Inicio do curso pastoral

O día 18 ás 20 h será a inauguración oficial do curso pastoral 2013 / 2014 cunha Eucaristía na Catedral presidida polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

É un acto aberto a segrares, sacerdotes, comunidades relixiosas, educadores cristiáns, para que todos se unan tanto na celebración eucarística como no posterior xesto de envío.

Daniel García García, novo párroco de San Lorenzo de Albeiros

O 16 de outubro é nomeado oficialmente Daniel García García párroco de San Lorenzo de Albeiros (Lugo).

Até agora os encargados eran Luis Soto Camino e José Seoane Álvarez, que seguirán residindo e colaborando na parroquia. Polo traballo apostólico realizado durante tantos anos, a Diocese de Lugo exprésalles o seu máis sincero agradecemento a Luis Soto e a José Seoane, moi apreciados e queridos polos fregueses.

A toma de posesión do novo párroco será o domingo, día 27 de outubro, ás 12.30 h.

Visita dunha imaxe da Virxe de Fátima a Lugo e Monforte

Procesión en las  Carmelitas

Momento da procesión nas Carmelitas o día 15 de outubro

Do 14 ao 18 de outubro visita Lugo e Monforte unha imaxe da Virxe de Fátima custodiada na sé madrileña do Apostolado Mundial de Fátima. O programa de actos é o seguinte:

  • Día 14 de outubro, ás 6 da tarde: rosario e misa solemne no convento das Carmelitas presidida polo Presidente Nacional do Apostolado Mundial de Fátima en España, D. Carlos Lumbreras.

  • Día 15 de outubro, ás 5 da tarde, no convento das Carmelitas Descalzas: Rosario en procesión coa imaxe da Virxe. Ás 6, Vésperas solemnes e Eucaristía, presidida polo Vigairo Xeral, Mario Vázquez Carballo.

  • Día 16 de outubro, ás 11:00 horas, Rosario e Eucaristía na igrexa das Madres Agostiñas da Praza de Santo Domingo.

    Ás 5 da tarde, no Asilo de Monforte de Lemos.

  • Día 17 de outubro, ás 12.00 horas rosario e Eucaristía no mosteiro das Salesas

    Ás 5 da tarde, acto multitudinario na praza de Santa María: rosario, meditado, animado polo Orfeón Lucense. A continuación Eucaristía na catedral presidida polo señor Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco.

  • Día 18 de outubro, ás 12.00 horas rosario e Eucaristía na igrexa de San Pedro. A continuación despedida da Imaxe Peregrina na praza da Soidade.

Conferencia do misioneiro Antonio Diufaín sobre a República Dominicana

misioneiro República Dominicana

O 13 de outubro ás 20h no Seminario, o sacerdote Antonio Diufaín Mora impartiu unha conferencia co título “La República Dominicana y el cruel negocio del azúcar”. 

A primeira actitude necesaria é a de encherse do desexo de que todo o mundo perciba o amor de Deus. E logo a colaboración real activa coa misión, tanto a vertente espiritual como a material. Antonio Diufaín considera que a tarefa supera as forzas, pero sáese adiante pola graza de Deus, pola oración tanto propia como a oración doutras persoas que apoian a misión desa maneira. Para Antonio Diufaín poden desaparecer as escolas, as fábricas… que montan os misioneiros, pero o amor que se puxo, iso non desaparece.

Sobre o traballo na recolección da cana de azucre na República Dominicana, faise nun réxime de semiescravitude: reciben máis coidados os bois cás persoas. Aínda así, a xente ten unha forza interior que xa quixeran para si os habitantes do primeiro mundo.

Luz física e “luz” que dá sentido ás nosas vidas

A todos gústanos o sol, os días claros e cálidos. O sol é fonte de vida e anima os nosos días. Por isto e pola súa maxestuosidade, o mundo pagano daba culto ao sol. Pero aínda así, o sol, non é capaz de dar sentido a toda a existencia dos humanos, pois a súa luz, por exemplo, non alcanza a iluminar as sombras da morte.

Necesitamos atopar o verdadeiro “sol”, a Xesucristo. Os seus raios dan vida, vida abundante, vida eterna. Recórdanolo o Papa Francisco no número un da encíclica Lumen Fidei. O sol astro do ceo un día apagarase. O “sol” Xesucristo, brilla polos séculos dos séculos, ilumina os nosos pasos, para que vivamos xa desde agora a novidade do ceo, que transcende á mesma grandeza de todo o creado.

Alguén que iluminou a súa vida coa luz do “sol” que nace do alto foi o noso paisano e patrono San Froilán, do que levamos unha semana celebrando a súa festa. É unha pena que alguén que durante estes días foi tan nomeado sexa, á vez, tan descoñecido. San Froilán nin comeu polbo, nin se subiu ao saltón, nin escoitou un concerto de sons estridentes, nin sequera paseou polas rúas de Lugo ateigado de miles de persoas.

San Froilán configurou a súa vida con Cristo, tratou de reflectir a súa luz, para que iluminase aos que necesitaban escoitar unha palabra que dese sentido ás súas vidas, no medio de tanta escuridade.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: