Celebración do Corpus. Día da Caridade

Corpus Christi Lugo

Ás 10 e cuarto da mañá do 2 de xuño saen en procesión os fregueses das parroquias da cidade de Lugo cara á Catedral. Ás 11 horas é a celebración eucarística da solemnidade do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo. Trala Misa é a procesión co Santísimo. Ademais da Confraría Sacramental da Santa Cea participan outras asociacións relixiosas, e con estandartes e bandeiras, fregueses (nativos e inmigrantes) das parroquias urbe lucense.

O mesmo día 2 de xuño, toda a mañá hai mesas petitorias atendidas por voluntarios en Monforte, Sarria e Melide. Porque Cáritas e toda a Igrexa celebran tamén o Día de Caridade.

 

Miguel Ángel Álvarez: O que nos move a ser caritativos provén do mesmo Deus

 As celebracións do Corpus resoan en Lugo dunha forma especial. É verdade que noutros tempos tiveron moita máis importancia a nivel da vida social da cidade, e tamén é verdade que nos últimos anos están a facerse esforzos para devolver toda a súa importancia ás celebracións ao redor de Xesús Sacramentado, pois, non en balde, é o propio de Lugo, e por iso tamén se lle chama a “Cidade do Sacramento”. Os lucenses aínda non nos decatamos da riqueza que supón a presenza real de Xesucristo na Eucaristía. Unha cidade con Deus no centro non ten nada que temer, aínda que, como sempre, haberá quen pense que todo iso non está de moda, e que o mellor é recuperar outras “tradicións” como o Arde Lucus que, por certo, nunca existiu, e no que se venera a outros deuses que nada bo achegan á cidade excepto un pouco de diñeiro extra a uns cantos negocios…, pero iso é fariña doutro costal.

Volvamos ao noso. Unido á Eucaristía está o exercicio da caridade. Non é algo complementario ou secundario. É esencial ao mesmo ser de cristiáns e membros da Igrexa. Deixouno ben claro Xesucristo cando a noite da Última Cea cinguiuse unha toalla e lavou os pés aos apóstolos.

Ler máis

Concerto de música relixiosa na Catedral de Lugo

Concerto catedral

O 31 de maio ás 20:30 na Capela do Bo Xesús hai un novo concerto Via Pulchritudinis. Música relixiosa na Catedral de Lugo.

A Schola Gregoriana Lucensis, dirixida por José López Veiga, interpretará temas clásicos. E o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, temas clásicos e populares. A duración do concerto, presentado por Xulio Xiz Ramil, é de unha hora.

Miguel Ángel Álvarez: O misterio da Santísima Trindade fálanos do amor de Deus

Cada vez que se achega a festa a Santísima Trindade non deixo de acordarme do que me dixo un neno no Seminario mentres estaba a facer os deberes da materia de relixión: “De Deus comprendo todo, até o misterio da Santísima Trindade, o que non acabo de entender é quen creou a Deus”. Evidentemente quedei sen saber que dicir, porque a min, máis ben, pasábame o contrario, e facerllo ver a un neno de 10 anos cunha simple explicación era complicado.

Deus para ser Deus non pode ser creado por ninguén, pola contra xa non sería Deus, sería outra cousa, aínda que a dúbida do neno estaba algo fundada, pois todo o que vemos, sabemos que foi creado por alguén e, entón, tamén é doado pensar que o mesmo Creador foi creado.

E o misterio da Santísima Trindade… aquí a nosa intelixencia queda moi curta. Pensar nun ser, un só Deus e tres persoas, Pai, Fillo e Espírito Santo, fai que o noso cerebro empece a botar fume e acabemos, unha vez máis, abandonándonos nas mans de Deus e confiando nel.

Ler máis

Xornada Interdiocesana sobre o ensino relixioso na escola

Os bispos galegos diríxense aos fieis con motivo da xornada Interdiocesana de sensibilización sobre o Ensino Relixioso e Moral nos centros escolares tanto estatais como de iniciativa social.

No seu escrito afírmase que “a Igrexa que, desde sempre, mostrou gran inquietude pola educación da infancia e a mocidade, non pode nin quere quedar á marxe da preocupación de amplos sectores da nosa sociedade que desexan mellorar as leis educativas. Recoñece que a escola é un medio privilexiado para a formación integral do home despois de que ela é un centro onde se elabora e transmite unha concepción específica do mundo, do home e da historia. Ve, por tanto, na calidade educativa o maior ben para a persoa humana, urxindo o desenvolvemento non só dos aspectos pedagóxicos, científicos ou técnicos senón tamén da formación integral na que non pode esquecerse a dimensión transcendente”. Ver texto completo

A %d blogueros les gusta esto: