O ensino da Relixión, un exercicio de liberdade

Os bispos da provincia eclesiástica compostelá, con motivo da xornada interdiocesana de ensino relixioso escolar 2014, fan pública a seguinte carta pastoral:

Queridos irmáns/ as:

Cada ano, con motivo da Xornada Interdiocesana de sensibilización sobre o Ensino Relixioso e Moral nos centros escolares tanto estatais como de iniciativa social (católica ou civil), queremos compartir convosco, pais e educadores, esta breve reflexión e invitación para descubrir e valorar a importancia da presenza da materia de Relixión nas diferentes etapas educativas.

O saber relixioso non pode quedar á marxe da construción social e dos procesos educativos. Na lexítima diversidade de opinións, non pode imporse como a única opción política e publicada aquela que trata de combater a presenza da relixión na escola e na sociedade. Hai outra que considera que o relixioso debe estar no espazo público e educativo, e que ha de ser escoitada e atendida en igualdade de condicións. E no exercicio da vosa liberdade, vós, pais e nais de familia, podedes elixir, sen que ninguén o faga por vós. Tedes o dereito e a responsabilidade de esixir que os vosos fillos reciban a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións relixiosas.

Ler máis

Últimas prazas na peregrinación a Barcelona, Torreciudad e Zaragoza

SagradaFamiliaOk

En Barcelona coñecerase a obra de Gaudí, por ex. a Sagrada Familia. Tamén se verá o barrio gótico, a Vila olímpica, a abadía de Montserrat e un día haberá un traslado a Torreciudad (Huesca). Volverase a Barcelona para ir ao Parc Güell, A Pedrera, as cavas de Sant Sadumi D’anoia. No camiño de volta a Lugo, párase en Zaragoza para ir á basílica do Pilar e ver o centro da cidade.

Trátase dunha peregrinación sobre a familia que organiza a parroquia de Santiago A Nova (Lugo) entre os días 30 de abril e 4 de maio. Calquera persoa interesada só ten que dirixirse á parroquia. O prezo é de 350 euros, 413 en habitación individual.

Luis Varela Castiñeira, novo cóengo da Catedral de Lugo

Luis Varela novo coengo

O 8 de abril ás 11 h, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco entregou o nomeamento como novo cóengo da Catedral de Lugo, ao sacerdote Luis Varela Castiñeira, que asumirá o oficio de prefecto de música.

Na entrega do seu nomeamento estivo presente o Deán da catedral, Gonzalo Fraga Vázquez e o Vigairo Xeral da diocese e secretario do cabido, Mario Vázquez.

Luís Varela ten a licenciatura en Canto Gregoriano, polo Pontificio Instituto Ambrosiano de Música Sacra de Milán, e os estudos profesionais de piano.

O oficio de prefecto de música da catedral estaba vacante desde 1989. O anterior prefecto foi José Castiñeira Pardo, tío do novo cóengo. Entre as ocupacións do cóengo prefecto de música están as de organizar todo o referente á parte musical, enriquecer e ordenar o seu arquivo; promover a participación do pobo no canto litúrxico; ensaiar ao cabido, ao pobo e aos grupos musicais que hai na catedral.

A data da súa toma efectiva de posesión está aínda por determinar.

II Xornadas de Formación para confrades

O martes, 8 de abril, ás 20,30 horas, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo. Este ano correspóndelle ao Vigairo Xeral e doutor en Teoloxía, Mario Vázquez Carballo, e o seu relatorio leva o título “Ser confrade hoxe na Igrexa no espírito do Papa Francisco”. O acto, organizado pola Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, está aberto a calquera persoa, sexa confrade ou non.

Conclúe o l curso “Operacións Básicas de Cociña” organizado por Cáritas

Curso cociña Cáritas 2

O 7 de abril conclúe o l curso “Operacións Básicas de Cociña” que comezara o día 10 de febreiro. Esta actividade está incluída dentro do Programa Operativo Plurirrexional de Loita contra a Discriminación no que participa Cáritas Lugo. O fin deste curso é formar a traballadores/as para desempeñar o labor de axudantes de cociña, mediante a aprendizaxe de módulos de formación específicos. Contouse coa colaboración da Asociación de Hostaleiros.

A %d blogueros les gusta esto: