El Obispo de Lugo, Mons, Alfonso Carrasco Rouco, concelebró en una Eucaristía que presidió el cardenal Rouco Varela en JMJ en Brasil, pidiendo por los fallecidos en el #accidentesantiago y por sus familiares.
Bispo
Celebración do Corpus na Praza de Santa María
Fieis de todas as parroquias de Lugo asistiron o domingo, 2 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María, á Eucaristía da Solemnidade do Corpus, presidida polo Bispo da Diocese.
Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, lembrou que a “festividade de Corpus celébrase de extremo a extremo da terra e, en Lugo, vívese de forma especial pola permanente presenza do Santísimo na nosa Catedral, expresión da fe deste pobo á Eucaristía”.
“Mirando ao Santísimo -continuou o Bispo de Lugo- coñecemos cal é o Deus verdadeiro. Xesús home que deu o seu corpo e sangue por nós é o noso Deus”. Terminou a súa homilía facendo mención á celebración do Día da Caridade: “A lei do Señor é unha lei de caridade, de dar e darse; isto úrxenos aos cristiáns a atender ao que temos á beira e non despedilo cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha”.
Despois da celebración, todos os movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias e representantes de colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese, participaron na procesión de Corpus: o Santísimo, na carroza que o porta, percorreu as rúas do centro da cidade.
Coincidindo con esta celebración, as parroquias do arciprestado de Lugo peregrinaron á Catedral, como xa fixeran doutros lugares da Diocese. Todos os fieis recibiron un exemplar do libro-guía En_clave de fe (unha visita á catedral seguindo o credo).
I Xornada de Formación Cofrade
O 21 de marzo tivo lugar a I Xornada de Formación Cofrade, que contou coa intervención do Bispo de Lugo. Mons. Alfonso Carrasco falou de catro dimensións das confrarías de Semana Santa: 1) dimensión eclesial, pois os confrades son introducidos na plenitude da vida da Igrexa; 2) as confrarías contemplan a Paixón e morte de Cristo, figura pola que as confrarías teñen unha sensibilidade especial contemplando o camiño que fai humanamente, 3) dimensión penitencial, e nisto as confrarías falan da posibilidade de renovar a vida grazas ao Redentor e 4) presenza pública da Igrexa, en canto que o testemuño das confrarías é saudable non só e fundamentalmente para a fe senón tamén para a vida democrática.
Eucaristía de acción de grazas e de intercesión polo novo Pontífice
A Catedral de Lugo acolleu o xoves, 14 de marzo, ás 20h. a celebración dunha Eucaristía de acción de grazas e de intercesión polo novo Pontífice. Estivo presidida polo bispo. Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada polo Deán e canónigos da Seo lucense e outros sacerdotes diocesanos. Durante a homilía, o Bispo de Lugo dixo que “ninguén esperaba a aquel a quen o noso Señor enviou como Papa, como sucesor de Pedro. Era un dos posibles candidatos, era cardeal, pero os cálculos humanos non o puxeran no centro de atención”. A continuación Mons. Alfonso Carrasco explicou as consecuencias que podemos extraer disto: “Deus pensa doutra maneira. Podemos ver polo tanto que o Señor coida do seu pobo. E a mesma sorpresa, a novidade que todos sentimos ante a presenza dun novo sucesor de Pedro fálanos diso. Damos pasos, como dixo o Papa, a Igrexa camiña. O Señor guía os nosos destinos e por iso queremos dar grazas. É unha certeza profunda que calma o corazón do home”.
Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de san Xosé
PROVINCIA ECLESIASTICA DE SANTIAGO
O próximo día 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto na Igrexa Católica, non aparece incluído no calendario de festas do ano 2013 na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que si nalgúns concellos. Polo tanto, considérase, civilmente, como día normal de traballo.
Tendo en conta o arraigamento desta festividade no noso pobo, os Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá nesta circunstancia, para a orientación da conciencia dos nosos fieis, dispoñemos: Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obriga de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.
- Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
- Recoméndase a todos os sacerdotes, máxime aos párrocos e reitores de igrexas, que dean as facilidades oportunas para cumprir co precepto a todos os fieis cristiáns, facilitando un horario apropiado para iso.
- Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que comuniquen aos fieis o contido desta nota e os horarios de misas coa debida antelación.
- Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 16, e ao domingo, día 17 de marzo.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013.
+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+ Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.