No segundo día das Xornadas correspondeulle intervir a Juan Carlos Fernández Menes, profesor do Centro Superior de Estudos Teolóxicos de León. O título do seu relatorio foi “Recibir o Concilio. 50 anos despois”. Comezouse dicindo que o Vaticano II tivo unhas dimensións “físicas” grandes, con 3.500 participantes directos e unhas intervencións que, sen estar todas recollidas, xa suman máis de 50 volumes. A súa razón convocante era presentar o Evanxeo de sempre aos homes e mulleres da época contemporánea. Tocáronse temas inéditos, como a escandalosa pobreza de parte da humanidade.
Xoán XXIII deu unha gran sorpresa: reúne a un grupo de cardenais para anunciarlles “catro cousiñas”, pero unha delas era nada menos que a convocatoria dun concilio. E convocouse, non cuns fins explícitos, porque a idea era posibilitar unha gran participación, como así foi.