Iniciamos xa un novo curso pastoral subidos á barca con Cristo! Sopra o vento. Braman as tormentas. Pésanos o sono. Pero nós, con El, abrimos a nova ruta do ano con ánimo e confianza. Sen medo ás furiosas ondas, impulsados co seu vento recio, facemos a travesía con El.
Sementar, e sementar ben, é a nosa misión. Sementar paz aos corazóns, proximidade ao sufrinte, ao descrido sementarlle a chamada ao coñecemento eucarístico, ao veciño a fidelidade da fe e así unilo a Cristo.
“A nosa vida espiritual vale o que vale a nosa piedade eucarística, a nosa vida eucarística” (Pablo Dominguez Prieto: Hasta la cumbre – Testimonio espiritual). Debemos telo claro. A vida espiritual é unha interacción entre obras e contemplación; no centro sempre Cristo, a quen contemplamos e seguimos. A vida cristiá nace e aliméntase da eucaristía. Ela é a onda forte que planifica o corazón.
Afacémonos con demasiada frecuencia até ás cousas santas. Pero miremos aos grandes místicos que celebramos neste mes, Teresa de Lisieux, Teresa de Ávila, Xoán Paulo ll… para quen a eucaristía, como encontro e misión, impregnaba a súa vida. Ser fundamentalmente contemplativo e activo debe xerar en cada un, como xerou neles, unha constante actitude de compromiso, gratitude e vitalidade.
Unámonos todos en común oración un curso máis. E comecemos sen desánimo. En esperanza e con esperanza. “A esperanza non decepciona”, estimúlanos o papa Francisco para o Xubileu do ano 2025.
Daniel García
Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras