Autoaxuda?

Sempre me chamou a atención que nos aeroportos e estacións de ferrocarril haxa unha tan nutrida oferta dos chamados “libros de autoaxuda”. Aínda máis me pasma, cando paseo por certas librarías grandes en calquera parte do mundo, que a sección dos libros de autoaxuda sexa máis ampla que as de libros de filosofía, arte ou poesía, e case tan amplas como as de psicoloxía. E o que me asombra non é tanto a demanda destes libros senón o propio cualificativo de “autoaxuda”, porque me parece fraudulento.

Creo que a pretensión de autoaxuda é contraditoria por tres razóns:

A primeira razón é meramente semántica: o verbo axudar implica, cando menos, a dúas persoas: unha que axuda e outra que é axudada. Axudar é sempre axudar-a. Ninguén sae dun pozo tirando da súa propia melena (ou coleta, como no caso do Barón de Münchhausen).

En segundo lugar, o ser humano é esencialmente comunitario. E este ser comunitario vai moito máis alá do ser-con outros. Somos con outros, existimos con outros, pero sobre todo, existimos desde outros e para outros. E isto supón que nos apoiaron, impulsaron, sosteron, educaron, coidaron… axudaron. E que, ao chegar á madurez, somos nós os que axudamos, apoiamos, impulsamos, sostemos, educamos e coidamos a outros (todo aquilo ao que se refire o termo grego therapeuo, de onde vén “terapeuta”). Constituímonos, pois, sendo axudados e axudando a outros.

E, en terceiro lugar, porque o mesmo libro chamado de autoaxuda está escrito por unha persoa distinta ao axudado. É dicir, a súa mesma esencia é falaz: trátase de que alguén, sen dúbida con boa intención e, posiblemente tamén barruntando un beneficio económico, escribe un libro para dicir a outros como ser feliz, como afrontar os seus problemas ou como conseguir éxito. Por tanto, até un libro de “autoaxuda” é un libro de “heteroaxuda”: trátase de alguén que di a outro como mellorar un aspecto da súa vida. Por tanto, non é de autoaxuda. Para ser de autoaxuda tería que escribilo e lelo un mesmo.

Pero, ademais, os libros de autoaxuda caen nun erro esencial: pretender que hai receitas máxicas, fórmulas maxistrais, conselliños universais, á hora de afrontar a vida. O que lle serviu a el para ter éxito non é o que lle pode servir a outros, porque cada un está nunha circunstancia distinta. Só nun sentido o libro de autoaxuda éo literalmente: se ten éxito, é unha autoaxuda económica para quen o escribe e publica. Pero nada máis.

En realidade, a auténtica axuda ocorre no acompañamento. Mesmo é en acompañamento onde un mesmo pode pór en marcha o mellor de si, pero sempre desde outro. Xusto a esta tarefa dedicámonos os profesionais do Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo e de toda España: ao acompañamento persoal, a facer xuntos un camiño que permitirá crecer a acompañado e acompañante.

Xosé Manuel Domínguez Prieto

COF Diocesano de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: