Despois das pasadas eleccións catalás do 21 de decembro hai comentaristas e cidadáns que din que a situación volve a ser como antes. Pero iso non é verdade pois moitas cousas cambiaron considerablemente. Non estamos no punto de partida, senón que o acaecido ponnos nunha realidade distinta. Ademais, loxicamente seguirán producíndose cambios a curto prazo.
1) Na vida sociopolítica xa se produciron diversos cambios e entre eles eu quero resaltar os seguintes:
a) O primeiro é constatar que baixou moito o temor a aplicar o artigo 155 da Constitución. Mesmo nalgúns grupos políticos desapareceu por completo ese temor. Xa tódalas autonomías saben que existe ese artigo e que se pode aplicar sen maiores dificultades.
b) Por primeira vez o Goberno Central destituíu a un Goberno Autonómico e, por tanto, hai precedente para poder facelo máis veces. Este feito queda xa na memoria colectiva para ben e para mal. Ademais, pódese disolver un Parlamento Autonómico e convocar novas eleccións.
c) Case todos sabiamos que non ían ter apoio da Unión Europea, da ONU nin doutros países como anunciaban. Agora é claro para cataláns e demais españois que ese apoio non existe.
d) Tamén se sabía que se irían moitas empresas, aínda que as autoridades catalás preconizaban que non marcharía ningunha e mesmo virían instalarse moitas. Agora é evidente que as empresas marchan neses procesos.
Engadiría un pequeno comentario ao dato da obediencia da Administración Autonómica ao Goberno Central despois do 155: Penso que iso non debe sorprender, pois as persoas cando gañan 20.000 € ao ano ou máis, en xeral non están dispostas a arriscar a súa estabilidade por aventuras. Queren manter o seu nivel de vida e coa independencia había serias dúbidas. A medida que aumenta o nivel de riqueza aumenta xeralmente o conservadurismo do que se ten. Como isto non está ben visto, para tranquilizarnos e manipularnos a conciencia, fannos pasar por progresistas propostas políticas que son atentados contra a vida…
2) Por outra parte a curto prazo penso que cambiarán algunhas cousas. Sinalo dúas:
a) Antes de que pasen 5 anos PSOE e PP deberán apoiarse nos Orzamentos Xerais do Estado. Aínda que non se decatasen polo de agora é evidente que, o feito de que nunca o fixesen, perxudícaos como partidos, perxudica aos seus votantes e tamén ao conxunto dos españois en orde a un desenvolvemento equilibrado do país.
Se no pasado, en vez de pactar os Orzamentos cos partidos nacionalistas, tiveran pactado coas federacións rexionais do PSOE ou PP (incluídas as de Cataluña e Eukadi)… debilitarían aos nacionalistas e fortaleceríanse eles. Serían eles os que levan algo para as diversas comunidades autónomas e non os nacionalistas (Isto axuda a entender os resultados do 21 de decembro pois os nacionalistas case sempre levaron algún beneficio para a Autonomía). O mesmo vale para Cidadáns e Podemos.
b) Outro cambio, que xa se empeza a percibir, é que cos programas educativos non se controla a poboación en sociedades abertas. Tamén Franco quixo controlala, e cara o final do franquismo a Universidade e os Institutos eran da ideoloxía totalmente contraria ao réxime. Vén ser o que se chama a lei do péndulo da historia. Pero que quede claro que con isto non quero cuestionar a importancia fundamental da educación.
3) Os apartados 1 e 2 anteriores están dentro do que é a democracia representativa vixente e homologada na Unión Europea. Non se debe esquecer que os Gobernos teñen a supervisión política, económica e xurídica da UE, así que as Autonomías ou Rexións téñena dos Gobernos (esixencia tamén da UE).
Outra cuestión sería proxectar o qué facer para apostar por unha maior xustiza e democracia tendo presente que somos unha única humanidade.
É certo que temos que afrontar a solución dos problemas dos empobrecidos e famentos, dos refuxiados e inmigrantes mediante unha solidariedade universal. O Mediterráneo ten que deixar de ser un gran cemiterio. Hai que pór fin á violencia e ás guerras, á trata de persoas, á escravitude infantil… Aquí debe estar o compromiso ético e político máis importante. As accións guiadas polo egoísmo agravan a situación dos empobrecidos.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas