Camiño de Santiago organizado pola Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

A Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo) organiza unha peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés. Un sábado ao mes faise unha etapa. Comezarán en O Cebreiro o 23 de novembro.

As etapas previstas son as seguintes:

· 23 novembro 2019: O Cebreiro – O Biduedo (14,4 km.)

· 14 de decembro 2019: O Biduedo – Montán (14,2 km.)

· 11 de xaneiro de 2020: Montán – Mosteiro (15,1 km.)

· 1 de febreiro de 2020: Mosteiro – Portomarín (15,2 km.)

· 29 de febreiro de 2020: Portomarín – Ligonde (16,5 km.)

· 28 de marzo de 2020: Ligonde – O Coto (17 km.)

· 18 de abril de 2020: O Coto – Ribadiso de Abaixo (17,3 km.)

· 16 de maio de 2020: Ribadiso de Abaixo – A Brea (14 km.)

· 27 de xuño de 2020: A Brea – Monte do Gozo (21,4 km.) (pernocta)

· 28 de xuño de 2020: Monte do Gozo – Santiago de Compostela (4,5 km.)

      12:00 h Misa do Peregrino na Catedral de Santiago.

Mozos de Lugo e Santiago acollen a peregrinos en Portomarín

Un grupo de mozos das dioceses de Lugo e Santiago están desde o 20 de xullo ata o día 28 acollendo en Portomarín peregrinos que fan o Camiño de Santiago. Cada mañá, despois dun tempo de oración, un grupo recibe aos peregrinos no medio do Camiño e outro xa os recibe no propio Portomarín. Son invitados a asistir a un encontro musical ás 18:30 h diante da igrexa e à celebración eucarística das 20 h. Ao final desta, impártese a bendición a cada peregrino persoalmente.

San Xoán Bautista, solsticio de verán, o Camiño de Santiago e a fonte da Fonsagrada

Este ano houbo que esperar un pouco, pero logo de tres días de néboas e nubes, puido verse como os primeiros raios de sol do día impactaban de cheo no centro da Fonte da Fonsagrada.

Este acontecemento, que só pode contemplarse no solsticio de verán, fainos lembrar toda a importancia do sol para a vida da persoas, que se podería estudar desde a antropoloxía e as ciencias, sen esquecer a teoloxía e a Bilblia.

Desde aquí quero ofrecer unas cantas notas que nos poidan axudar a comprender mellor o simbolismo relixioso deste acontecemento, que se repite noutros moitos lugares do mundo, coas súas variacións.

Sobre o solsticio de verán e o día de San Xoán Bautista

O soslticio de verán é o 21 de xuño. O 24 deste mesmo mes, só tres días despois, celébrase a solemnidade do Nacemento de Xoán Bautista, primo de Xesús. Nestas datas gozamos dos días máis longos do ano.

Non se trata, como din algúns, de que o cristianismo “expropie” as antigas festas pagás. O que fan os primeiros cristiáns é encher esas festas de contido trancendente e un sentido cristián, como fixeron con todas as cousas da vida ordinaria.

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, refírese a Xesucristo como “o Sol que nace do alto”. Xoán Bautista di que convén que el mingüe para que Cristo creza.

Se nos fixamos, unha vez que chegamos ao día máis grande do ano, 24 de xuño, festa do nacemento de San Xoán, necesariamente a partir desa data empezan a decrecer os días. Será, seis meses despois, o 25 de decembro, día do nacemento de Xesucristo, cando volvan comezar a crecer: Xoán decrece (24 de xuño), Xesucristo crece (25 de decembro).

O caso da Fonte de Fonsagrada.

A tradición vincula os milagres desta fonte ao Camiño Primitivo a Santiago. Unha das lendas conta que chegou un peregrino canso e famento a este lugar, chamou a unha casa a pedir algo de alimento, pero a casa era pobre e non tiñan nada. O peregrino indicoulle á señora da casa que fose buscar auga á fonte para darlle de beber. A muller foi e cando chegou de volta a casa a auga converteuse en leite, da que se alimentaron aquel peregrino e todos os da casa. Esta historia lémbranos a pasaxe de Elías e a pobre viúva e o seu fillo, ademais doutros moitos.

Por este milagre, a fonte é chamada “sagrada” e, fose como fose a historia, o feito é que a este lugar chámaselle desde sempre “Fonsagrada” (Fonte Sagrada). A fonte está dedicada a Santa María, da que hai dúas imaxes na fonte: unha no centro e a outra ao carón. A parroquia deste lugar, situada á beira mesmo da fonte, tamén está dedicada a Santa María. Seguramente, así comezou a historia deste pobo: un peregrino, unha fonte e Santa María.

A esta fonte chega directamente o Camiño de Santiago. Ao coroar a forte pendente que hai desde Paradanova, os peregrinos atópanse de cheo coa fonte. Seguramente noutros tempos, bastante afastados, máis dun peregrino saciou a súa sede nesta fonte e aquí repúxose do cansazo.

Por este último tramo do camiño, que aquí coñecemos como “Caella de Valeriano”, nestes días (21-24 de xuño) entran os primeiros raios de sol do día e iluminan dun modo singular o centro da fonte, coas imaxes de Santa María, como se pode ver na foto.

Concluíndo

No día máis grande do ano, o día de menos escuridade, o Sol que nace do alto (Xesús) é acollido pola Virxe María, para ser a súa nai e poida asumir a condición humana e guiarnos na peregrinación da nosa vida, para que un día podamos gozar da eternidade nun día que xa non terá ocaso.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

Peregrinación a Santiago da Parroquia de San Antonio (Lugo)

O 15 de outubro culmina o Camiño de Santiago que organiza desde o pasado mes a Parroquia San Antonio de Padua, de Lugo. Os sábados un grupo de persoas con idades comprendidas entre os 2 e os 82 anos estiveron facendo unha etapa do Camiño Primitivo.

O 14 de outubro faise a etapa Santa Irene – Monte do Gozo. E tras pernoctar no Monte do Gozo, fai a etapa final ata Compostela, onde se asistirá ás 12 h á Misa do Peregrino.

Para as persoas que non fan a peregrinación a pé pero desexen participar en devandita Misa haberá un autobús desde Lugo o día 15.

Alberte Leiva abre as IX Xornadas divulgativas do Camiño

 

O Centro Penitenciario de Bonxe, na semana da Nosa Señora da Mercé, acolle as IX Xornadas divulgativas do Camiño Primitivo. Trátase de dar a coñecer a ruta xacobea nos seus variados aspectos: relixioso, histórico, paisaxístico… e fomentar a cultura xacobea no ámbito penitenciario. O programa deste ano é o seguinte:

MARTES 19 ás 17:45h

Presentación das Xornadas a cargo de D. Álvaro Nuevo García, Director do Centro Penitenciario de Bonxe -Lugo.

Conferencia: “Roma-Santiago, Camiño en espíritu e verdade”, por D. Alberte Leiva Torreiro, párroco de San Antonio de Padua (Lugo), licenciado en Maxisterio, profesor no Colexio Divino Mestre.

MÉRCORES 20 ás 17:45h

Conferencia: ” O Camiño primitivo do Acebo a Lugo”, por D. Manuel Muñiz Besteiro, Licenciado en Galego-Portugés, profesor no Instituto Gregorio Fernández de Sarria, sindicalista, presidente da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde e socio de varias Asociacións culturais e veciñais.

XOVES 21 ás 17:45h

Conferencia: “El Camino como intervención terapéutica”, por D. Roberto Fernández Villamil, Subdirector de Tratamento do Centro Penitenciario de Bonxe-Lugo.

Proxección da montaxe audiovisual “Lembranzas do Camiño Primitivo”. Participan José Peña Lage, secretario da Asociación Viandantes do Camiño Primitivo e internos da prisión.

 

Tamén está en marcha o V Encontro de Pastoral Penal de Galicia, que este ano preside Mons. D. Alfonso Carrasco

A %d blogueros les gusta esto: