O Bispo de lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco vén de publicar un escrito titulado O Ano da fe, unha renovación de vida. Nel vai expoñendo algunhas características da fe e do que supón celebrar o Ano da fe. Tamén fai ver o señor Bispo a necesidade de coidar o sacramento da confesión, que “é una forma sinxela de promover a vivencia da fe e a evanxelización, que sempre é facilitada polo encontro persoal”.
Ademais da peregrinación diocesana a Roma hai iniciativas concretas da Diocese lucense, como peregrinacións por arciprestados á Catedral, sesións para reflexionar sobre o Credo apostólico e haberá un día de celebración festiva de varias parroquias conxuntamente, en distintas zonas da Diocese, para “recoñecer, compartir e dar grazas polo tesouro da propia fe”.
Finalmente, Monseñor Alfonso Carrasco encomenda as tarefas deste Ano e a nosa fe á protección da Santa Virxe María.