O dos chamados “bautizos civís” non é novo. A tentación é comparalos coas vodas civís; pero non hai comparación posible e o nome tampouco é o correcto. O recoñecemento civil é obrigado para unha institución de dereito natural como é o matrimonio. A acollida dun novo cidadán xa se produce, ás poucas horas de nacer, coa súa inscrición no Rexistro Civil, sen ser necesario ningún outro trámite administrativo. Outra cousa é a celebración festiva deste ou outros acontecementos importantes da vida das persoas.
O Bautismo é un sacramento e a súa finalidade é perdoar o Pecado Orixinal e facer ao bautizado un novo membro da Igrexa. Non se celebra, xa que logo, a incorporación de ninguén á sociedade ou ao censo dun concello. Co cal, queda claro que non hai oposición de ningún tipo, podéndose dar as dúas cousas (civil e relixioso) ou, como é lóxico, a inscrición civil sen o sacramento do bautismo, pero non ao contrario. Non son incompatibles nin excluíntes.
Non nacemos cristiáns aínda que a nosa familia o sexa. Facémonos cristiáns cando recibimos o sacramento do Bautismo. Non é o caso, por exemplo, dos musulmáns que non teñen ningún rito de iniciación, pois para eles xa se nace musulmán.
A liturxia bautismal comeza á porta da Igrexa. Signifícase así o recibimento e a acollida solemne que lle facemos ao neno/a como novo membro da Igrexa. Despois “mergúllase” (que é o que significa a palabra bautismo) tres veces na auga bautismal para simbolizar os tres días que Xesucristo estivo no sepulcro e a súa resurrección a unha vida nova e definitiva, a vida eterna.
Polo bautismo, xa que logo, quedamos enxertados na vida de Cristo. De tal modo morreremos como Cristo morreu pero tamén resucitaremos como El: para a vida nova e eterna.
O nacemento dun neno sempre é unha boa noticia e unha alegría para a familia e é normal que se queira celebrar. Cando bautizamos a este novo membro da familia non só celebramos a súa vida terrenal senón que o poñemos en mans de Xesucristo para que semente nel a semente da vida eterna.
O bautismo acompáñanos durante toda a nosa existencia e ábrenos as portas para recibir os demais sacramentos da vida cristiá que necesitamos para facer o camiño natural de retorno á Casa do Pai.
Do mesmo xeito, ao final da vida, o día do noso funeral vólvense a facer presentes os elementos do bautismo, de forma especial a auga e o Cirio Pascual que representa a Cristo Resucitado. O día do noso bautismo Cristo acolleunos e incorporounos á Igrexa da terra. O día do noso funeral pedímoslle a este mesmo Cristo que lave os nosos pecados (aspersión da auga bendita sobre o féretro), que nos dea a vida nova e que nos incorpore á Igrexa do ceo.
Esta é a gran achega do Bautismo e non é pouco. Intentar comparar, dunha forma máis ou menos excluínte, o sacramento do Bautismo coas cerimonias civís de incorporación á sociedade ou aos trámites de inscrición no Rexistro Civil é confundir o touciño coa velocidade.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco de San Froilán