O 5 de xuño tivo lugar o relevo na dirección de Cáritas Diocesana de Lugo cun emotivo acto de despedida ao director da institución entre 2009 e 2023, Ginés Plaza e de benvida á nova directora, María Amparo González Méndez.
A primeira intervención foi do Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco que mencionou os grandes cambios de Cáritas desde os anos 2008-2009: Afrontouse o desafío da tecnificación adaptándose aos novos medios e ás novas esixencias; obtención da Certificación de Calidade ISO 9001; debate das relacións de Cáritas coas dioceses; durante a pandemia continuouse atendendo á xente e iniciouse “Sempre xuntos”. En fin, Cáritas Lugo traballou para profesionalizarse máis nas relacións coas institucións e profundizou a dimensión diocesana. Para D. Alfonso Carrasco, Ginés Plaza imprimiulle a este labor unha dimensión eclesial.
Ginés Plaza agradeceu a colaboración dos membros de Cáritas e mencionou a cinco persoas: Mónica Yáñez, piar fundamental; Carmen Sandar e Paula Castro, que puxeron a Cáritas Lugo nunha situación económica solvente; Antón Negro, asesorando e guiando nos bos e nos malos momentos; D. Alfonso Carrasco, referente para todos. Finalmente, sinalou que o Espírito segue axudando a que Cáritas continúe o seu labor.
O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, fixo a presentación da nova directora, Amparo González, e destacou a súa capacidade de organización e o feito de ser unha persoa resolutiva.
Pola súa parte, Amparo González dixo que Ginés déixalle o listón moi alto, que xa tivera trato con él e comprobara o seu carácter conciliador. O primeiro agradecemento foi a D. Alfonso Carrasco pola confianza depositada nela, tamén a Ginés pola súa implicación e a súa xenerosidade, e aos traballadores, aos voluntarios e aos párrocos. Agradeceu á empresa na que Amparo González traballa a flexibilidade e a disposición que lle brinda para poder levar a cabo a súa laboura en Cáritas. Tamén mencionou o apoio da familia e deu grazas á Virxe de Lourdes, porque Ginés Plaza regaláralle unha imaxe desa advocación, que a acompaña sempre.
Amparo considera que é un cargo con moita responsabilidade e comprometeu o seu esforzo para conseguir que as persoas vulnerables sigan sendo o centro de atención de Cáritas.
A nova directora de Cáritas Diocesana de Lugo María Amparo González Méndez é directora de operacións na empresa de Lalín GSI Dotación industrial. Na Xunta de Galicia foi Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (2012 – 2020) e anteriormente Directora xeral de Promoción do Emprego.
Gústame esto:
Gústame Cargando...