Tres rapaces da Diocese estarán nos actos centrais da XMX moi preto do Papa

Tres rapaces da nosa Diocese foron seleccionados para participar nos actos centrais da Xornada Mundial da Xuventude con Benedito XVI, practicamente ao seu carón. Desde a organización en Madrid conseguiron que todas as dioceses españolas estivesen representadas nos encontros co Santo Padre e, ademais dos seminaristas que terán un encontro con el, nas celebracións de acollida, na Vixilia e na Misa, un mozo de cada Diocese estará con el no estrado. É unha forma de agradecer á mocidade o seu traballo nas delegacións diocesanas durante o tempo de preparación da Xornada Mundial da Xuventude.

Os agraciados son: Antonio Torres e Iria Ramos, de Lalín e Patricia Pérez, de Lugo.

 

Presentación da camiseta dos participantes lucenses na Xornada Mundial da Mocidade


O 3 de agosto, presentouse a camiseta que levarán os mozos da Diocese de Lugo participantes na Xornada Mundial da Mocidade.

Na entrada da fábrica de Florentino (polígono  industrial “Lalín 2000”), o deseñador lalinense fai entrega pública dunha camiseta ao Delegado de Mocidade da Diocese de Lugo, Marcos Torres.

O deseñador lalinense Florentino Cacheda desexa colaborar activamente coa Xornada Mundial da Mocidade .  En palabras do propio deseñador “as camisetas son moi modernas e xuvenís”. Florentino pretende que, a través desta peza de roupa, todos os mozos do mundo recoñezan e coñezan aos mozos da Diocese de Lugo; por iso, “as camisetas serán únicas”.

O deseño exclusivo das 400 camisetas inspírase na Eucaristía e na mocidade.

 

Presentación das actividades da Xornada Mundial da Xuventude

O 19 de xullo, no Salón de actos do Seminario, o Delegado de Mocidade, Marcos Torres, e a coordinadora dos Días na Diocese, Ana Sureda, presentaron os actos, os colaboradores e as novidades relacionadas coa Xornada Mundial da Xuventude.

Nos días previos, uns 1000 xoves (norteamericanos, brasileños, venezolanos, australianos, irlandeses, arxentinos, italianos…) pasarán pola Diocese. Os grupos con máis participantes estarán aloxados en pavillóns e albergues públicos e privados; os menos numerosos repartiranse por casas particulares e congregacións. Segundo Ana Sureda, “trátase de que vivan uns días entre nós, coñecendo o que somos e o que temos”. Tamén explicou que estas acitividades en Lugo son posibles grazas a que hai moitos e moi bos colaboradores. Así, por exemplo, xa son 25 as familias acolledoras, hai voluntarios xoves e maiores, as institucións (Concello, Xunta, Subdelegación do Goberno) mostraron interese e a duquesa de Lugo é madriña de honor dos actos.

Marcos Torres sinalou que a participación de Lugo na Xornada Mundial da Xuventude leva preparándose un ano, con visitas a grupos de xoves das parroquias. Uns 200 xoves, sobre todo das cidades de Lugo e Lalín, uniranse aos 2,5 millóns que acompañarán ao Papa nun encontro histórico aberto a crentes e non crentes. Ademais, Marcos Torres, informou que os participantes pola Diocese de Lugo levarán unha camiseta, cunha referencia especial á Eucaristía e á mocidade, que elabora o deseñador lalinense Florentino.

Celebración da Virxe do Carme na cidade de Lugo

A Confraría da Santísima Virxe do Carme de Lugo organizou un ano máis entre os días 8 ao 16 de xullo de 2011 na Capela do Carme, a Novena á Santísima Virxe do Carme. Nesta ocasión contouse como orador sagrado co P. D. David Varela Vázquez, Formador do Seminario e Profesor do Instituto Teolóxico Lucense.

O día 16 celebráronse misas cada media hora até as 11 da mañá. Unha hora despois foi a Misa Solemne, quedando exposto o Santísimo.

Ás 7:30 da tarde: Eucaristía, novena e procesión coa imaxe da Santísima Virxe do Carme portada aos ombreiros por devotos confrades. Ao termo da mesma, imposición do escapulario a novos confrades.

Campamento urbano de Cáritas

O Departamento de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo organiza un campamento para nenos e nenas con ganas de xogar e de imaxinar, de coñecer novos amigos e amigas e pasar uns días inesquecibles. Este XVII Campamento Urbano será do 18 ó 29 de xullo

Unha actividade en Lugo e para Lugo, co fin de coñecer a cidade.

É unha proposta aberta á participación de tódolos cidadans que así o desexen.

Totalmente gratuito.

Destinatarios: Nenos e nenas entre 8 e 12 anos.

Horario: é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00

Localización: Colexio María Auxiliadora

Carácter educativo das actividades. Xogos, obradoiros, excursións, deporte, acampada, festa…

Centro de interese: “Aventura musical”

A %d blogueros les gusta esto: