4ª Semana do Outubro Misioneiro

Baixo o lema “Vocación misioneira“, o día 22 comeza a 4ª semana do Outubro Misioneiro. O obxectivo desta semana é suscitar entre todos nós a apertura para escoitar a voz de Deus, que chama e envía á misión.

O Bispo de Lugo recórdanos que “o anuncio da fe é sempre igualmente o dunha profunda comuñón”. E falando da vida dos misioneiros, di que a “comparten libremente con aqueles aos que son enviados, poñéndoa en común, querendo ser con eles un só corazón e unha soa alma, un único Corpo, que é a Igrexa” (ver carta pastoral completa en www.diocesisdelugo.org)

Un dos misioneiros que estivo en Lugo foi o Padre Alonso, que deixou gravado nun vídeo o relato da súa experiencia en Sudáfrica (www.misionesdelugo.blogspot.com.es)

DOMUND 2012

O venres 19, a Vixilia do DOMUND é na parroquia Bo Pastor de Lugo ás 8 da tarde.

O sábado 20, a Vixilia é na parroquia de San Pedro de Melide, ás 8 da tarde.

O domingo 21, celebran distintas eucaristías o P. Alonso e o sacerdote Leonardo Bahati.

O día 18 de outubro, Leonardo Bahati tamén tivo unha intervención no Seminario de Lugo co título “A Misión en territorios de conflito”. Pormenorizou a situación do seu país, Congo.

Tras 16 anos de conflitos armados, houbo 5 millóns de vítimas directas e indirecta, millares de mulleres deportadas por proxenetas. O éxodo rural converte as cidades en conglomerados de favelas. Hai un debilitamento progresivo do Estado, que non garante o ben común como debera. Houbo destrución das infraestruturas básicas e hai precariedade da sanidade e a educación. Gran parte da poboación sofre un empobrecemento cada vez maior.

Tamén se produce unha degradación ética e moral cada vez máis aguda, considerándose permitidos tódolos medios (mentira, falta de respeto polo ben común) para conseguir o que se quere. Vai arraigándose unha cultura da morte (axustes de contas, ladróns armados…).

A Igrexa congoleña, que ten 120 anos de existencia, e está estruturada en 47 dioceses, tamén sofre esta situación conflitiva. Perderon a vida bastantes cristiáns por denunciar o mal: foron asasinados varios sacerdotes, secuestrados relixiosos por prestar atención sanitaria a persoas que non querían os rebeldes que recibisen tal asistencia.

A metade dos 23 millóns de católicos da R. D. do Congo viven en lugares nos que o sacerdote ten que andar unhas 5 horas de ida e outras tantas de volta para estar cos seus fregueses. Neses casos, a Eucaristía celébrase unha vez ao mes.

Para subsistir os axentes de pastoral fanse colectas de alimentos e logo recíbese axuda de igrexas máis favorecidas economicamente para soster seminarios, por exemplo.

Inicio dos Cursos Bíblicos

O venres 19 comezan os Cursos Bíblicos que organiza o Movemento Bíblico Lucense. Ás sete da tarde, pode presentarse calquera persoa interesada en realizar esta actividade, sen máis requisitos.

Os Cursos Bíblicos están baixo a responsabilidade de Licenciados en Ciencias Bíblicas, Profesores de Sagrada Escritura. A duración é de outubro a xuño.
As clases consisten en reunións quincenais, venres alternos, de 19 a 21 horas, cun estudo persoal intermedio, a base do material que se facilita.

San Xoán de Ávila fala do amor

Dos textos do novo doutor da Igrexa, san Xoán de Ávila, poden extraerse varias citas nas que fala do amor, como son as seguintes:

 

“E para que é a vida senón para amar? E o corazón que non ama, deste amor verdadeiramente non vive, moi fóra anda”

 

“O que non sabe de amor, non entenderá o que é a gloria”.

 

“Corazón nobre, non te deixes vencer senón do amor, aínda que che dean todo o mundo”.

“Non procura o amor o seu descanso, senón o dos outros”.

 

“Reino dos ceos é o amor de Deus; que quen a Deus ama, no ceo está”.

 

“No corazón onde hai amor afogan os pecados”.

 

“Máis mira Deus o afecto co que dades que o mesmo don”.

Folla da caridade (outubro 2012)

 

O Servizo de Acollida e Atención a Marxinados e Excluídos de Caritas Diocesana de Lugo dá a coñecer a seguinte Folla da Caridade.

Alguén espera a túa axuda

1. Muller nova, viúva con catro fillos e unha deles cunha minusvalía e percibindo unha RISGA. Necesitan para subministracións 750 euros.

2. Muller soa, sen ningún tipo de ingresos nin prestación. Necesita para vivenda e alimentos 550 euros.

3. Muller separada, con dous nenos. Cobrada a axuda Familiar do Inem. Necesita para vivenda e subministración 500 euros.

4. Matrimonio con dous fillos menores, ambos no paro e sen cobrar ningunha prestación. Necesita para vivenda e subministracións 850 euros.

5. Muller separada, enferma e sen recursos. Necesita para aluguer e subministracións 450 euros.

Como o Pai me amou, eu tamén vos amei a vós, permanecede no meu amor” (Xn 15,9)

A %d blogueros les gusta esto: