Nota dos bispos da provincia eclesiástica compostelá ante as eleccións municipais

O día 22 deste mes estamos chamados a exercer o dereito de decidir co noso voto a quen encomendamos a xestión dos asuntos públicos dos nosos respectivos concellos. Como Bispos da Igrexa católica en Galicia queremos ofrecer aos nosos diocesanos e a todos os que desexen escoitarnos algunhas orientacións para o discernimento moral segundo a Doutrina Social da Igrexa.

1. Co noso voto elixiremos a quen van ocupar postos de goberno e influirán dunha ou doutra forma nas condicións da nosa vida. O bo criterio dos votantes é o verdadeiro gardián da saúde moral e cultural das sociedades e dos pobos.

2. O voto non abrangue todo o contido da democracia representativa, pero dalgunha forma expresa o sentir de moitos cidadáns. Votar é un dereito civil e constitucional do que non debemos sentirnos dispensados a non ser por motivos graves. O exercicio deste dereito con liberdade e responsabilidade esixe un discernimento claro e razoado sobre os programas das diferentes opcións políticas que se presentan ás urnas e danse a coñecer a través das distintas formas da campaña electoral. Contrastar a credibilidade e a capacidade profesional dos candidatos cunha información correcta será un punto de referencia.

3. Consideramos necesario extremar a esixencia dos candidatos, renunciando ás descualificacións gratuítas, e non deixándose levar por actitudes demagóxicas. Unha campaña serena nos modos e expresiva nos contidos axudará a que os cidadáns decidan mellor a súa opción política.

4. A transparencia, a imparcialidade no servizo da administración pública, o respecto dos dereitos dos adversarios políticos, o rexeitamento dos medios equívocos ou ilícitos para conquistar, manter ou aumentar o poder a calquera custo, a resposta á realidade da inmigración, do paro, do desarraigamento familiar, das construcións abusivas, etc. son signos que poderán axudar a facer o discernimento responsable que esixe o acto da votación.

5. O Concello é unha das institucións políticas máis importantes; en todo caso, a máis próxima ás persoas, de quen percibe todo tipo de necesidades. A razón de ser da política que busca a digna e xusta configuración da vida social, é o servizo ás persoas coas súas esixencias materiais e espirituais, e o poder político como factor de cohesión ha de ter sempre como obxectivo o ben común, como ben de todos, especialmente dos máis afectados pola pobreza humana, social e económica.

6. Agradecemos aos nosos políticos a súa dedicación e entrega a través da xestión dos asuntos públicos en favor de todos e animámolos a ofrecer este servizo con dispoñibilidade, competencia, honradez e xenerosidade.

Rogamos ao Señor, coa intercesión da Virxe María, que estas eleccións contribúan ao ben común de todos.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2011.

  • Julián, Arcebispo de Santiago de Compostela
  • Luís, Bispo de Tui-Vigo e Administrador Apostólico de Ourense
  • Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
  • Alfonso, Bispo de Lugo

Festividade de San Xoán de Avila

Este ano celebran as súas vodas de ouro e de prata os seguintes sacerdotes:

VODAS DE OURO

Alfonso Dorado, Inocencio
Álvarez Sánchez, Carlos
Arrojo Fernández, Pedro
Brandido Gutiérrez, Carlos
Castiñeira Pardo, Manuel
Díaz Pérez, Severino
Diéguez Fernández, Manuel
Fernández Andrade, Guillermo
González Hermida, José
Iglesias Sarandeses, Ángel
López Rivas, Jesús
López Vázquez, Antonio
López Vidal, Antonio
Mato López, Alfonso
Mella Vázquez, Benigno
Molejón Rañón, José
Patao Diéguez, José
Sampayo Vázquez, Gerardo
Torres Hermida, Pegerto
Vilar Vidal, Jesús
Gerard-Joseph Comeau Chenard (P Saletino)

VODAS DE PRATA

Martínez Carballosa, Ramiro

Programa de San Xoán de Avila, 10 de maio:

11 Acollida
11: 30 Mesa Redonda: “Intercambio xeracional e experiencia sacerdotal”
Interveñen: D. Pegerto Torres Hermida, D. Antonio López Vázquez, D. Ramiro Martínez Carballosa, D. José Gómez Vázquez, D. Carlos Presas Aguiar, D. José Luis González Regueiro.
Modera: D. Mario Vázquez Carballo.
13:00 Eucaristía
14:00 Comida

Novidade bibliográfica de D. Jaime Delgado

Co título Hojas volanderas “científico-periodísticas” sobre Vivero, ahora ya fijas en un libro, D. Jaime Delgado ofrécenos unha serie de colaboracións aparecidas no semanario Heraldo de Vivero e outras publicacións. En primeiro lugar, detalla as características do coro de estilo ecléctico situado na ábside da igrexa de San Francisco de Viveiro. E concreto, escenas da vida de San Francisco de Asís e outros (San Francisco Blanco, Sebastián de Aparicio…) e motivos xacobeos.

Nunha segunda parte, D. Jaime Delgado fai unha historia dos baptisterios e estuda a pía bautismal de Santa María de Viveiro, “unha das poucas pías lucenses que ofrecen temas simbólico-doctrinais”.

A terceira parte adícase ós seguintes temas:

– símbolos predecesores da cruz: tau, peixe, crismón;

– as representacións cristiás da crucifixión entre os séculos III e VI;

influencia das actitudes teocéntrica e antropocéntrica na representación de Cristo.

Finalmente, o novo libro de D. Jaime Delgado presenta un estudo do retablo barroco da igrexa de Santa María de Xerdiz.

Mans Unidas Lugo organiza o concerto “Música solidaria”

O día 10 de abril, ás oito da tarde, terá lugar o concerto “Música solidaria”. Será no Círculo das Artes, onde actuarán a Banda Sinfónica Cidade de Lugo, na súa primeira aparición pública, e a Coral Polifónica Xeral-Calde, dirixida por Fernando G. Jácome.

Os impulsores da iniciativa musical son Armando Morales, director da Escola Municipal de Música de Rábade, o profesor de percusión Efraím Díaz e o profesor de trompeta Adrián Lage. O director da Banda Municipal de Música de Lugo, Rosendo Ivorra, abrirá o concerto e despois cederá a batuta ao director invitado, Norman Milanés.

Os músicos participantes teñen unha formación académica importante. Entre eles hai profesores de conservatorios e escolas privadas e públicas, así como destacados alumnos. En total participarán uns corenta músicos de toda a provincia de Lugo e unha trintena de membros da Coral. Intervirá como solista o trompetista americano de orixe xaponesa John Aigi.

Neste primeiro concerto da Banda Sinfónica Cidade de Lugo realizarase un percorrido pola música de América: jazz estadounidense, ritmos mexicanos, cubanos e brasileiros. Tamén se tocarán clásicos (Entroido de Venecia) e pezas galegas (Soutullo, Xoán Montes).

As entradas (5 €) poden recollerse na Delegación de Mans Unidas na rúa da Cruz (nº 1-B, 1º) luns, mércores e venres de 11 a 13 horas e martes e xoves de 17:30 a 19:30 horas.

Peregrinación ao sepulcro de Luis de Trelles

O Consello Diocesano de Lugo de Adoración Nocturna organiza un desprazamento a Zamora cun dobre motivo: a peregrinación anual ao sepulcro do fundador na catedral zamorana e o 125 aniversario da fundación daquela sección diocesana. A organización deste desprazamento será como segue:

Saída de Lugo ás nove da mañá do día 9, desde a zona da Mosqueira (Ronda da Muralla), facendo unha parada fronte a Sindicatos e outra na Fonte dos Ranchos.

Parada no percorrido para almorzar.

Ás 14,30 horas, comida en Zamora.

Ás 17,00 horas, reunión do Padroado Luís de Trelles.

Ás 18,00 horas, mesa redonda sobre “D. Luís de Trelles e a Sección de Zamora”

Ás 19,30 horas, Vixilia Conmemorativa do 125 aniversario e regreso a Lugo.

O autobús págao o Consello e a comida e cea correrán a cargo dos peregrinos.

Os adoradores, familiares e amigos interesados neste desprazamento e que aínda non estean inscritos, poden facelo en moi breve prazo de días, chamando aos teléfonos 982 248 015 (Sr. Ginel) ou 982 244 376 (Sr. Pena).

A %d blogueros les gusta esto: