos do noso tempo, as grandes necesidades e urxencias, antigas e novas, que se presentan hoxe nun mundo en que a Misericordia, a lei nova do amor, parece tan esquecida, onde é mesmo expresamente posta en discusión.

Caritas é hoxe, para nós, motivo de alegría e orgullo. Que sexa tamén unha chamada á urxencia de gardar viva a fe, a dar testemuño na nosa terra, como Igrexa peregrina, da gran bondade e misericordia de Deus para con todos nós, sen ningunha exclusión”.

Proxecto téxtil entre Cáritas Lugo e Insertega

O luns 7 de febreiro, Cáritas Diocesana de Lugo e Insertega asinan un convenio de colaboración, que pon en marcha o novo Proxecto Téxtil. O acto foi na sede de Caritas Diocesana de Lugo sita na Avda. Américas 93-97. Participaron o Director de Cáritas Diocesana de Lugo, Ginés F. Plaza Fernández, e o Presidente de Insertega, Juan Carlos Meijide Fernández.

Insertega é unha empresa galega dedicada en exclusiva á xestión do residuo téxtil que está orientada por uns principios éticos e potencia a inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos.

Obxectivos: reducir o consumo de recursos naturais, reutilizar as prendas que estean en bo estado e reciclar os residuos para minimizar o impacto sobre o medio ambiente.

A %d blogueros les gusta esto: