Celebración do Domingo de Ramos na cidade de Lugo

O Domingo de Ramos comezou no centro da cidade de Lugo pola mañá cunha multitudinaria bendición de ramos na praza de Santa María, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén e a Eucaristía.

Pola tarde, a Virxe das Dores (na imaxe) foi levada en andas por corenta confrades, ataviados cunha ampla túnica e capuz negros, e no peito o escudo co Corazón da Virxe das Dores bordado sobre branco, faixa vermella, luvas brancas e capa branca coa cruz dos Cabaleiros do Santo Sepulcro ó lado esquerdo.

Estivo acompañada pola Banda de Música de Guntín, que interpretou a súa saída a Marcha Procesional “Dolor, toma mi mano” composta para esta Virxe polo seu Director D. Manuel Yáñez. Seguindo a tradición da Semana Maior, un nutrido número de mulleres ataviadas con mantilla, escoltaron este Paso. Organiza esta procesión a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima.

Nova superiora nas Agustinas Recoletas de Lugo

O día 24 de febreiro tivo lugar a elección de Priora  no mosteiro das Madres Agustinas Recoletas de Lugo, por cumprirse o tempo para o que fora elexida a anterior Priora.

            Resultou elexida sor María Fernanda Climent Alarte, valenciana, que se incorporou ó mosteiro de Lugo hai tres anos, procedente do mosteiro de Serradilla de Cáceres.

            Para o cargo de Vicepriora foi elexida sor María Elena Corbelle García, que era a actual Priora e que viña desempeñando este cargo desde facía varios trienios.

            O mosteiro  das Madres Agustinas Recoletas de Lugo conta actualmente con doce  irmás, seis das cales incorporáronse a este mosteiro nos catro últimos anos.

Clausura de centenario nas Servas de Xesús

 O día 20 de marzo o bispo da Diocese, D. Alfonso Carrasco Rouco, clausurou, cunha Eucaristía celebrada no convento das Servas de Xesús, os actos celebrados con motivo do centenario da morte da fundadora das Servas de Xesús, Santa María Xosefa do Sagrado Corazón de Xesús.

            O Papa concedera, con tal motivo, un Xubileo con indulxencia plenaria ós fieis que visitasen as igrexas ou oratorios da Congregación desde o 20 de marzo de 2011 ata a mesma data de 2012.

            As Servas de Xesús chegaron a Lugo o 13 de abril de 1893, instalándose no número 43 da Ronda da Muralla desde  1914. Dedícanse, preferentemente, ó coidado dos enfermos no seu domicilio familiar durante a noite, prestando servizos de enfermería durante o día.

Celebración penitencial na Catedral de Lugo

O 28 de marzo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, preside unha celebración penitencial na Catedral ás 19 h.

A Coresma é un tempo de renovación bautismal e penitencial. Entre as iniciativas e prácticas coresmais sobresae a penitencia como celebración da misericordia infinita de Deus.

O camiño da conversión, seguimento e renovación na fe é persoal pero tamén comunitario. Por iso, convídase a todos os fieis a participar nesta celebración do sacramento da confesión.

A %d blogueros les gusta esto: