Actos en lembranza de don Xaime Delgado

Xoves 5 de setembro

Mesa redonda ás 20 h. na Deputación Provincial de Lugo co tema: Aproximación á vida e obra de Xaime Delgado. Interveñen: César Carnero, Adolfo de Abel Vilela, Félix Vázquez.

Sábado 7 de setembro

Viaxe polas terras de Taboada seguindo os escritos de Xaime Delgado: Igrexas, Pazos, Sepultura antropomorfa. Ofrenda floral a Xaime Delgado en Castelo.

Venres 13 de setembro

Cabodano de Xaime Delgado en Castelo (Taboada) ás 18h.

Domingo 15 de setembro

Ábrense as igrexas que amou profundamente don Xaime: Cerceda, Bouzoa, Taboada dos Freires, Piñeira, Campo, Castelo, Bembibre, Pambre. Pola mañá e pola tarde.

Nota da Vicaría Xeral do Bispado de Lugo, ante o chamamento pola paz do Papa Francisco

Chamamento Papa

Con motivo do conflito que afecta á poboación de Siria, o Papa Francisco convocou en toda a Igrexa universal, para o próximo 7 de setembro, véspera da Natividade de María, Raíña da Paz, unha Xornada de oración e xaxún pola paz en Siria, en Oriente Medio e no mundo enteiro.

A Igrexa diocesana de Lugo, facéndose eco desta invitación do Papa Francisco, únese a esta iniciativa, polo que exhorta aos fieis das parroquias, aos  membros das comunidades relixiosas, movementos apostólicos e institucións, a vivir esta Xornada de xaxún e oración  desde as 19 h. ata as 24h.

Na nosa Diocese, dado o seu carácter eucarístico, invitamos especialmente a organizar momentos de oración ante o Santísimo Sacramento na S. I. Catedral, rosarios, eucaristías pola paz, exposicións eucarísticas, celebracións da Palabra, actos penitenciais e outras formas de celebracións. Deste xeito, uníndonos ás intencións do Papa, imploramos de Deus o don da paz para a nación siria e para todas as situacións de conflito e de violencia no planeta.

Mercado solidario na Milagrosa

mercado solidario Milagrosa obxecto

A comunidade cristiá parroquial da Milagrosa organiza, por iniciativa dun grupo de persoas voluntarias, un mercado benéfico do 29 de agosto ao 8 de setembro no salón parroquial de 11 a 13 horas e de 17:30 a 20:15. O obxectivo principal desta actividade é recadar fondos para axudar a persoas con poucos recursos que viven no barrio.

A solemnidade da Virxe da Milagrosa é o día 1 de setembro, celebrándose unha Eucaristía ás 12h seguida de procesión.

Xornadas de autoemprego de Cáritas

Xornadas Por que non (Cáritas)

Cáritas Diocesanas de Lugo organizou as segundas xornadas de autoemprego baixo o título `Por que non… ?’ para persoas que buscan no autoemprego unha alternativa ao traballo como asalariado ou un complemento.

A actividade, realizada durante as mañás dos días 28 e 29 de agosto, forma parte do proxecto Empréga-te, posto en marcha por Cáritas. Os asistentes estaban inscritos no servizo de emprego da institución.

O primeiro día houbo testemuños de tres profesionais que crearon o seu propio posto de traballo. E o día 29 explicáronse polo miúdo as distintas fases do proxecto Empréga-te, incluíndo un taller de redacción de distintas ideas de negocio.

Peregrinación a Tarragona

Cartel peregrinación a Tarragona detalle

Abriuse o prazo para inscribirse na peregrinación a Tarragona, con motivo da beatificación de 522 mártires, os días 12 e 13 de outubro. Da nosa Diocese será beatificado Mons. Manuel Basulto Jiménez, que foi Bispo de Lugo de 1909 a 1919. Ademais do acto de beatificación, haberá: representación da ‘Paixón de San Fructuoso’, exposición dos pasos da Semana Santa tarraconense, varias rutas. O aloxamento é en Salou (pensión completa) e hai dispoñibilidade plena para os traslados oportunos a Tarragona.

Unha opción é facer esta viaxe en autocar, saíndo de Lugo o día 10, visitando Zaragoza antes de chegar a Tarragona o día 11. Entre os días 13 e 16 visítanse Barcelona, Arévalo (exposición Idades do Home) e Salamanca. Prezo: 395 €

Tamén hai a posibilidade de ir en avión (voos directos Santiago – Barcelona). Neste caso pártese o venres11, regrésase o domingo 13 e o prezo é de 410 €.

Prazas limitadas. Información e Reservas: 986 781 980

A %d blogueros les gusta esto: