Buscade ao Señor mentres se deixa atopar. Aquí quedei ao ler as lecturas do próximo domingo. É a primeira liña da primeira lectura, do profeta Isaías. Ou sexa que non fixen máis que empezar e asusteime un pouco pensando que pode chegar un momento no que o Señor non se deixe atopar.
Agora que se deixa atopar, se cadra somos nós os que non o queremos buscar ou non queremos atoparnos con El, o que sería aínda máis grave. Pero, tamén podería pasar que non se deixe atopar cando esteamos necesitados ou apurados. Isto sería triste.
O encontro con Xesucristo é fundamental para ser cristiáns. Sen este encontro só seremos cristiáns de nome, os ritos e celebracións non terán sentido e que só fariamos por unha tradición que xa non coñecemos.
Como cura, á vista do que teño que facer moitos días (ou que me “obrigan” a facer) é o que máis me preocupa: que Xesucristo, en nome de quen facemos todo, sexa un gran descoñecido. Facemos celebracións e liturxias cristiás en momentos da nosa vida e na morte, pero nin buscamos a Cristo nin nos preocupa non poder atoparnos con El. Estes días sae a colación nalgúns comentarios unha realidade que tamén xa descoñece a maioría da poboación: o norte de África, que foi profundamente cristián, e no que fai moito tempo que apenas queda rastro do cristianismo. O mesmo podemos dicir de Siria e outros lugares nos que o cristianismo estivo fortemente enraizado desde o principio da Igrexa. Se non cambiamos de rumbo tamén pode pasar o mesmo en España. O problema non é que deixemos de ser cristiáns, que a moitos pouco lles importa. O problema é que deixaremos de ser o que somos e converterémonos noutra cousa.
Buscade ao Señor que se deixa atopar. Aínda podemos dicir máis, o Señor faise o encontradizo, para que nos sexa fácil atoparnos con El. Non temos escusa. Deixémonos sorprender. Non teñamos medo.
Buscade ao Señor mentres se lle atopa, invocádeo mentres estea cerca; que o malvado abandone o seu camiño, e o criminal os seus plans; que regrese ao Señor, e El terá piedade; o noso Deus, que é rico en perdón. Os meus plans non son os vosos plans, os vosos camiños non son os meus camiños -oráculo do Señor-. Como o ceo é máis alto que a terra, os meus camiños son máis altos que os vosos, os meus plans cós vosos plans. (55, 6-9)
Miguel Ángel Álvarez
Falando Baixiño, nº 158
Imaxe: cathopic.com