O Consello Diocesano de Lugo da Adoración Nocturna elaborou un tríptico co título “Ven á cidade do Sacramento. Celebra connosco unha vixilia na Catedral de Lugo”. Envíase información aos consellos diocesanos e a todas as seccións adoradoras que hai en España. Tamén se fai isto para que sexan invitados pobos e parroquias onde non hai seccións. E a grupos que vaian facendo o Camiño Primitivo cara a Santiago, ao parar en Lugo tamén se lles dá a oportunidade de celebrar unha vixilia na Catedral de Lugo.
É unha invitación aberta, sen un prazo: calquera día do ano unha sección, un movemento, unha parroquia que queira achegarse a Lugo para facer unha vixilia, pódeo facer. Simplemente teñen que porse en contacto coa Adoración Nocturna de Lugo, avisar que día chegan e os adoradores lucenses con antelación preparan a vixilia. Facilitarase unha separata a cada persoa para o desenvolvemento da celebración. Adoradores de Lugo acompañarán no que se espera sexa unha grata vixilia nun marco tan importante como é a Catedral de Lugo e tamén acompañarán durante a estancia na capital lucense.