Retiro de preparación á Pascua para xente nova

A Coresma é un camiño de preparación que merece a pena. Facer ese camiño en grupo é máis doado. Por iso, Renovación Carismática organiza un retiro de preparación á Pascua para persoas entre 13 e 35 anos, e moitas ganas de ser feliz. Será do 30 de marzo (ás 18 horas) ao 2 de abril de 2012 pola mañá en Lugo, na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais, situada en Bispo Ona de Echave, 14.

O prezo é de 100 euros e inclúe todos os gastos de aloxamento e manutención. Antes de facer o ingreso comprobar que haxa prazas. O prazo de inscrición finaliza o 25 de marzo.

Curso de Cristiandade na Casa de Exercicios de Lugo

Do 23 ao 25 de marzo celébrase un Curso de Cristiandade na Casa de Exercicios de Lugo.

Na Diocese de Lugo está a relanzarse este movemento, que suscita e afirma a conversión e a adhesión ao Reino de Deus. Contribúe eficazmente a un novo coñecemento de Cristo, de nós mesmos e do mundo… Cursiños de Cristiandade axudad a que a persoa descubra a súa vocación e quede convencida da alegría de vivir e testemuñar en comunidade a fe, a graza, a oración, a caridade e o apostolado.

 

Culmina a serie de actos pola vida organizados esta semana

Tras unha serie de proxeccións audiovisuais os días 19 e 20 (Tiempo para una vida, El circo de la mariposa, Blood Money) prográmanse unha serie de conferencias desde o día 21 (na foto, intervención de D. Luciano Armas) ata o día 23.

O día 23 ás 20 h no salón de actos de Caixagalicia, na praza de Santa María, Lugo, trátanse os seguintes temas:

O aborto desde a perspectiva legal, por Marola Rúa, lic. en Dereito, Universidade de A Coruña.

O aborto euxenésico, fronte á dignidade dos discapacitados, por Conchita Teijeiro, Presidenta de APSNAIS (Asociación de Persoas con Discapacidade Intelectual).

E os actos do domingo día 25 son estoutros:

  • 12 horas: Concentración “Sí á Vida”. Lectura do Manifiesto. Participación dos asistentes na acción “Bótalle unha man á Vida” Consiste en plasmar as mans nunhas bolsas que poden levar os participantes, deixando un donativo.
  • 13:30 horas: Actuacións e entrega de premios dos concursos de debuxo (“Debuxa a túa bolsa solidaria coa vida”), literatura (“Amor á vida”) e cancións (“Un canto pola vida”).

  • 18 horas: Rosario pola Vida na Catedral.

  • 20 horas: Eucarístia presidida polo Sr. Bispo. E bendición de mulleres embarazadas e nenos menores de dous anos.

Presentación da Semana Santa de Lugo

O día 20 de marzo tivo lugar no Bispado a presentación da Semana Santa da cidade de Lugo.

O primeiro en intervir foi o coordenador da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, que se referiu ás celebracións nas igrexas e ao empeño de que as celebracións nas rúas tamén sexan completas. Destacou a tradición de acudir a sete templos para visitar a exposición do Santísimo o Xoves Santo pola tarde e o Venres Santo pola mañá. Por primeira vez celébrase a Memoria das tres caídas de Xesús na praza de Santa María, na rúa da Raíña e na praza Maior (á altura do Círculo das Artes). Outra novidade é o paso do Descendido portado por 40 mulleres o Venres Santo.

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, considerou o programa de Semana Santa moi completo e que se manterá a colaboración co traballo ben feito da Xunta de Confrarías.

Segundo a representante da Deputación, Regina Polín, a Semana Santa lucense chama á reflexión. Felicitou a tódolos involucrados nas celebracións e avogou polo mantemento do fervor relixioso.

A representante da Xunta de Galicia, Marta Barreiro, falou do arraigamento da Semana Santa lucense na cidade e se ten éxito, espiritual e para toda a cidade, é polo inxente labor das confrarías.

Pechou o acto de presentación da Semana Santa o señor Bispo, Alfonso Carrasco. Mencionou o papel das confrarías, que facilitan que se viva a Semana Santa de maneira máis fonda, e que se perciba mellor a súa grandeza. Son unhas celebracións moi vividas pola cidade de Lugo, que expresa as súas conviccións profundas e a arte. Dándolle contido e vida, poderá ser admirada a nosa Semana Santa por moitas máis persoas. Finalmente, o señor Bispo referiuse á hospitalidade para acoller aos que veñan a Lugo eses días e á gratuidade con que actúan os confrades, signo de que viven intensamente a Semana Santa.

[Abrir o Programa de Semana Santa 2012]

 

A %d blogueros les gusta esto: