Comezamos o camiño cara á Pascua. O tempo de Coresma ofrécenos a posibilidade de crecer, a oportunidade de entrar en nós e discernir o tipo de discípulos enviados que somos. Ofrécenos a posibilidade de ilusionarnos, coa ilusión de quen emprende camiño ou inicia unha nova etapa. Ofrécenos a oportunidade de desprendernos do superfluo, abandonar rutinas. Ofrécenos a oportunidade de arriscarnos á aventura de adentrarnos noutro mundo. Ofrécesenos a ocasión de agarrar a nosa cruz e cargar con ela facendo do esforzo e o sacrificio, ofrecemento.
Cantas veces nos gustaría deixar atrás facetas da nosa vida, e comezar de novo, borrando o malo e deixando so o bo. O camiño á Pascua é tempo de paso, cambio, conversión, movemento, novidade, nacemento. E tempo que podemos aproveitar para reflexionar, meditar, orar, perdoar, e perdoarnos… cada un sabe cal é o sendeiro que debe seguir, cada un de nos coñece cal é o sentido do seu xaxún, esmola ou abstinencia. Cada un de nós sabe do que debe desprenderse (da tristura, desazón, temor, rencor …) para deixar as mans libres coas que abrazar a Cristo que nos agarda cos brazos abertos.