Programa educativo “Acubillo” levado a cabo por Cáritas en Lalín

Desde o pasado mes de xullo, 32 rapaces participan no proxecto Acubillo de Cáritas Diocesana de Lugo, que leva a cabo na ludoteca do edificio polivalente Manuel Rivero de Lalín.

Acubillo é o plan educativo de Cáritas Diocesana de Lugo centrado nunha abordaxe integral cos menores e as familias, ofrecéndolles reforzo educativo, logopedia, psicomotricidade, campamentos, colonias urbanas. E creáronse espazos familiares para traballar con nenos, adolescentes e familias. A elección de Lalín responde á necesidade de estender estes recursos nun ámbito que non sexa o das grandes capitais. En Lalín xa desenvolvía Cáritas varias liñas de traballo e o que se fai agora é ampliar este labor e responder ao incremento da demanda.

O investimento do programa Acubillo rolda os 500.000 euros cofinanciados pola Fundación «La Caixa» e o Fondo Social Europeo. Este plan educativo de Cáritas Diocesana de Lugo estará en Lalín até o ano 2029.

Centros interparroquiais de Ecce-Homo de Rubián e San Xosé Obreiro de Oural

O proceso de reorganización pastoral na diocese de Lugo fixo evolucionar e foi dando forma á vida parroquial nas zonas onde se implantou, como nos nosos centros interparroquiais de San Xosé Obreiro de Oural (Sarria) e Ecce Homo (Rubián). A estes centros acoden os fieis a revitalizar a súa fe a través da Palabra de Deus e da eucaristía cada domingo e en datas tan significativas como a Semana Santa. Tamén os sacramentos da primeira comuñón e confirmación son celebrados comunitariamente.

A adaptación fíxose de forma tranquila, sen présas, dando pasos para tentar dar resposta ás necesidades pastorais de cada unha das parroquias encomendadas, un total de vinte e seis que pertencen ao ámbito rural. Este esforzo de reorganización é a expresión do noso desexo de ir hoxe, nas nosas circunstancias, ao encontro da nosa xente, para axudarlles a vivir a riqueza da fe en todas as urxencias da súa existencia.

A presenza próxima da Igrexa, que se reúne e celebra a eucaristía todos os domingos na propia contorna, permite vivir a súa pertenza tamén a quen non pode desprazarse o domingo ao templo; a quen o sacerdote e os irmáns poden ser visitados e acompañados cotidianamente ao longo da semana.

Así, nas nosas comunidades parroquiais ofrécesenos a todos a posibilidade de recibir a Palabra de Deus e os sacramentos, xunto co testemuño da vida en comuñón dos cristiáns.

Para o noso futuro, para as nosas parroquias e a nosa Igrexa é decisivo que os nosos fieis garden unha fe viva e relevante para as súas vidas.

Do folleto Nuestra Iglesia 2024

Marisol Bravos recibe o premio José Castiñeira de Humanidades 2024

Representantes da familia Castiñeira entregan o premio a Marisol Bravos

O 27 de outubro celebrouse na Catedral o cabodano de D. Xosé Castiñeira. A continuación tivo lugar a ofrenda floral ante as tumbas de Xosé e Manuel Castiñeira e fíxose entrega no claustro, e por primeira vez este ano, do premio “José Castiñeira de Humanidades”. O xurado considerou merecedora a Marisol Bravos polo seu labor a prol das persoas con diversidade funcional, por dar exemplo permanente de integración e abrindo camiños.

Tras recibir a placa que a acredita como galardoada co devandito premio na 1ª edición, Marisol Bravos, referiuse á persoa que leva o nome do galardón e ao que ten representado a música para si mesma:

 Don Xosé Castiñeira para min era toda unha institución, e aquela imaxe que dirixía un coro, co que me gustaba cantaruxear, pois para min era unha persoa moi significativa. E agora ser a primeira persoa en recibir esta distinción e que se me asocie a don Xosé Castiñeira é un orgullo e unha emoción moi grande.

Quizais non imaxinan o que significou a música para min, E recibir unha distinción dunha entidade relacionada coa música era o mais desconcertante que me podia imaxinar.

Eu pola miña circunstancia física, unha polio de pequeniña, podía xogar menos. Entón a música foi sempre a miña compañeira nos meus veráns solitarios na aldea. Cando estudiaba eu estudiei tarareando cancións e os pequenos aforros que eu ía conseguindo despois de dar clases particulares e pagar a pensión dedicábaos a comprar música: cancións para os nenos, cando empecei a traballar, cancións de tipo relixioso.

E as palabras finais de Marisol Bravos foron as seguintes:

 De volver a repetir a miña historia non cambiaría nin unha coma, con todos os altos e baixos que tivo a miña vida. Eu quero rematar coas palabras do Salmo que di “o Señor está grande con nós e estamos alegres”. Vouno personalizar, e dicir: “o Señor está grande comigo e neste entorno, estou alegre, estou contenta”. Moitas grazas.

O Orfeón Lucense actuou na Misa de cabodano e trala entrega do premio

Campaña de Persoas sen Fogar

Na Campaña de Persoas sen Fogar que Cáritas leva a cabo este ano quere iniciar un camiño para combater o senfogarismo. Un camiño que non poden facer soas as persoas sen teito, pois resulta necesaria a implicación e o compromiso de toda a sociedade.

Sen acceso a unha vivenda digna e segura, hai dificultades para ter e manter un emprego, para empadroarse, e para acceder a prestacións. Tamén deteriora a saúde física e mental. A falta de recoñecemento e protección destes dereitos básicos illa da sociedade e invisibiliza.

De entre as decenas de beneficiarios do programa “Acollida e Acompañamento a Persoas sen Fogar” que leva adiante Cáritas Lugo, a organización recolle un testemuño:

 “Estaba na rúa, non tiña medios para unha vivenda ou un hostal para poder durmir, no que poder vivir, e con moitas dificultades de saúde, que me afectaba máis no inverno.

“O paso por aquí foi positivo, sempre tiven o apoio das persoas de aquí. Dou as grazas porque sempre me deron unha solución e puxeron os medios ao seu alcance, ou mesmo un pouco máis, para saír desa situación. Sentín ben, a gusto, positivo, sempre apoiado en todo momento.

“Mellorei en todo, ter un lugar digno para poder durmir, non estar a pasar frío, nin mollado, ter un teito para poder descansar”.

“O meu estado psicolóxico atópase mellor por atopar un apoio, unha axuda moi grande. En todo momento sempre tiveron a disposición de axudar, con seguimento para saber como ía.”

Memoria 2023 de Cáritas Lugo – Alí onde nos necesites

Encíclica Dilexit nos (Amounos)

A cuarta encíclica do papa Francisco trata sobre o culto ao Sagrado Corazón de Xesús e publícase o 24 de outubro de 2024.

O primeiro capítulo analiza o que entendemos por «corazón».

O segundo capítulo está adicado aos xestos e palabras de amor de Cristo.

No terceiro capítulo lémbranse reflexións anteriores da Igrexa sobre o Corazón do Señor.

No cuarto recóllense experiencias de encontros co Corazón de Cristo, tanto no caso dos primeiros cristiáns como de santos.

O quinto e último capítulo profunda na dimensión comunitaria, social e misioneira de toda auténtica devoción ao Corazón de Cristo.

A encíclica conclúe cunha oración do papa Francisco ao santo Corazón de Xesús.

[Texto da encíclica]

A %d blogueros les gusta esto: