Ás 12 da mañá do 25 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se vén celebrando desde 1669. Este acto pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.
O Bispo de Mondoñedo- Ferrol. Mons. Luis Angel de las Heras, presidiu a Eucaristía na que concelebraron:
O Arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Julián Barrio;
O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;
O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;
O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro Fiuza
O Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;
así como membros do cabido de Lugo.
Acompañaron á delegada rexia, alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, os representantes dalgunha das cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.
Na presentación da Ofrenda, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, comezou afirmando que, aínda que pasaron xa 348 anos, desde a primeira vez que se celebrou a Ofrenda, non a podemos ver como un de tantos costumes que perduran só por arraigo, senón porque somos un pobo de tradición cristiá “firme e asentado nas súas raíces, orgulloso e forte”. E, facendo súas as palabras do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro, expresou: “Loado sexa Deus porque me permitiu nacer, crecer e facerme home neste gran Reino que chamamos Galicia”.
Finalizou a súa Ofrenda lembrando que o “papel de políticos e representantes destacados da sociedade esíxenos servir aos demais e máis nada que aos demais, deixando de lado calquera interese persoal ou de partido”. E concretou a súa petición solicitando a axuda do Santísimo para terminar co paro; potenciar a familia; erradicar a lacra da violencia machista; os problemas de natalidade, despoboación, envellecemento e desenvolvemento da Galicia máis rural”
Na contestación á Ofrenda, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. de las Heras comezou a súa homilía manifestando que hoxe, en Lugo, ante o Santísimo Sacramento “recoñecemos o camiño da fe que o pobo de Deus que peregrina en Galicia percorreu ao longo da historia ata os nosos días; hoxe Galicia mira ao Santísimo”.
Recollendo as palabras da Alcaldesa de Mondoñedo, Mons. de las Heras continuou a súa intervención dicindo que “estes séculos de Ofrenda son signo dun pobo de persoas boas que, mirando a Cristo, dan froitos de caridade cos seus semellantes, especialmente cos máis necesitados, creando así froitos de unidade”.
“Valoro- continuou o bispo de Mondoñedo-Ferrol- que vostede recoñeza, señora alcaldesa, que os representantes elixidos polos cidadáns para gobernar han de pensar no mellor para todos, sen excluír a ninguén. (…) Temos que esforzarnos por superar os intereses particulares, de mirada curta. Xesucristo coñece os nosos temores, acolle e alenta os nosos acertos e esforzos para mellorar e defender a vida”.
Facendo un repaso polas necesidades do pobo galego, e non esquecendo que Galicia é un pobo de emigrantes, pediu que sexamos capaces de acoller aos que veñen á nosa terra buscando un futuro: “Que sexamos mensaxeiros da paz. Cristiáns que se alegran de recibir a paz de Xesús que transforma os corazóns e anuncian o evanxeo da paz nun mundo ferido pola violencia”
Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo. Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento ao longo do percorrido da procesión.
[Textos das intervencións da Alcaldesa de Mondoñedo e do Bispo de Mondoñedo-Ferrol]