A profesora da Fundación Desarrollo y Persona, Begoña Ruíz, será a relatora da terceira xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que organizan as dioceses galegas. O tema desta xornada, que se celebrará en Silleda o 24 de maio, será “A vocación ao amor na sociedade actual: retos e respostas”. A continuación, unha entrevista a Begoña Ruíz.
1. No mundo de hoxe, por como evoluciona a sociedade, segue tendo sentido falar de compromiso para toda a vida? A concepción do matrimonio que propón a Igrexa, non está algo trasnoitada?
Xustamente a primeira pregunta é a que vou tratar de responder ao longo da mañá de formación. A resposta á segunda pregunta, en breve, é non. Non é unha proposta trasnoitada porque mentres que o ser humano sexa o que de feito é, a vocación a vivir un amor capaz de desafiar o paso do tempo e as circunstancias da vida é a vivencia que mellor se axusta ao seu valor e dignidade.
2. Realmente pódese educar o amor?
Si, claro. Todas as persoas temos capacidade afectiva e como calquera outra capacidade xa sexa a que se ten para aprender matemáticas, física ou un idioma, o desenvolvela depende do talento natural que se teña de entrada e do traballo concienzudo por converter os talentos naturais en virtude. Nadal ou Messi teñen que traballar moito para converterse en artistas do seu respectivo deporte. Aprender a amar é cuestión de talento natural e traballo disciplinado e constante.
3. Algunha xente ten a opinión de que a Igrexa só se dedicou a reprimir e a impoñer normas sobre o amor e a sexualidade. Que pode aportar a Igrexa sobre este tema?
Moito. A Igrexa sempre dispuxo dun tesouro marabilloso a partir do cal comprender o valor do corpo e a sexualidade, o tesouro chámase “encarnación de Cristo”. Deus fíxose home porque considera digno de si todo o que é humano. A partir de aí a sexualidade non pode ser algo sucio ou malo. Claro que hai normas e prohibicións da mesma forma que as hai para xogar un partido de futbol. As normas son a condición indispensable para pasalo xenial xogando o partido. O mesmo ocorre na sexualidade, as normas son a condición para gozar do ben da sexualidade que non é outro que o amor.
Ler máis
Gústame esto:
Gústame Cargando...