VI Festa da familia adoradora

O domingo, dia 30 do presente mes de setembro, terá lugar en Chantada a VI Festa da familia adoradora da nosa Diocese, co seguinte programa:

  • 9:30 h Saída desde a praza da Mosquera, facendo paradas diante do edificio da Xunta e na praza Fonte dos Ranchos.

  • 11.00 h Recepción de adoradores e bandeiras na igrexa antiga.

  • 11.15 h Rezo de Laudes (Igrexa antiga)

  • 11.45 h Procesión de Bandeiras cara ao templo parroquial novo.

  • 12.00 h Santa Misa, na que se imporán distintivos de adorador Activo e Veterano a varios compoñentes da Sección de Chantada.

  • 13.00 h Concerto ofrecido pola Coral Polifónica da localidade.

  • 14.00 h Comida de confraternidade nun restaurante da localidade.

  • 17.00 h Saída cara á parroquia de San Pedro de Líncora, coun templo situado na Ribeira Sacra, no que se venera á Santisima Virxe da Saúde. Aí rezarase o Santo Rosario e farase unha Ofrenda Floral á Nosa Señora, dando fin aos actos desta xornada.

O Consello Diocesano anima a participar nesta festa de irmandade a todos os adoradores/as de Lugo e das Seccións da Diocese. Unidos pola fe, os asistentes cultivarán a amizade e darán un novo impulso á Adoración Nocturna.

Como de costume, pódese convidar a familiares e amigos.

Exposición – venda de material elaborado por presos

Con motivo da celebración da Mercé, no local parroquial de San Froilán, Lugo, entre os días 21 e 23, hai unha exposición de cadros e obxectos de cerámica elaborados por internos dos cárceres de Bonxe e Monterroso. A pastoral penitenciaria organiza esta mostra para dar a coñecer o resultado dalgunha das actividades que se levan a cabo nas prisións da provincia e concienciar sobre a situación no medio penal.

Apertura do curso académico no Seminario

 

O día 21 de setembro terá lugar a solemne apertura do curso académico no Seminario Diocesano de Lugo. Os actos comezan ás 5 da tarde na Capela Maior do Seminario coa Misa do Espírito Santo, presidida polo señor Bispo, D. Alfonso Carrasco Rouco.

E a partir das 6 da tarde, na Aula Magna, sucederanse os seguintes actos:

Veni Creator Spiritus

Lectura da Memoria do Curso 2011-2012 por parte do Secretario do Centro

Lección inaugural Cristo na arte occidental a cargo de D. Anxo Barreiro Pardo, Lic. en Belas Artes

Clausura con palabras do Sr. Bispo

Finalmente, no Comedor do Centro, haberá un brindis polo novo curso.

Festa da Saleta en Siador

O santuario da Saleta, Siador, Silleda, acolle os días 18 e 19 os actos centrais da celebración relixiosa en honra á advocación mariana. Os oficios no templo iniciáronse xa o luns, día 10, co comezo da novena que vén facéndose ás sete da mañá e ás oito da tarde.

O luns 17, organízase a tradicional procesión de fachos, que reúne a centos de fieis en torno ao templo, xerando unha atmosfera de devoción e fervor.

O mércores 19, a misa solemne será á unha da tarde. Está previsto que o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, acuda ao templo para presidir a eucaristía, que estará cantada pola Coral Polifónica Trasdeza.

As festas en honra á Saleta son cada ano unha cita ineludible para os fieis de toda a comarca de Silleda, moitos dos cales acoden camiñando ao templo.

Exaltación da Santa Cruz na Capela da Soidade, Lugo

O 14 de setembro ás 20:15 ten lugar a Eucaristía para celebrar a Exaltación da Santa Cruz. Trala súa conclusión, dáse a bicar o lignum crucis.

A reliquia foi extraída en Terra Santa en 1894. No ano 1914, ponse no relicario onde está actualmente. Ademais, elabórase un palio de seis varas. Con ese motivo, acórdase levar a reliquia na procesión do Venres Santo de 1914 baixo o mencionado palio. Para o ano 2013 quérese recuperar esta tradición, polo que a Orde Franciscana Seglar está a facer unha listaxe de persoas que queiran portar o palio na próxima Semana Santa. Para apuntarse, contactar cos membros da Orde na Capela da Soidade os domingos de 5 a 8 da tarde.

A %d blogueros les gusta esto: