Charla sobre o Ano da fe na parroquia de San Froilán

O 15 de novembro ás 18h, o profesor do Seminario e deán da Catedral, Luciano Armas Vázquez, pronunciará no salón de actos da parroquia de San Froilán unha conferencia-catequese co título “O Ano da Fe e a encíclica Lumen Fidei”. Con ela conclúese unha serie de actividades formativas e relixiosas que en torno ao Ano da Fe estivo organizando nos últimos meses a parroquia de San Froilán.

O día 19 comeza a solemne novena en honra da Virxe da Medalla Milagrosa na igrexa parroquial de San Froilán. Ás 19:15h, rezo do rosario e exercicio piadoso e ás 19:30, Eucaristía. A proclamación da Palabra está a cargo de Marcos Torres Gómez, sacerdote de Santiago A Nova.

Festival da Esperanza no barrio lucense da Milagrosa

Festival da Esperanza GALEGO

O venres 15 ás 20:30 h. o Colexio Divina Pastora (Lugo) acolle un Festival da Esperanza en beneficio de Cáritas. Artistas do propio barrio da Milagrosa interpretarán versións de cancións coñecidas e nos interludios haberá números de maxia.

En Cáritas parroquial están baixos no stock alimenticio, polo que os menores de 12 anos teñen a opción de entregar un quilo de alimentos en vez de adquirir con diñero a entrada (na oficina da igrexa da Milagrosa). Como se nota que cada día hai maior necesidade, decidiuse organizar o festival, con varios obxectivos: ademais de facer pasar unha tarde agradable aos asistentes, búscase involucrar á xente no labor de Cáritas e conseguir maior liquidez de cara aos últimos meses do ano.

Miguel Ángel Álvarez: Necesitamos formar a fe coa verdade

Damos un paso máis no comentario da encíclica Lumen Fidei. Chegamos ao número 24 e parámonos na seguinte cita:

O home ten necesidade de coñecemento, ten necesidade de verdade, porque sen ela non pode subsistir, non vai adiante. A fe, sen verdade, non salva, non dá seguridade aos nosos pasos”.

Os sentimentos que provoca a memoria dos nosos seres queridos defuntos, fai que botemos man de todo aquilo que supoña unha palabra de ánimo e esperanza ante o enigma da morte e ante tantas novas formas de pensamento e cultura importados, e mal usados, que toman as nosas rúas e que provocan aínda máis confusión en moita xente, que xa non sabe nin onde poden estar os seus defuntos.

E o comentario á cita de hoxe tamén o podemos orientar por este camiño.

Necesitamos que a nosa fe vaia acompañada da verdade. E é, precisamente no tema dos defuntos, onde vemos claramente como non sempre fe e verdade van unidas.

Moitas veces é fácil atoparse con persoas, mesmo de misa diaria, que cren unhas cousas moi estrañas.

Ler máis

Réplica da imaxe da Virxe dos Ollos Grandes na igrexa da Milagrosa

O domingo 10 de novembro, na Eucaristía das 12:30 da igrexa da Milagrosa, Lugo, participará o Coro Rociero da Coruña. O motivo é que estes días na parroquia lucense está a réplica da imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, que continúa así o seu percorrido pola Diocese.

O 15 de novembro ás 20h no salón de actos do Colexio Salesianos de Lugo haberá un festival benéfico.

Curso para facer un bo acompañamento psicolóxico e espiritual a mulleres con síndrome post-aborto

Os días 8 e 9 de novembro hai un curso sobre acompañamento psicolóxico e espiritual adecuado ás persoas que sofren a síndrome post-aborto. Diríxese a sacerdotes e colaboradores do Centro de Orientación Familiar Diocesano para crear unha rede que ofreza un lugar de esperanza, reconciliación e sanación ante o drama do aborto.

Este curso, denominado “Proxecto Raquel”, xurdiu hai máis de 20 anos en EEUU, e alí está moi implantado. Tamén está presente en 20 dioceses españolas, incorporándose no último trimestre Barcelona, Xaén, Cádiz, Tarragona e Lugo.

Imparten o curso en Lugo Dª María José Mansilla e o Rvdo. D. Jesús Chavarría Ibáñez. María José Mansilla preside Spei Mater (Asociación Provida da Igrexa Católica) e imparte cursos en España, EEUU e América Latina.

O P. Jesús Chavarría é Director Espiritual de Spei Mater, sacerdote da Diocese de Calahorra e a Calzada-Logroño.


A %d blogueros les gusta esto: