Os seminaristas felicitan a D. Daniel García polo seu labor como reitor

Seminario Lugo

Desde este curso recentemente iniciado, o Seminario non ten como reitor a quen o foi durante os últimos sete anos: D. Daniel García. O feito de que deixe de ser reitor motivou que os seminaristas maiores fixese público un sentido escrito. Comezan dicindo que “non hai palabras nin obras que poidan pagar o agarimo de todos estes anos, a dedicación, a entrega e o amor co que nos tratou”.

Para os seminaristas, D. Daniel García “foi un auténtico pai que aconsellou, sufrindo coas intranquilidades e alegrándose e compartindo triunfos; foi un amigo co que falar e ser escoitados, rir e chorar, gozar dos pequenos momentos propios das verdadeiras amizades; foi o ombreiro no que apoiarse; foi unha réplica do corazón de Cristo no Seminario entregando cada día a súa vida por esa casa, por cada un dos seminaristas”.

Xornada de experiencias da reestruturación pastoral da Diocese

Reestruturación Diocese Lugo

O día 26 o salón de actos do Seminario acolleu unha Xornada de experiencias da reestruturación pastoral da Diocese de Lugo. Houbo un relatorio a cargo do Bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco “Fundamentación teolóxico pastoral da reestruturación das unidades pastorais e lugares de culto e educación na fe”. E a continuación houbo unha serie de comunicacións de experiencias prácticas pastorais dalgunhas comunidades cristiás da Diocese lucense.

Na foto (de esqda. a dta.), o vicario de coordinación pastoral, Luis Manuel Rodríguez; o Bispo de Mondoñedo, Sánchez Monge; o Bispo de Lugo e o director do Instº Teolóxico Lucense, David Gil. 

Os fregueses de Adai relanzan unha romaría en honra á Virxe da Saúde

O día 22 na parroquia Santa María Magdalena de Adai recupérase unha romaría que se pretende  sexa tamén con peregrinación. Ese día haberá misas cada hora desde as 10 da mañá.

A historia remóntase 65 anos atrás, cando unha familia doou a imaxe da Nosa Señora da Saúde, que agora está nun dos laterais da igrexa e que leva a inscrición: «Regalo de Elías Simón y esposa». Moitos lucenses ían en peregrinación facendo os escasos 5 quilómetros que hai até a parroquia. Hoxe en día tamén son numerosas as persoas que chegan até a zona e ás que se ofrece un motivo máis para aproximarse ao lugar. Sobre todo, o penúltimo fin de semana de setembro.

Bendición do novo edificio do Concello de Lalín

Alfonso Carrasco bendice casa consistorial

O novo edificio do consistorio lalinense ten o seu acto de bendición e inauguración oficial o venres 20 de setembro a partir das 20h, coa presenza do Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Esta emblemática construción, que xa ten recibido varios premios, contará cunha iluminación monumental: varios focos tinguirán de luz e de cores diversas as fachadas circulares do coñecido como “castro dixital”, desde que caia o sol e ata que rematen os actos festivos, que se inician esta fin de semana. 

Entrevista ao Papa Francisco “Deus está na vida de toda persoa… É necesario fiarse de Deus”

Os medios de comunicación están de festa e non por ser o día do seu patrono. A entrevista feita ao Papa Francisco, e publicada polas revistas dos xesuitas en todo o mundo, deixou unha longa lista de titulares de todo tipo. E como é habitual, as opinións foron máis ou menos acertadas e tamén feitas con mellor ou peor intención.

A estas alturas da película, ao Papa e aos seus colaboradores xa non lles sorprende que as súas palabras sexan malinterpretadas ou mal usadas, buscando intereses que, por outra banda, ninguén comprende.

Como sempre, Francisco falou con liberdade, desde a doutrina da Igrexa (non podía ser doutra forma) e buscando o ben das persoas e da Igrexa.

E entre os numerosos titulares que xera unha entrevista deste tipo e a unha persoa como o Papa, non atopo referencia algunha ás palabras que, persoalmente, máis me gustaron e que considero que moitas persoas no mundo deberían escoitar:

“Deus está na vida de toda persoa. Deus está na vida de cada un. E aínda cando a vida dunha persoa sexa un desastre, aínda que os vicios, a droga ou calquera outra cousa téñana destruída, Deus está na súa vida. Pódese e débese buscar a Deus en toda vida humana. Aínda que a vida dunha persoa sexa terreo cheo de espinas e malas herbas, alberga sempre un espazo en que pode crecer a boa semente. É necesario fiarse de Deus”.

Invito a ler o texto completo. Non é unha entrevista ao uso. A súa lectura é doada e áxil. Non convén quedarse só cos titulares que aparecen nos distintos medios de comunicación. Para ler completa a entrevista e así enriquecernos co testemuño deste home de Deus, déixolles o enlace:

http://www.razonyfe.org/images/stories/Entrevista_al_papa_Francisco.pdf

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: