Desde o luns 16 ata o 27 de xullo o Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Lugo organiza o Campamento Urbano XXIV. O tema deste ano é “Silvatrania”, un hotel con monstruos. Un dos obxectivos é facer comprender que as apariencias enganan, que todas as persoas teñen algo positivo que achegar e que o ideal é a autenticidade. Outro obxectivo é a integración: entre os 77 nenos participantes hainos de toda condición social porque o Campamento está aberto a todos, aínda que teñen prioridade os que non poden acceder a outras actividades.
Cos nenos están 17 monitores e 4 axudantes, que están formándose; todos eles voluntarios. As actividades fanse pola mañá (de 10 a 14h) e pola tarde (de 16 a 20h) pero como tamén se busca a conciliación familiar, hai nenos que van antes ou quedan ao mediodía.
As actividades realízanse no Colexio Rosalía de Castro de Lugo e entre os días 21 e 23 no Colexio Cabo da Area de Laxe. Para iso cóntase coa colaboración da Consellería de Educación e dos Concellos de Lugo e Laxe.
Ademais destes días de Campamento, procúrase facer un seguimento todo o ano e segundo se vexan necesidades nalgúns nenos, son atendidos polos servizos correspondentes de Cáritas. A continuidade tamén se ve en que algúns nenos empezan indo ao Campamento, logo pasan a ser axudantes e finalmente son monitores.