Programa educativo “Acubillo” levado a cabo por Cáritas en Lalín

Desde o pasado mes de xullo, 32 rapaces participan no proxecto Acubillo de Cáritas Diocesana de Lugo, que leva a cabo na ludoteca do edificio polivalente Manuel Rivero de Lalín.

Acubillo é o plan educativo de Cáritas Diocesana de Lugo centrado nunha abordaxe integral cos menores e as familias, ofrecéndolles reforzo educativo, logopedia, psicomotricidade, campamentos, colonias urbanas. E creáronse espazos familiares para traballar con nenos, adolescentes e familias. A elección de Lalín responde á necesidade de estender estes recursos nun ámbito que non sexa o das grandes capitais. En Lalín xa desenvolvía Cáritas varias liñas de traballo e o que se fai agora é ampliar este labor e responder ao incremento da demanda.

O investimento do programa Acubillo rolda os 500.000 euros cofinanciados pola Fundación «La Caixa» e o Fondo Social Europeo. Este plan educativo de Cáritas Diocesana de Lugo estará en Lalín até o ano 2029.

Campaña de Persoas sen Fogar

Na Campaña de Persoas sen Fogar que Cáritas leva a cabo este ano quere iniciar un camiño para combater o senfogarismo. Un camiño que non poden facer soas as persoas sen teito, pois resulta necesaria a implicación e o compromiso de toda a sociedade.

Sen acceso a unha vivenda digna e segura, hai dificultades para ter e manter un emprego, para empadroarse, e para acceder a prestacións. Tamén deteriora a saúde física e mental. A falta de recoñecemento e protección destes dereitos básicos illa da sociedade e invisibiliza.

De entre as decenas de beneficiarios do programa “Acollida e Acompañamento a Persoas sen Fogar” que leva adiante Cáritas Lugo, a organización recolle un testemuño:

 “Estaba na rúa, non tiña medios para unha vivenda ou un hostal para poder durmir, no que poder vivir, e con moitas dificultades de saúde, que me afectaba máis no inverno.

“O paso por aquí foi positivo, sempre tiven o apoio das persoas de aquí. Dou as grazas porque sempre me deron unha solución e puxeron os medios ao seu alcance, ou mesmo un pouco máis, para saír desa situación. Sentín ben, a gusto, positivo, sempre apoiado en todo momento.

“Mellorei en todo, ter un lugar digno para poder durmir, non estar a pasar frío, nin mollado, ter un teito para poder descansar”.

“O meu estado psicolóxico atópase mellor por atopar un apoio, unha axuda moi grande. En todo momento sempre tiveron a disposición de axudar, con seguimento para saber como ía.”

Memoria 2023 de Cáritas Lugo – Alí onde nos necesites

Cáritas Lugo: 60 anos coas persoas máis vulnerables

Cáritas Diocesana de Lugo alcanzou un fito significativo coa celebración do seu 60º aniversario, un evento que destaca a duradeira dedicación da organización á caridade e ao traballo social.

A Eucaristía de acción de grazas celebrada o 4 de xuño, na Catedral de Lugo, presidida polo Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, é un testemuño do compromiso continuo da comunidade cos valores de solidariedade e apoio mutuo.

A participación de sacerdotes, voluntarios, traballadores e colaboradores reflicte a ampla rede de persoas que contribuíron ao impacto positivo de Cáritas na diocese.

Ao longo de seis décadas, Cáritas Diocesana de Lugo foi un alicerce fundamental na prestación de axuda aos máis vulnerables, adaptándose aos cambios sociais e económicos para seguir sendo relevante e efectiva na súa misión.

Esta celebración non só honra o pasado, senón que tamén renova o compromiso da organización co futuro, asegurando que continúe sendo unha forza de cambio e esperanza na sociedade.

Remitido por Cáritas Lugo

Entrega dos I premios da Caridade

Nun acto presidido por Mons. Alfonso Carrasco o 30 de maio no Seminario, Cáritas Lugo fixo entrega dos I premios da Caridade aos nenos e mozos que participaron realizando traballos (debuxos, maquetas, curtas e poesías). Participaron 1066 escolares de distintos colexios.

Os premiados foron os seguintes:

– Infantil. Premio Individual: Gabi Herrera Gómez. 5A EI . Colexio Franciscanos (Lugo)

– Infantil. Premio “Aula máis creativa” . 4,5,6 EI. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Primaria (1º, 2º, 3º). Premio individual: Martín Díaz López. 2º EP. Colexio Nosa Sra. da Asunción. Sarria (Lugo)

– Primaria (1º, 2º, 3º). Premio “Aula máis creativa” . 2º EP. Colexio Cervantes (Lugo)

– Primaria (4º,5º,6º). Premio individual: Lorena Soto García 6º EP. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Primaria (4º, 5º, 6º). Premio “Aula máis creativa” . 6º EP. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Secundaria. Premio individual: Ainara Gorgoso Fernández. 2º ESO. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Secundaria: Premio “Aula máis creativa”: 3º A ESO. Colexio San Xosé (Lugo)

– Premio Especial “Colexio máis participativo e creativo”: Colexio Divino Mestre (Lugo)

Os asistentes ao acto puideron disfrutar coa actuación do Mago Rafa.

Pregón da Caridade

O mércores 29 de maio celebrouse no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo o Pregón da Caridade, que este ano correu a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira. O acto estivo presidido polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e nel tamén participou a directora de Cáritas de Lugo, Amparo González Méndez.

O pregoeiro agradeceu o labor de Cáritas e animou a seguir. Tras lembrar que son case 25.000 persoas as beneficiarias en Lugo, preguntouse que tería sido destes milleiros de persoas se Cáritas non existise. E comentou: “Pois isto, indudablemente, sería un problema, porque as administracións públicas está claro que non podemos chegar a cubrir toda a demanda que se xera da poboación”.

Tamén lembrou Miguel Santalices que a Cáritas se lle entregou a medalla do Parlamento:

“Eu un ano levei a Cáritas e por suposto a mesa na que está a representación política de todos os grupos, naquel momento eran máis grupos, non hubo unha dúbida, nin unha, aprobouse por unanimidade da mesa do Parlamento. Cando se entregou esa medalla, eu recordo que dixera que por riba de todo importan as persoas e as súas dificultades. E como exemplo último deste compromiso, que anima esta organización caritativa da Igrexa, a Igrexa está tamén firmemente comprometida neste ámbito”.

A %d blogueros les gusta esto: