Gústanme os medios de comunicación. Sigo as noticias da Igrexa e do mundo a través das redes sociais e dalgúns dixitais que considero de confianza. Sei que para para ter unha idea o máis obxectiva posible dun feito hai que analizalo desde dous ou tres puntos de vista diferentes e despois sacar a media.
Aprendín a non emocionarme e a non emitir xuízos ante titulares espectaculares, rechamantes ou escandalosos, pois ao final as cousas nunca son como parecen nunha primeira edición da noticia.
Todo isto, porque o outro día lía con estupor o seguinte titular: “Piden non difundir noticias falsas sobre igrexas destruídas e asasinatos de cristiáns en Oriente Medio”. No interior da noticia poñíanse varios exemplos de noticias falsas sobre persecucións a cristiáns nesta parte de mundo.
Quedei cunha sensación estraña e sen entender nada. Que interese pode haber en difundir unhas noticias falsas como estas?
Canto ben se podería facer cos medios de comunicación utilizados para unirnos, coñecernos, axudarnos e estar preto dos que temos lonxe!
Miguel Ángel Álvarez Pérez