IX Encontro do voluntariado de Cáritas Galicia

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), default quality

O sábado 4 de xuño máis de 500 persoas desembarcarán en Mondoñedo, entre voluntarios, técnicos e membros dos equipos directivos das cinco Cáritas galegas.

O programa de actos, a partir das 10 h no claustro do Real Seminario ‘Santa Catalina’, inclúe unha degustación da tradicional tarta de Mondoñedo, Eucaristía na Catedral-Basílica, presidida polo bispo diocesano, Mons. Luis Angel de las Heras; saúdo de benvida a cargo da alcaldesa da cidade, Elena Candia, na Praza da Catedral, onde tamén se realizará unha foto de familia con todos os participantes; a conferencia ‘O voluntariado de Cáritas: pegada de misericordia’, pronunciada polo responsable de Voluntariado de Cáritas Española, Emilio López Salas.

Despois da comida no Seminario hai catro saídas culturais: Catedral e Museo Diocesano; Barrio de ‘Os Muíños’; Centro de interpretación do Camiño Norte; Basílica de San Martiño de Foz.

Pregón da Caridade

Myriam García Abrisqueta 1O mércores 25 de maio o Círculo das Artes de Lugo acolleu a 25º edición do Pregón da Caridade, a cargo de Myriam García Abrisqueta, conselleira de designación episcopal en Cáritas Española, ex presidenta de Mans Unidas.

Segundo Myriam García, o compromiso que asume Cáritas ten 5 características:

1) poñer a dignidade da persoa nun lugar central,

2) defender os dereitos das persoas,

3) responsabilidade que nos une uns a outros,

4) traballar pola xustiza para ir contra as causas que orixinan sufrimento,

5) esperanza cristiá, perseverando no traballo

Na súa intervención foi glosando os compoñentes da palabra “compromiso”, que inclúe o concepto ‘adiante’. Concepto que a Myriam García traíalle á mente a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes co Neno Xesús, ao que acaba de alimentar, entre as súas mans, moi preto do seu corazón, e coa mirada levantada. O Papa Francisco dicíalles aos membros do Comité Executivo de Cáritas Internacional que tivesen a esperanza mirando cara adiante, como a mirada da Virxe dos Ollos Grandes, unha mirada entrañable, que nace de dentro, que está chea de misericordia e de esperanza, na que cabemos todos. Esta é tamén a mirada de Cáritas.

Pregón Caridade público

Actos de Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade

O mércores 25 de maio terá lugar ás 20h no Círculo das Artes de Lugo o Pregón da Caridade, con motivo da celebración do Corpus Christi, que será o domingo 29. O pregón estará a cargo de Myriam García Abrisqueta, conselleira de designación episcopal en Cáritas Española, ex presidenta de Mans Unidas.

O xoves 26 de maio

Dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

Ás 18:00 Acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no salón de actos do Seminario.

Ás 19:00 Realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

Domingo 29 de maio

Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Monforte, Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

Sementeira no horto solidario de San Antonio de Padua

foto 003 - copia
Foto tomada un ano anterior

O sábado, 30 de abril, comeza a sementeira na horta solidaria da parroquia de San Antonio. Nas terras da zona de Saamasas que os veciños cederon para o cultivo.

Cáritas parroquial de San Antonio de Padua (Lugo) conta co proxecto “Horta Solidaria”. Esta iniciativa, que xorde dos propios fregueses da parroquia, intenta paliar as situacións de pobreza que afectan ao barrio ao mesmo tempo que se busca crear un clima de fraternidade e de caridade entre os membros da comunidade parroquial.

A parroquia agradece especialmente a súa colaboración a Gandería Cambra de San Xoán do Campo e a Servizos e maquinaria agrícola Moure de Portomarín, porque, ano tras ano, de forma altruísta doan uns o abono e os outros o transporte.

Presentación do libro Titanes contra pobreza, que conmemora os 50 anos de Cáritas de Lugo

Presentación libro Titanes contra pobreza

A Deputación de Lugo acolleu o día 15 a presentación do libro Titanes contra pobreza, co que se conmemoran os 50 anos de Cáritas Diocesana en Lugo.

O autor do libro, José de Cora, explicou que “a obra é como un álbum de fotografías no que se rende homenaxe a todos os implicados nos 50 anos de historia de Cáritas na provincia; e no que se pode apreciar a grandísima evolución no seo da propia organización durante todos estes anos”

O Director de Cáritas, Ginés Plaza, sinalou a importancia desta obra para lembrar “o labor de tantos lucenses: voluntarios, socios, colaboradores e traballadores de Cáritas en apoio aos máis desfavorecidos da sociedade; todos eles foron e son parte fundamental da historia desta institución, así como de Lugo, e así se ve reflectido neste libro”

O Bispo de Lugo, quixo pór en valor a creación de Cáritas un 4 de xuño de 1964, pois foi “a expresión da fe profunda do pobo de Lugo a Xesús Sacramentado presente no altar maior da Catedral. Este libro fala da sinxeleza da nosa Igrexa e de Cáritas que ten acompañado a moitas persoas, atendido moitas necesidades e consolado moitos sufrimentos. Como Igrexa debemos estar no medio do mundo e que a nosa presenza faga posible o encontro, o diálogo e a esperanza, sen aceptar exclusións, divisións ou marxinacións”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, lembrou o traballo desinteresado de Cáritas na loita contra a pobreza e a exclusión social. Destacou o traballo que nos últimos anos están a desenvolver para axudar e atender ás mulleres que exercen a prostitución ou son vítimas de trata.

Presentación libro Titanes contra pobreza público

A %d blogueros les gusta esto: