Elexía en prosa a D. José Castiñeira

A obra xigantesca de José Castiñeira está aí. E testemuñas ten dela por España enteira. Encher o seu baleiro sen dúbida será cousa de anos…

Tanto “saber facer ben” e tanta “dedicación chea de amor desinteresado”, completaron un molde único que Deus nos regalou.

Pero Don José Castiñeira non é só “o Músico”. Querer concentralo só nesa faceta é mutilalo aleivosamente.

Tan afinadas como as harmoniosas cordas da súa alma musical estaban as fibras máis íntimas do seu ser de home. O seu corazón era grande como o Océano Pacífico…!

Por iso en cantos atopáronse con el, cóengo, rector, profesor, músico, amigo…, o seu gran afecto floreceu en todos eles.

E como o manifestaban, ao pasar por Lugo, cantos de aquí non eran! Preguntar por el e localizalo, para, agradecidos, saudalo, era unha obsesión prioritaria. Outros nomes…, ou xa os esqueceran, ou lles interesaban menos. E agora que xa morreu, por calquera recuncho que un vaia, váiselle atopando no corazón de todos eles…

O noso Castiñeira nunca soubo comprender as “aínda xustas rixideces…”, pero tan similares a púas montaraces…

Se pecou, pecou por excesos do seu corazón bondadoso! Que tenro pecado…!

Pero estes homes grandes e dunha dedicación tan intensa e ilusionada, non en todos suscitan sempre o afecto e o entusiasmo. Que pena…! Non adoitan atopar neles un grato modelo quen pecan de certa mesquindade, ou dun hedonismo egoísta. Co seu gran espírito de servizo desinteresado puideron chocar, talvez, outros espíritos máis rañas na entrega, ou quizais de escondidas envexas. Por iso Don José sufriu tamén, no seu delicado e fino espírito, incomprensións e maliciosas detraccións.

Quizais tamén nalgúns momentos o seu enorme e decidido celo polas súas necesidades musicais, non lle deixaron xustiprezar, con desinteresado rigor, outras facetas culturais igualmente importantes. E iso puido producir outros máis xustificados malestares. Pero isto é sempre un risco inherente aos homes grandes, que tamén son humanos…

E por iso, por ser tan humano, foi tan entrañablemente querido. E por iso agora a súa ausencia é tan dolorosamente chorada e o seu recordo tan gozosamente evocado.

Jaime Delgado, do seu libro Poemas y narraciones cortas

Convivencia da Hospitalidade de Lourdes

Hospitalidade de Lourdes

A Hospitalidad diocesana de Nosa Señora de Lourdes de Lugo realizou, durante todo o día 21 de outubro, unha convivencia-reunión de programación para o próximo ano 2015. Nela participaron a práctica totalidade dos membros da Xunta Directiva e dos responsables e corresponsables de todas as zonas da Diocese lucense, presididos polo Bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco e o Vicario Xeral, D. Mario Vázquez Carballo.

A xornada iniciouse visitando o Mosteiro de Samos, con percorrido guiado a cargo do Pai Prior D. Luis Vélez, e o Santuario de San Eufrasio no Val do Mao (O Incio), onde se celebrou a Santa Misa.

Os participantes foron recibidos no Concello do Incio pola Alcaldesa da vila, que lles dirixiu unhas atentas palabras de benvida no Salón de Plenos (foto superior). Terminado o acto, visitouse o conxunto histórico e a igrexa de Hospital, xantouse en Vilaboa (Bóveda), onde máis tarde celebráronse as reunións. Xa pola tarde, visitouse o Ecce Homo da Capela de Rubián e a antiga ferrería de Penacoba en Teilán; finalizando cunha emotiva celebración mariana no Santuario dos Remedios de Cesar (Sarria).

Día de Defuntos. E os vivos?

Estamos afeitos a que haxa un día para todo. E por iso é lóxico que tamén haxa un día de defuntos. Eles son o noso tesouro, sobre todo cando en vida quixémolos moito, e por iso todo o que podamos facer por eles é pouco, incluso unha vez que xa non están entre nós. Recordámolos, tratamos de seguir os consellos que nos deron en vida e de poñer en práctica todo o que aprendemos deles.
Emocionámonos pensando neles, sobre todo nalgunhas datas claves do ano. E por isto mesmo, tamén pedimos para eles unha vida mellor: a eterna; e pedímoslla ao que só ten “palabras de vida eterna”, Xesucristo, o Fillo de Deus, o único que aínda o pode todo unha vez que morremos!
Dentro duns días celebraremos a festa de todos os Santos e o día dos fieis defuntos. Son dúas celebracións distintas, pero a inmediatez temporal e o contido das mesmas fan que as vivamos como unha única conmemoración. Con todo, isto non é o que máis me enfada.
O primeiro que non entendo explicábao moi ben un cura no blog da súa parroquia fai uns anos: “Este é, diría eu, o primeiro “día do Club” que celebramos na nosa Igrexa Universal. Non, non se preocupen, non me confundín co símil futbolístico, isto é igual que un Barça-Madrid, énchensen as igrexas e os cemiterios, as floristerías agradécennos como lles pagamos as flores que nos triplican o prezo, un bo momento (ás veces o único no ano) para limpar a sepultura dos nosos familiares e se cadra criticar, iso si, sen mala intención, a aqueles que non vemos nas súas, é que “desde logo, mira quedou viúva fai dous meses e xa non lembra ao pobre marido, e dixéronme no barrio que  xa ten outro. Que pouca vergonza”, “e o cura este, encima de mozo..”
Non é necesario dicir nada máis, só desexar que Deus se acorde dos nosos defuntos todos os días e polos séculos dos séculos, porque o que é nós, lembrándoos só un día ao ano, non creo que consigamos nada… !
E o segundo, isto si que xa é moito máis escandaloso, e o que de verdade me irrita. Non entendo que haxa xente que se crea todo isto do Samain, o Hallowen e as almas en pena dentro dunha cabaza e pola muralla de Lugo ou polos camiños e “silveiras” das nosas aldeas.
Pero imos ver… Isto ten algún sentido ou lóxica, ou é razoable?, quen vai querer logo de morto andar como unha pantasma por aí adiante ou reencarnarse en calquera  bicho? Se esta é a sorte dos defuntos, sería moito mellor que logo da morte non houbese nada. Se o noso destino é a vida dun bicho ou dunha pantasma deambulando pola muralla, non creo que teñan moito sentido todos os esforzos que temos que facer na vida para vivir e saír adiante: problemas, traballos, enfermidades, dificultades, sufrimentos… etc. Ademais, outra cousa, e antes de que existise a muralla por onde ían en procesión as almas en pena?. Sería interesante sabelo…
O razoable desde o meu punto de vista, é pensar en que hai un ser omnipotente,
absoluto, infinito, que xa creou todo o que existe. Un ser que, unha vez que terminan os nosos días, logo dunha vida de máis ou menos esforzos, fará posible que podamos seguir existindo dunha forma totalmente plena, e non cunha limitación, aínda maior da que temos agora, como é a dun insecto que anda polo chan, ou dun simple espírito sen corpo que peregrina polas silveiras (ou pola muralla).
Os defuntos, ou están xunto a Deus, ou non están en ningún lado. Iso de que “onde queira que esteas” que lles dicimos moitas veces aos nosos seres queridos, ou o de que “viven no meu recordo”, non me produce ningún consolo. Para os meus defuntos, igual que para min cando morra, quero o mellor sitio, e este é sen dúbida xunto a Deus, o que é perfecto (porque se non non sería Deus). Se os meus defuntos só viven no meu recordo, cando eu e todos os que se lembran deles morran, eles tamén morrerán, e, esta vez sería para sempre… !
Por iso ten todo o sentido acudir a Deus e pedirlle polos nosos defuntos. Pero non é menos certo que somos nós, os que aínda vivimos, os que estamos moito máis necesitados da axuda de Deus. Acudimos en masa o día de defuntos a pedir por eles, a veneralos, e iso está moi ben. Pero, por nós que facemos o resto do ano?

Miguel Ángel Álvarez

“24 horas que moven o mundo”, acción de Mans Unidas

Copia de 30 outubro encende a chama

Mans Unidas Lugo  coa acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, quere fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.

Por isto, a Delegación lucense de Mans Unidas invita a participar a toda a cidadanía na Concentración Solidaria, do vindeiro xoves 30 de outubro de 2014, ás sete da tarde, na Praza Maior de Lugo. Acenderánse velas, previamente entregadas aos presentes, do mesmo xeito que en lugares diversos do resto de España, como parroquias, prazas, centros culturais, colexios… Trátase de identificar a luz como un impulso para o compromiso solidario polo desenvolvemento, a xustiza e a igualdade; e invítase a acender unha vea porque entre todos, pódese alumar un mundo máis xusto, equitativo e solidario, xa que a luz ilumina e simboliza a nosa participación nese proxecto común.
Desde as cinco e media da tarde instalarase unha mesa con información no mesmo lugar.

A %d blogueros les gusta esto: