Peregrinación a Santiago de presos, funcionarios e voluntarios

A Pastoral Penal organiza unha peregrinación polo Camiño de Santiago de máis de dous centenares de persoas de 13 prisións de España. Do cárcere lugués de Bonxe iniciaron o 2 de outubro a súa peregrinación 9 presos, 5 funcionarios e 2 voluntarios, despois de que na Catedral o capelán José Río Ramilo lles impartise a bendición do peregrino.

Nos últimos anos lévase a cabo no comezo do outono. Así, neste 2024 o 5 de outubro, despois de facer durante varios días algunha das rutas xacobeas, conflúen no Monte do Gozo 240 persoas, entre presos, funcionarios e voluntarios para facer o último tramo, ata Compostela, onde se participará na Misa do Peregrino e posteriormente no Seminario algúns dos peregrinos comunicarán a súa experiencia. Nesta xornada final tamén estará presente o Subdirector Xeral de Institucións Penais.

Ademais de Bonxe, os centros de reclusión que participan son: Mallorca, Puerto 3 (El Puerto de Santa María), Pereiro de Aguiar (Ourense), Morón de la Frontera, Jaén, Burgos, Pamplona, Córdoba, Teixeiro (A Coruña), Soto del Real, Botafuegos (Algeciras) e A Lama (Pontevedra).

Celebración das Xornadas Europeas de Patrimonio

En España, as Xornadas Europeas de Patrimonio celébranse en distintos momentos de setembro – novembro.

En Galicia os días 27 e 28 de setembro hai visitas guiadas por cidades atravesadas por algunha ruta xacobea e invítase a visitar igrexas situadas en camiños de Santiago. Así, no Camiño Francés, os peregrinos e visitantes poderán gozar do patrimonio das igrexas de Santa María a Real de Pedrafita do Cebreiro, Santa Mariña de Sarria, San Nicolás e Santa María de Castromaior de Portomarín  e Santiago de Ligonde de Monterroso.

No Camiño Primitivo, os templos implicados nas Xornadas son os de Santa María da Fonsagrada, Santo Tomé de Souto de Torres de Castroverde; Santa María de Bascuas, San Lázaro da Ponte e Santa Eulalia de Bóveda, todas elas en Lugo e San Salvador de Merlán, en Palas de Rei.

As igrexas do Camiño Norte son San Paio de Seixón e Santiago de Miraz de Friol, mentres que no Camiño de Inverno son as de San Miguel de Montefurado de Quiroga; San Clodio de Ribas de Sil; San Pedro de Cereixa da Pobra do Brollón; San Salvador de Moreda de Monforte de Lemos e San Xiao de Pedroso de Rodeiro. O templo da Vía da Prata é Salvador do Castro de Dozón.

É unha proposta que leva a cabo a Xunta de Galicia que, na súa condición de institución que preside durante este ano a Federación Europea do Camiño de Santiago, organiza estes actos sobre o patrimonio vencellado á ruta xacobea.

Pola súa parte, a Delegación de Patrimonio de Diocese de Lugo, en colaboración coa Unidade Pastoral de Melide, Toques e Santiso, organiza o sábado 19 de outubro unha ruta en Melide desde a capela de San Roque até Santa María.

Peregrinación promovida por Franciscanos da Terceira Orde Regular

Na súa peregrinación de cinco días polo Camiño Primitivo, o 29 de xullo, despois do rezo de laudes, comeza en Lugo unha nova etapa da peregrinación promovida por Franciscanos da Terceira Orde Regular. Entre os peregrinos hai fregueses da parroquia madrileña do Santo Neno de Cebú e alumnos do colexio da Porciúncula de Palma de Mallorca. O obxectivo da peregrinación é “deixarse converter polo Señor e buscar o amparo do Apóstolo”.

Peregrinación a Santiago de presos e funcionarios de Bonxe

Tras varias décadas organizando o cárcere de Bonxe, en colaboración coa Pastoral Penal, unha peregrinación anual polo Camiño Primitivo, este ano retómase, tras quedar suspendida no ano 2020. O ano pasado gañárase o Xubileu, xunto con outras prisións españolas, e decidírase reanudar as peregrinacións a pé. Durante cinco días, oito presos, catro funcionarios e un voluntario farán o Camiño Primitivo, despois de que o capelán da prisión de Bonxe, José Río, impartise a bendición do peregrino na Catedral de Lugo.

Elena Roquier, autora do libro “Santiago Apóstol El Mayor”

María Elena Roquier no acto da presentación do libro

A escritora e escultora arxentina María Elena Roquier inicia o 11 de maio en Lugo o Camiño de Santiago. O día anterior presentou a súa obra Santiago Apóstolo El Mayor e antes do acto respondeu a algunhas cuestións.

– Como xurdiu a idea de escribir sobre o Apóstolo Santiago?

– Uunha amiga que vive en Córdoba (Arxentina) fixo como catro ou cinco veces o Camiño de Santiago e contábame moitas historias sobre a súa experiencia nese peregrinar. Logo xurdiu un intercambio con Xavier Eguiguren: eu enviáballe unha novela miña, el enviábame unha obra súa, e unha que considero moi interesante del  é a titulada 730.000 Pasos sobre os Camiños de Santiago. Vin a necesidade de comezar a buscar material sobre o Apóstolo Santiago e chegou un momento en que dixen “eu teño que escribir sobre este santo”. Cando tiven unha cantidade de información que me pareceu que era a que me servía realmente para imaxinarme ao Apóstolo evanxelizando, falando coa xente, foi cando xa me puxen a escribir, en plena pandemia.

– Que personaxes aparecen na obra, ademais do Apóstolo?

– Recorrín á Biblia e tamén inventei algúns personaxes, deilles vida. Hai unha nena que é un personaxe moi particular: está ao comezo, no centro da novela e tamén ao final. E van xurdindo outras persoas que o Apóstolo se vai atopando no camiño e que lle fan lembrar a Xesús e o que aprendeu del. Xesús brindoulle dons para que chegase el á situación á que chegou, que dixo agora si beberei o cáliz que Ti bebiches e que eu non entendín no seu momento. Foi cando decapitaron a Santiago.

– A que público vai dirixida o libro?

– Persoas que xa o leron consideran que pola linguaxe e outras características desta novela, está moi dirixida aos nenos. Por suposto que para os adultos tamén.

A %d blogueros les gusta esto: