A desigualdade converteuse na maior ameaza a nivel mundial, porque provoca que millóns de seres humanos vivan na pobreza e morra de fame (Mans Unidas). De feito, estímase que cada nove segundos morre unha persoa de fame no mundo; mentres sabemos ben que non habería motivo algún para iso, existindo recursos suficientes para todos.
Pero tamén é certo que «os proxectos de Mans Unidas cambian a vida da xente» (Irmá Victoria Braquehais, en Camerún); que a nosa contribución, feita con conciencia esperta e, por tanto, organizada, pode dar froitos concretos. Habemos de alegrarnos por poder dicir que está efectivamente nas nosas mans frear polo menos un pouco esta desigualdade; que, grazas a Mans Unidas, é posible chegar a persoas concretas e moi necesitadas, axudándoas realmente.
O traballo organizado é expresión da caridade verdadeira, que é, por suposto, intelixente e por iso busca sempre os métodos e camiños mellores para a súa acción. E, por esta conciencia e este traballo constante, atento ás circunstancias concretas, desexoso de achegar solucións, crece tamén a intelixencia dos problemas e das súas raíces nos modos de vida das nosas sociedades. A campaña de Mans Unidas préstanos tamén este servizo un ano máis.
En efecto, o crecemento da desigualdade é verdadeiramente unha ameaza, de que se pisen a dignidade e os dereitos máis elementais da persoa, de que moitas se atopen en situacións limite.
É un risco que percibimos moi real a partir da pandemia, da observación de que nos extraordinarios procesos vividos: os moi ricos fixéronse aínda máis ricos, mentres crecía a incerteza da maioría, simbolizada polo doloroso fenómeno da inflación.
Esta situación de crise tráenos á memoria como precisamente a familia contribuíu e pode contribuír a combater esta desigualdade e as súas consecuencias, como xa sucedeu noutros momentos recentes. Compréndense entón facilmente as repercusións que pode ter unha politica que non defenda a familia, como a que pon en cuestión a súa identidade e non a protexe nas súas necesidades máis inmediatas.
O exemplo da política familiar pode servir para comprender que desigualdades estruturais poden verse potenciadas por evolucións sociais e decisións políticas. Outros exemplos poderían ser os referidos ás medidas contra o cambio climático, ao uso xeneralizado de algoritmos nas institucións públicas ou en grandes empresas, ao control dos medios de comunicación, etc… que determinan cada vez máis a vida cotiá.
Todo iso pon ante os nosos ollos o aumento constante de instrumentos e capacidades de acción na nosa sociedade, do poder humano. E subliña ao mesmo tempo o significado radical e insubstituible da persoa, da súa conciencia, da obra das nosas mans. O crecemento da capacidade de dominio sobre moitos aspectos da realidade -e sobre as persoas e a sociedade- pode ser ocasión de moitos bens, pero tamén do abuso cada vez máis estruturado do forte sobre o débil, do crecemento da desigualdade.
A campaña de Mans Unidas chámanos así á nosa responsabilidade principal como cristiáns, a vivir a nosa fe con tesón e intelixencia, con profundo realismo, sabendo que faremos así unha contribución concreta a que os moitos recursos da nosa sociedade sirvan ao respecto pola dignidade de todos, á solidariedade real, á loita contra a inxustiza, a pobreza e a fame.
Porque canto máis crece a nosa capacidade de acción, o poder técnico, económico, social e mesmo militar, tanto máis urxe a nosa presenza responsable, a madurez da nosa conciencia, arraigada na fe -no respecto pola verdade-, educada a unha moralidade cuxa raíz e motivo é a caridade.
Vivamos e camiñemos xuntos, como Igrexa, como Pobo nado do amor do Señor, creador e redentor, paciente e sempre activo. Non quedemos sos, para ser máisfecundos en todo o que está nas nosas mans.
E que Deus bendiga especialmente a Mans Unidas, o seu labor cotián a favor dos máis necesitados e o importante servizo que presta a todos nós, convidándonos e axudándonos a vivir mellor o noso ser cristiáns nas circunstancias do noso mundo.
Mons. Alfonso Carrasco
Bispo de Lugo