Feito co corazón

A todos resúltanos familiar ou oímos nalgunha ocasión que actuar co corazón é o consello ofrecido pola persoas queridas cando cómpre tomar unha decisión ante unha situación que supón enfrontarse a un difícil conflito de intereses. Actuar co corazón suporía transcender a lóxica formal que conduce os nosos actos cara á satisfacción do que é máis propio, para alcanzar unha perspectiva sensible aos demais, sen perder autenticidade. Desde esta perspectiva, o corazón é o símbolo da dimensión social do noso ser, o sentido que outorga para os nosos pensamentos e accións unha motivación máis aló das razóns que nos empuxan a provernos do necesario para sobrevivir máis ou menos folgadamente. Alguén con corazón é unha persoa atenta ao que sucede ao seu redor, capaz de tentar situarse con discreción dentro dos zapatos do que ten preto, de abrigar esperanza para o descoñecido e de responder os sentimentos que xorden en grao profundo do seu ser cunha acción solidaria, voluntaria e calada. O que actúa con corazón ofrécese a si mesmo nun intento de atoparse na orixe con todos os demais, independentemente das crenzas, das ideoloxías e dos prexuízos.

Quizais moitos de nós esteamos uns pouco enfermos do corazón, como así o parece estar tamén esta sociedade nosa na que vivimos, tan obsesionada polo consumo e a súa inmediatez. O medicamento para esta enfermidade é relativamente sinxela. Simplemente dar sen protagonismo, dar sen analizar egoístamente cal é o destino daquilo do que nos desprendemos, dar con sentido colectivo. Porque, en definitiva, dar é darse, unha forma sa de vivir.

Santiago Díaz de Freijo

Voluntario de Caritas Diocesana de Lugo

Co corazón

O bico a un enfermo dáse co corazón, contra o corazón apertamos ao fillo que necesita calor e consolo, co corazón damos ánimo ao amigo que acode a nós afundido pola inquietude; os voluntarios dedican o seu tempo aos demais cun sentimento profundo que sae directamente do corazón, e do corazón saen as súas palabras de alento, o seu esforzo e o seu traballo. A man que aperta outra man para transmitir confianza, seguridade, amizade, amor, compañía, é man que move o corazón, como move o corazón a entrega aos demais ou a necesidade de sacar paciencia de onde non a hai.

As cousas importantes fanse co corazón: atender á familia, escoitar aos maiores que necesitan conversación para saír do seu illamento, facer os deberes cos fillos, atopar oco na axenda para atender a un compañeiro de traballo, abrazar a quen anda escaso de abrazos ou preparar unha reunión de amigos aínda que o cansazo infiltrase cada músculo, cada un dos poros da pel. O corazón impulsa a dicir que queres ver a película que quere ver a túa parella, impulsa tamén a renunciar á viaxe que preparabas desde hai anos para sumarse ao que prefire a maioría, como impulsa a non expresar nin unha soa palabra de protesta pola renuncia. O corazón move montañas, fai forte ao débil, elimina obstáculos, bota por terra a frase “o que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible”. Pode ser e é posible.

Crise económica, catástrofes naturais, programas de axuda, leis, normas, medidas contra o paro, prestacións sociais para os máis desfavorecidos. Supérase todo cando se pon corazón.

 

Pilar Cernuda

Festa relixiosa en honor á Virxe do Corpiño

  Desde o día 15 celébrase ás 6 da tarde a Novena e procesión. Encárgase da Novena Francisco Moreiras Calvo.

Os día 23 e 24 haberá misas desde as nove da mañá e desde as cinco da tarde. Ás 11 é a Misa dos Enfermos. Eses dous días 23 e 24 tamén haberá procesión despois da Misa solemne das 12, presididas por José Donsión (o 23) e Ms. Alfonso Carrasco (o 24).

Durante este mes e xuño foron chegando numerosos peregrinos, nalgúns casos andando. É o caso de dúas peregrinas que foron camiñando, en 4 etapas, desde Santiago de Compostela. Como se pode ver na páxina web http://www.santuario-corpino.es/noticias.html

Quedada para compartir experiencias no terreo musical

  É unha convocatoria a mozos e mozas que traballan nas cinco dioceses galegas dentro do ámbito musical. O 18 de xuño no Seminario Menor de Santiago (Belvís)

PROGRAMA:

10:30 – Acollida.

11:00 – Oración (dirixe Bea Pérez)

11:30 – O PEDAL… desde os seus inicios até a PEJ. O PEDAL (Potente Equipo Diocesano de Animación Litúrxica) promove e suscita animación litúrxica nos diferentes ámbitos da arquidiocese galega. (Expón Rafa Sánchez-Agostiño)

12:15 – Posta en común de diferentes proxectos musicais: Festival de Canción Vocacional de Mondoñedo, o GALPÓN de Lugo, o Musical Juanitatxo en Vigo, Canción Mariana en Ourense, Grupo Koinonía, Grupo Allegro, Concerto na Pobra do Caramiñal, URCA, Pascua Xove, Canción Misioneira, etc.

13:00 – O futuro da música cristiá en Galicia. Compartiranse inquietudes e necesidades: ideas e suxestións para o curso 2011-2012 (modera Óscar Valado)

13:30 – O PEDAL na animación dos Dias na Diocese e na Xornada Mundial da Mocidade (Informa Marita González Sayáns)

Cáritas Diocesana de Lugo presentou o programa do Día da Caridade 2011

O Día da Caridade significa a aspiración máis profunda das persoas de boa vontade: que na humanidade enteira non haxa discriminación nin pobreza.

LEMA: As cousas importantes fanse con corazón

O Delegado episcopal de Acción Caritativa e Social, Antón Negro, fixo unha glosa do lema:

Este lema ten unha dobre vertente: teolóxica (hai que destacar o cristianismo de conversión sobre o cristianismode tradición) e social (debe prevalecer a militancia sobre a burocracia). Realmente, as persoas desexan estar posuídas por un ideal antes que ter un simple labor de funcionario. Ademais, as cousas importantes da vida piden unha implicación completa.

A referencia ao corazón é porque nel residen os grandes valores.

No lema fálase de “facer” e tal actividade debe buscar o ben común.

O Director de Cáritas Lugo, Ginés Fernando Plaza, explica que o programa Empresas con corazón, iniciado o mes de xaneiro, ten unha boa resposta por parte das empresas. Ademais da colaboración económica, hai profesionais que durante un tempo aportan os seus coñecementos, e outras empresas fan donativos en especie. É o caso dun hospital que fixo unha doazón de dúas camas especiais para enfermos encamados; ou unha empresa láctea que dará mensualmente 500 litros de leite, que se repartirán nas parroquias.

Segundo o Director de Cáritas, existe sensibilidade cara aos problemas económicos dos demais. E aumenta o número de doantes, pero non a cantidade recadada, porque as contías son menores.

A Secretaria Xeral de Cáritas, Mónica Yáñez, informa dos actos programados:

MÉRCORES 22 DE XUÑO, ás 20 horas PREGÓN DA CARIDADE no Salón Rexio do Círculo das Artes. Conferencia a cargo de José Blanco López (Ministro de Fomento).

XOVES 23 DE XUÑO

– Desde as 10.30 da mañá ata as 13.30 do mediodía, haberá en Lugo, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

– As 18 horas, entrega de Diplomas aos nenos dos colexios de Lugo por parte de D. Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo, no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia

– As 19 horas, actividades para nenos/as na Praza de Santa María organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas de Lugo.

DOMINGO 26 DE XUÑO

– Desde as 10:30 da mañá ata as 14 horas, haberá en Monforte, Melide e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

– Colectas nas Misas de toda a Igrexa Diocesana

A %d blogueros les gusta esto: