Día do Seminario 2014. A alegría de anunciar o Evanxeo

Durante os próximos días celebraremos unha das semanas grandes do noso Seminario. Coa solemnidade de San Xosé, patrón dos seminarios, facemos unha pequena parada no camiño de Coresma, para celebrar a festa deste santo, que caladamente foi instrumento eficaz para que Deus levase a cabo o seu plan de salvación por medio de Xesucristo.

As dúas palabras craves do día do seminario deste ano 2014 non poderían ser outras que “alegría” e “evanxeo”. O novo aire que o papa Francisco trouxo á Igrexa está marcado pola alegría de anunciar e vivir o Evanxeo.

Para isto prepáranse os nosos seminaristas: para que todos poidamos vivir alegremente despois de coñecer e celebrar a boa noticia da nosa salvación. E os que temos a sorte de coñecelos, damos fe de que viven a súa vocación e o seu tempo de Seminario cunha gran alegría.

Quizais haxa quen poida pensar que o Seminario é un lugar triste e escuro. Nada máis lonxe da realidade. O que máis abunda no noso Seminario de Lugo é a alegría.

Serán poucos os seminaristas, pero viven con moita alegría, coa alegría propia de quen se atopou co mesmo Deus, e que ocupará para sempre o centro do seu corazón, no que tamén están todas as persoas de boa vontade que buscan con sinceridade atoparse con Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Ramón Acosta: “A familia non perdeu nin perderá a súa identidade, é moito máis forte que calquera ameaza”

Acosta Instº J P II

Ramón Acosta é profesor no Instº Juan Pablo II e o día 15 de marzo está invitado a dar unha charla no Curso de formación en matrimonio e familia que organiza o COF.

– Que é a pastoral familiar?

– É a acción evanxelizadora que realiza a Igrexa, orientada polos seus pastores, na familia e coa familia como conxunto, acompañándoa en todas as etapas e situacións do seu camiño. Noutras palabras: non falamos de estruturas, nin de expertos, nin da obrigación de facer cousas coas familias. Trátase de cambiar o chip mental e apuntarse a unha conversión pastoral. É tomar a vida mesma das familias, son elas quen solicitan axuda, acompañamento, formación, etc. Son as auténticas protagonistas das súas vidas e da pastoral familiar. É estar presentes, acompañar e compartir experiencias. É axudar a que cada un descubra a súa vocación ao amor, se constrúa como persoa e estea capacitado para construír un fogar. Aí debe facerse presente calquera forma de pastoral familiar.

– Redúcese ao acompañamento aos futuros esposos?

– A pastoral familiar non se reduce a momentos precisos: vodas, bautizos, comuñóns). Estará presente en todas as etapas de crecemento da persoa e en todas as familias. Non será unha pastoral sectorial que unhas veces chega demasiado tarde e que logo deixa de estar presente cando máis falta fai aos novos esposos. En conclusión, e sumando ao que se fai: temos que chegar antes cunha preparación remota e próxima, e acompañar despois nos difíciles momentos de construír unha familia. Quen na súa familia non atendeu aos seus membros en calquera momento da súa vida, para darlles acompañamento, coidados, amor, formación…? Por que ten que ser diferente a pastoral familiar?

Ler máis

Día do Seminario: “Coñece, axuda, reza, ven”

Copia de Día do seminario

 Este ano a celebración é o día 16, por ser laborable o día 19.

O Seminario, especialmente o Menor, é un ben moi grande que se ofrece ás familias e aos mozos. É un recurso educativo de primeira orde que pode resultar de gran interese para quen desexe unha educación cristiá integral, e, por tanto, tamén vocacional.

A Diocese lucense ten unha tradición de Seminario, e moi especialmente de Menor, longamente arraigada. Iso permitiu que neste momento, mentres outras dioceses pensan abrilo ou reabrilo, Lugo conte agora mesmo cun Seminario Menor activo, con 41 seminaristas, persoal e instalacións. É un recurso enorme á disposición da sociedade.

Este lugar educativo está pensado para que os mozos que na infancia ou a adolescencia senten a chamada ao sacerdocio poidan crecer e madurar. E para que outros moitos, que desexan unha educación cristiá, poidan recibila con este específico sentido vocacional.

Notas identificativas (especialmente do Seminario Menor):

– Unha comunidade cristiá-vocacional

 – Un internado (preferentemente)

 – Un centro de estudos (para cursar ESO e BAC)

– Unha realidade que existe en vistas ao Seminario Maior

Apostas:

  – Unha formación académica de calidade

– Unha proposta clara da vida cristiá-eclesial-vocacional

– Un acompañamento persoal específico

[Máis información]

Preparación para vivir mellor o tempo de Coresma

JA González conferencia preparación Coresma

O día 10 de marzo, de 20h a 21:15 h, no salón de actos do colexio Divina Pastora, dos Salesianos, na praza da Milagrosa de Lugo, foi a primeira de dúas sesións preparatorias do tempo da Coresma: “Coresma, camiño cara á Pascua”, “A Palabra de Deus guía o camiño”. A segunda charla, tamén a cargo do biblista José Antonio González, é o 11 de marzo no mesmo lugar e á mesma hora.

Por outra parte, a parroquia de Santiago A Nova de Lugo programou os seguintes actos:

– Reflexión comunitaria sobre a Evangelii Gaudium o 12 de marzo ás 19h en Nosa Señora das Fontiñas e o 13 de marzo na igrexa da Nova.

– Oración coresmal e celebración penitencial en Fontiñas o 21 de marzo ás 17:30 e na Nova os días 14 e 28 de marzo e 4 de abril ás 19h.

30.000 folletos para explicar a reorganización pastoral da Diocese de Lugo

folleto Parroquias hoxe e mañá

O domingo, día 9 de marzo, os fieis das parroquias rurais da Diocese recibirán dos seus sacerdotes os 30.000 folletos explicativos da campaña de reorganización diocesana. Nos folletos, titulados “Parroquias hoxe e mañá”, invítase a procurar o mellor modo de seguir xuntos como comunidade cristiá; insístese na necesaria creación de verdadeiras comunidades cristiás; lembra que é un proceso que implica a participación de todos os fieis; e finalmente, sinala os tres obxectivos principais da reorganización pastoral:

– Garantir nunha Igrexa de referencia unha celebración da Eucaristía dominical accesible a todos os fieis.

– Congregar nese punto principal a educación na fe (catequese, encontros de formación, cursos, convivencias…) e organizar as accións caritativas da zona.

– Manter a vitalidade das parroquias, para que todos os fieis teñan un acompañamento pastoral tamén os días non festivos.

A finais do mes de maio, os responsables de pastoral da Diocese, recompilarán as suxestións e propostas de todas as zonas coa finalidade de programar os seguintes pasos da reorganización.

A %d blogueros les gusta esto: