Concerto da Coral do Hospital de Lugo

 

O coro actuará o día 26 ás 20:30 horas no HULA. O concerto durará unha hora.

Na Residencia Sanitaria de Lugo nacía hai 20 anos a Coral do Hospital. Durante todos estes anos deixou en moi bo lugar o centro sanitario lucense por tódolos lugares onde levou a súa música. Lugares como Austria, Portugal, Sudamérica e, naturalmente, varias localidades de España.

O próximo día 26 celebrarase esa homenaxe musical ao persoal do Hospital con motivo deses vinte anos que leva o Coro cantando. Trátase pois, dun obsequio a todo o persoal do Hospital, traballadores do Sergas, familiares e amigos. 

Vida Ascendente organiza a exposición Artenova

  O día 27 de maio, como vén sendo usual por estas datas, o movemento de xubilados e maiores de Vida Ascendente abre a súa exposición ARTENOVA de manualidades varias e artigos ecolóxicos.

No local da antiga sancristía da Parroquia de Santiago (A Nova) está aberta a exposición até o 6 de xuño. A recadación irá integramente destinada a Caritas e a un proxecto de axuda en Bolivia, de misioneiros españois.

Xustificar nestes tempos o apoio ao necesitado xa non é necesario; está gravado no corazón das persoas solidarias. Coa axuda dos visitantes da exposición, Vida Ascendente espera seguir aumentando a cantidade de 150.000 € que nestes anos entregáronse aos máis pobres.

Os traballos e produtos pódense entregar antes e durante a exposición na portaría da Parroquia.

Presentación da obra de José Pena Mouriz La metáfora en la obra de Paul Ricoeur

  O libro La metáfora en la obra de Paul Ricoeur de José Pena Mouriz preséntase o 24 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano lucense ás oito da tarde. A obra recolle a tese que leu José Pena Mouriz o ano 2008 na facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. A tese fíxose baixo a dirección do profesor Marcelino Agís Villaverde.

O filósofo Paul Ricoeur quixo comprender mellor o discurso humano. E para iso analizou as figuras literarias en xeral e a metáfora en particular. O obxectivo da tese é presentar o tema da metáfora no campo da filosofía. E para iso, o autor toma como referente a obra de Paul Ricoeur, autor, por exemplo, do libro A metáfora viva.

Segundo Pena Mouriz, a obra de Ricoeur vai dando pasos nun longo percorrido e un construtivo diálogo coas correntes e unha gran nómina de filósofos que se dedicaron a reflexionar sobre este tema, ata chegar á conclusión de que metáfora filosófica é un elemento clave para a comprensión do discurso filosófico. A investigación desenvolvida por Pena Mouriz comeza na retórica clásica, pasa pola semiótica e a semántica e remata na hermenéutica, definindo unha serie de pasos que se corresponden, respectivamente, coas distintas entidades lingüísticas: a palabra, a frase e o discurso. A metáfora vai cobrando maior importancia. Considerada a metáfora como un discurso, correspóndelle, pois, o ámbito da hermenéutica.

Presentación dunha serie de concertos do Orfeón Lucense na Catedral

 

Na presentación dos concertos de música clásica / relixiosa do Orfeón Lucense, interviñeron o deán da Catedral, Luciano Armas; o presidente da coral, Xulio Xiz; o director, Xesús Mato, e o Bispo, Alfonso Carrasco. Foi o pasado día 11 no Bispado.

Luciano Armas insertou os concertos dentro dunha serie de actividades que expresan a actividade da Catedral noutros ámbitos non estrictamente litúrxicos: publicación dun disco hai pouco, realización do inventario dos fondos musicais da Catedral (a cargo do profesor Gargallo), coidado dos órganos e publicación dun libro sobre un deles. Organizar estas actividades, que non son propias do Cabido, recaerá sobre todo na Asociación de Amigos da Catedral.

Xulio Xiz comentou que as actuacións do Orfeón ata agora limitábanse aos cultos catedralicios. E agora, con esta serie de concertos, preténdese contribuír máis á vida espiritual e social da cidade de Lugo.

Xesús Mato adiantou que os futuros concertos repartiránse en dúas ou tres ocasións cada ano, nos momentos fortes: Advento, Coresma e/ou Pascua. Indicou tamén que pasarán pola Catedral coros de Lugo e fóra, actuando ben en solitario ou en conxunto co Orfeón. Este colaborará coa Orquestra Sinfónica Cidade de Lugo.

Alfonso Carrasco agradeceu o labor de Xesús Mato, Xulio Xiz e de todo o Orfeón. Considerou ata certo punto urxente coidar os dous órganos da Catedral. E sinalou que a música fai resplandecer dunha maneira especial a beleza. Daí o título deste primeiro concerto: Via Pulchritudinis.

Concerto que será o 13 de maio ás 20:30 horas na Capela do Bo Xesús da Catedral de Lugo.

Exposición de documentos da Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo

 

 

 

 

 

 

 

O xoves 12 de maio, no Seminario de Lugo, inaugúrase a Exposición de Documentos da Biblioteca do Seminario. Esta biblioteca alberga unha fantástica colección de manuscritos. Valiosos algúns pola súa historia; curiosos, outros, pola súa temática; interesantes todos polo esmero co que foron realizados.
Os variados documentos seleccionados para esta exposición constitúen, na súa maior parte, a memoria escrita da historia do Seminario Diocesano e da cidade de Lugo. Aparecen libros de contabilidade, libros de apuntamentos dos alumnos, salarios dos empregados, receitas médicas para os seminaristas, traballos de alumnos ilustres, alcabalas e os tumbos… Trátase dun percorrido pola historia do Seminario da man duns guías de excepción: os manuscritos.
Estará exposta até o día 15 de xuño, co seguinte horario: de 10 a 13,30 h. e de 17 a 19 h.

A %d blogueros les gusta esto: