Carta pastoral do señor Bispo con motivo do Corpus Christi

Queridos irmáns,

Na festividade de Corpus Christi exprésase o cumio da nosa fe. De feito, este día coroa o camiño polo que o noso Señor Xesús levou a cabo a súa obra de salvación, que, partindo do Nadal, celebramos sobre todo ao longo da Semana Santa, na Pascua de Resurrección, na Ascensión e o envío do Espírito Santo en Pentecosté. Así, grazas a El, puidemos crer de novo e verdadeiramente en Deus, na Santa Trinidade, Pai, Fillo e Espírito Santo, como celebramos o pasado domingo. Agora, na gran festa de Corpus, dicimos como nunha palabra abreviada a nosa fe, a nosa esperanza e o noso amor; profesamos firmemente que o noso Deus e Señor segue presente connosco todos os días, alimenta as nosas vidas e ábrenos un camiño novo na historia.

Dende hai moitos séculos sabemos ben en Lugo, na cidade e na Diocese, e igualmente en Galicia, que así é a nosa fe, que Xesús Sacramentado está no seu corazón, que El é a fonte de onde mana vida e amor, esperanza e paz para os homes, tamén pecadores ou necesitados.

1. Neste ano 2014 a celebración de Corpus fainos pensar especialmente na caridade, nas obras e iniciativas en que ha de expresarse o amor verdadeiro e, polo tanto, a fe cando está viva. Porque celebramos o 50º aniversario da erección da nosa Caritas diocesana por Mons. Antonio Ona de Echave, entón Bispo de Lugo. Foi un 4 de xuño, no contexto das festas de Corpus daquel ano.

Aquel xesto segue falándonos a nós hoxe coa mesma claridade de entón. Recórdanos que non diriamos a verdade se honrásemos a Xesús con xestos e palabras, pero non fixésemos caso dos seus mandamentos e das súas obras, se non procurásemos seguilo coa vida. E o seu mandamento é sempre unha novidade para nós, aínda cando sexa xa moi coñecido por todos: camiña na luz da fe quen ama aos seus irmáns e permanece na escuridade quen os odia (cf. 1Xn 2,3-11).

Ler máis

Actos programados por Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade

Mércores 18 de xuño

Conferencia no Círculo das Artes de Lugo ás 20h co título “Construíndo espazos de esperanza”, a cargo do Presidente de Cáritas Española, Rafael del Río.

Xoves 19 de xuño

  • Dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Ás 18:00 Acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no salón de actos do Seminario.

  • Ás 19:00 Realización de Actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

Domingo 22 de xuño

  • Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Monforte, Melide e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Colectas nas Misas de toda a Igrexa Diocesana.

[Ver materiais da campaña]

Cáritas Lugo, 50 anos de encontros

 

En 2014 Caritas Diocesana de Lugo cumpre 50 anos; isto non significa que antes desta data non houbese un servizo máis ou menos organizado de axuda aos nosos irmáns na

Diocese lucense.

A historia de Caritas de Lugo ao longo destes anos está formada por multitude de encontros. Encontros que fixeron posible que moitas persoas atopasen unha man no seu camiño que Iles permitiu avanzar no seu proxecto vital.

Cáritas entende por Encontro a colaboración entre persoas libres e responsables porque toda persoa é capáz e ten posiblidades; toda persoa é libre e ten dereito a tomar decisións fundamentais para a súa vida. Cáritas aposta polo protagonismo das persoas na súa emancipación.

A vida humana está chamada ao Encontro Solidario e realízase no Encontro Fraterno. En cambio, no illamento, na exclusión social, deshumanizámonos e na confrontación e na guerra aniquilámonos.

Deus saiu ao Encontro do home mediante o misterio da Encarnación “Acampando entre Nós”, para constituírnos fillos e irmáns.

Por isto, Cáritas Diocesana de Lugo escolleu como lema “50 anos de encontros”.

 

Encontro informativo da Acción Católica Xeral

Acción CatólicaO pasado sábado,14 de xuño, a Delegación de Apostolado Segrar da Diocese de Lugo organizou un encontro de sacerdotes e tamén de laicos da Diocese de Lugo para dar a coñecer máis de preto os novos retos da Acción Católica Xeral. Estiveron presentes na reunión o Presidente e o Consiliario de Acción Católica Xeral, D. Higinio Junquera e D. Fernando Altemir. A reunión tivo lugar na parroquia do Bo Pastor de Lugo. 

A Santísima Trindade. Xornada “Pro Orantibus”

O tempo de Pascua xa finalizou. Agora espéranos unha serie de festas que tamén son importantes: A Santísima Trindade, “Corpus Christi” e, en Lugo, a Oitava do “Corpus”, que para iso é a Cidade do Sacramento. A próxima semana falaremos diso.

A Igrexa proponnos celebrar coa festa da Santisima Trindade a Xornada “Pro Orantibus”. É un día dedicado aos monxes e monxas que consagraron a súa vida á contemplación de Deus e á oración dentro dos muros dun mosteiro.

Na nosa Diocese temos variases comunidades de contemplativos. A súa vocación é a oración. Dedican moitas horas a acordarse de todos nós diante do Señor dunha forma silenciosa.

Ás veces dubidamos do poder da oración. Máis ben o que nos pasa, é que o descoñecemos, porque sempre houbo quen orase por nós aínda que non nos decatásemos.

Cando se solucionou un problema, cando curou unha enfermidade… posiblemente foi pola oración dun monxe ou unha monxa. Eles estaban a ofrecer oracións e sacrificios ao Deus Un e Trino cando todos estabamos ocupados en mil cosas banais. Quizais un día saberémolo, que pena que teña que ser na outra vida!

Eles oran por nós todos os días o ano. Creo que ben se merecen que nós teñamos hoxe unha oración por eles. Acordádevos das Agustinas, as Carmelitas, as Bernardas Cistercienses, os Benedictinos, as Salesas e as Clarisas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: