Un ano mais, e con motivo de celebrarse o 7 de outubro a Xornada Mundial polo Traballo Decente, poñemos diante de nós a realidade do traballo na procura de darlle voz a súa situación precarizada que ameaza a vida de milleiros de persoas no mundo e que ten como consecuencia a imposibilidade de ter un traballo decente digno e estable.
Hoxe en día, traballar non asegura unha vida digna nin unha experiencia laboral humanizadora. Iso é así porque o capital enseñórase sen escrúpulos condicionando o futuro de moita xente. Temos que seguir denunciando que o traballo non so é unha necesidade senón un dereito. O traballo é camiño humano de realización e non se pode converter nunha mercadoría nin nun engrenaxe que sosteña o egoísmo duns poucos.
A precariedade laboral e o desemprego fanse estruturais xerando situacións de gran vulnerabilidade en grandes sectores de poboación, agudizando o drama da emigración, o desarraigamento e o choque cultural. Esta realidade está a afectar de maneira especial ás mulleres porque teñen menos opcións de traballo ou peores condicións salariais. O seu traballo, moitas veces centrado no coidado da familia ou dos máis débiles, non é recoñecido nin regulado co que isto pode afectar á calidade das súas vidas e á súa dignidade.
Promover o traballo digno é colaborar a que outra economía sexa posible. Unha economía do ben común, solidaria, participativa, social e ética, que transforme as relacións sociais, ofreza posibilidades de vida e xustiza aos e ás máis débiles. Impulsar este tipo de economía é facer posible que o traballo non se reduza a ter un emprego co que conseguir recursos económicos, entendelo como unha realidade constitutiva do ser humano e evitar que alguén poida quedar fora do acceso aos recursos económicos, sociais e naturais porque non teña un emprego remunerado.
Nesta forma de concibir o traballo, dentro deste horizonte de xustiza e solidaridade que a economía do ben común promove, teñen un protagonismo especial as mulleres. E o teñen porque desde sempre demostraron unha gran capacidade de resistencia e de creatividade para contrarrestar todo aquilo que as convertía en vítimas, ou agudizaba a súa precariedade. A procura de alternativas de subsistencia nacidas da sororidade e acompañamento mutuo, as iniciativas creativas e audaces de emprendemento femenino percorren todo o planeta como voz profética e anuncio de esperanza. Coas súas propostas alternativas de emprego e empoderamento móstrannos a forza da dignidade e recórdannos que non basta desexar o cambio, hai que ser o cambio.
Unha das entidades que forma parte da iniciativa Igrexa polo traballo decente é Taller de Solidaridad que a través do proxecto “Enredadas polo cambio” trata de facer realidade estas premisas. Baixo o lema: “tecemos os fios, tecemos o cambio” promove o traballo digno e a igualdade de xénero a través de fomentar, impulsar e visibilizar o emprendemento feminino, liderando iniciativas en rede e potenciando espazos participativos. Por ti, por min andamos todas na procura do traballo decente.
Carme Soto Varela
Iniciativa Igrexa polo traballo decente
Gústame esto:
Gústame Cargando...