Homenaxe a Don Elías Valiña

don-elias-valina-lembrado-por-carmen-pugliese

 O pasado día 29 de outubro, Don Elías Valiña (1929-1989) recibía unha homenaxe en Santiago de Compostela. O xefe do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago, Luis Celeiro, fixo unha semblanza de Don Elías, a quen se referiu como “cura innovador, valente, ilustrado, solidario e sobre todo amante do Camiño de Santiago. Foi un sabio que puxo o seu talento e os seus brazos na acción xacobea e na recuperación dun dos bens máis prezados que temos os galegos e que ten a humanidade. Deixou a vida na loita cotiá pola recuperación do Camiño”.

 O acto estivo presidido polo deán da Catedral compostelana, Segundo Pérez, quen destacou do homenaxeado que “combinase o traballo polo Camiño, a vida pastoral, e a vida intelectual. Sobre isto último non hai máis que ver o traballo inmenso do Catálogo de arquivos parroquiais da Diocese de Lugo”. Segundo Pérez adiantou unha idea que se baralla tamén como homenaxe a Don Elías: colocar un retrato seu na Oficina do Peregrino, xunto aos doutros valedores do Camiño.

 Tamén tivo unhas palabras para Don Elías a investigadora Carmen Pugliese (autora da montaxe que ilustra esta entrada): “Él é o home que, con escaso, case nulo orzamento, máis fixo polo Camiño de Santiago, e fíxoo por amor.”

Acollida a visitantes na igrexa de Portomarín

Macarena

 Na igrexa de Portomarín, como noutros edificios relixiosos da Diocese de Lugo que están nos Camiños de Santiago, unha persoa atende aos visitantes. É froito dun acordo asinado entre o Bispado e o Xacobeo. No caso de Portomarín é Macarena, que desempeña tal función desde hai 3 anos durante os 6 de meses de primavera e verán. É nese tempo cando acoden máis persoas: turistas e sobre todo peregrinos. A estes últimos Macarena sélalles a credencial, infórmalles dos horarios de misas con bendición do peregrino e cuestións prácticas sobre a ruta xacobea. Tamén explica as peculiaridades do templo: imaxes, estrutura, e, como non, o traslado do antigo Portomarín, feito descoñecido por moitos dos que chegan á localidade.

 Nos meses de xullo e agosto son maioritarios os visitantes españois (por exemplo, grupos de colexios); en cambio en marzo, abril e outubro a maioria son estranxeiros. Destes, as nacionalidades máis representadas son Italia e de países de América do Norte e do Sur. A pesar de que cada vez son máis os peregrinos que escollen rutas alternativas ao Camiño Francés, por este último tamén segue crecendo o número dos que o fan.

 Unha idea da progresión no número de visitantes da igrexa de Portomarín neste ano 2016 é o seguinte cadro:

Marzo    1673

Abril    3747

Maio    6783

Xuño    8399

 

Camiño a Santiago coa mesma idea que San Josemaría Escrivá

Peregrinos de Murcia

O 13 de xullo saían de Murcia 8 mozos acompañados de José, sacerdote encargado do club xuvenil do Opus Dei daquela localidade. Chegaron pola noite a Sarria, onde iniciaron o 14 pola mañá a primeira etapa que fan polo Camiño Francés. Están moi ilusionados por seguir tamén os pasos de San Josemaría Escrivá, que peregrinou a Santiago no ano 1938 co desexo dunha profunda conversión, de expiación e de pedir pola paz. A idea coa que fan o Camiño os 9 peregrinos murcianos vén ser a mesma: converterse, a expiación e a preparación para de agora en diante ser mellores cristiáns.

[Información sobre a presenza de Sanjosemaría en Santiago

Un grupo de lucenses inicia o 17 de marzo unha peregrinación a Santiago

peregrinos parten de Lugo

Distintas institucións públicas lucenses quixeron estar no punto de saída dunha das primeiras peregrinacións organizadas en grupo desde Lugo a Santiago trala declaración do Camiño Primitivo como patrimonio mundial. Despois de saír da Porta de San Pedro, a primeira parada da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a delegada da Xunta, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, foi ante a Porta da Misericordia, onde foron recibidos polo deán da Catedral, Mario Vázquez. Dentro do templo, rezouse ante a Virxe dos Ollos Grandes e impartiuse a bendición do peregrino.

En realidade, cada unha das autoridades civís realiza as etapas que mellor lle encaixan coas súas ocupacións, compatibilizando as súas axendas coa peregrinación. A primeira desas etapas é a do día 17 de marzo. Outros peregrinos si completarán os 102 quilómetros para chegar a Santiago o domingo 20.

peregrinos pola Porta da Misericordia

Comunicado do Bispado de Lugo sobre a credencial de peregrino

Ante as informacións sobre a credencial do peregrino expedida en Lugo, manifestamos:

– Esta Diocese recibiu a última hora da tarde de onte unha nota da Oficina de Acollida ao Peregrino, que foi publicada na prensa, negando todo recoñecemento a unha credencial que esta Diocese tería expedido.

– Devandita credencial é, en realidade, iniciativa da Asociación Lugo Monumental, co patrocinio de La Voz de Galicia e o apoio explícito do Bispado de Lugo que considerou moi positivo este proxecto. Esta credencial foi presentada o 19 de novembro de 2015. A recadación pola venda da mesma (1 €) é destinada pola Asociación íntegramente a Cáritas diocesana de Lugo.

– Desde os inicios da historia da Igrexa, os Bispos expediron cartas credenciais ou documentos semellantes aos fieis que partían das súas Dioceses, coas que acreditar a súa condición de católicos ou de peregrinos, e sempre foron recibidas como válidas nas Igrexas ás que se dirixían.

– En todo caso, procurouse respectar a vontade do Cabido da Catedral de Santiago, manifestada nunha nota do 17 de decembro de 2015 e publicada no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago, segundo a cal só recoñecerán como válida a credencial que eles emitan, garantindo a acollida doutras credenciais soamente ata o próximo primeiro de abril.

– Non comprendemos, xa que logo, o rexeitamento expresado agora pola Oficina de Acollida ao Peregrino en exclusiva a esta credencial. Confiamos que esta cuestión resolverase seguindo as canles eclesiais normais.

A %d blogueros les gusta esto: