Ordenación diaconal de José García Pájaro

O domingo ás cinco da tarde o Seminario Diocesano de Lugo acolle a ordenación diaconal de José García Pájaro. Natural da parroquia da Nosa Señora das Dores de Lalín, onde naceu en 1977. Tralos estudos primarios e secundarios, iniciou a súa formación sacerdotal no Seminario de Lugo no curso 2003-2004, e tivo diversas colaboracións pastorais en Lugo, Lalín e Rodeiro.

Pola ordenación diaconal obtense a incorporación ao estado clerical e a incardinación á Diócesis. Existen dúas posibilidades respecto dos diáconos: que reciban o diaconado como término do proceso, permanecendo neste ministerio de modo estable como diáconos permanentes, ou que reciban o diaconado como paso previo ao presbiterado, debendo exercer un tempo previamente o diaconado. Este é o caso de José García Pájaro.

Actividades para recadar fondos con destino a Cáritas

navidad_parroquial_-2014

O sábado 13 de decembro ás 19:30h, a parroquia de San Lourenzo de Albeiros organiza unha merenda solidaria, pois o diñeiro recadado destínase a Cáritas.

Na parroquia da Milagrosa tamén hai unha merenda benéfica o 13 de decembro trala Misa das 19:30 h. Na parroquia tamén hai recollida de alimentos para reparto especial de Nadal.

En Meira os dous primeiros domingos de decembro a Confraría Nosa Señora do Pedregal organiza un obradoiro para realizar traballos artesanais que, xunto a máis obxetos, poñeranse a venda o día 21 na Feira de Meira. O que se recade destinarase a Cáritas parroquial.

No Centro Social de Fingoi, Lugo, o día 13 ás 5 da tarde hai un festival solidario organizado pola parroquia de San Francisco Xavier. Durante o mesmo, sortearase unha cesta de Nadal e o recadado coa venda de papeletas será entregado a Cáritas

Encontro de Nadal do profesorado de relixión

O sábado 13 o profesorado de relixión da Diocese manterá un encontro no Gran Hotel Lugo. Trátase de compartir un día dun xeito distendido. Non por iso van deixar de tratarse asuntos serios como a situación na que están os profesores de relixión. E tamén haberá unha reflexión sobre o futuro da presenza da materia na escola. Preténdese ademais que a reunión sirva de estímulo para seguir implicándose na boa marcha do ensino de relixión. Como é habitual neste encontro anual haberá unha homenaxe a quen se xubilan; que este ano son dous profesores.

Voz que grita no deserto

Que pensariamos se hoxe aparecese polas rúas da nosa cidade un personaxe con aparencia un tanto estraña e berrando aos catro ventos que está a piques de chegar alguén importante e que vaiamos preparando as cousas?

Seguramente, a moitos se lles estará vindo á cabeza a imaxe do Pequeno Nicolás. Pois non, non falamos deste personaxe de moda. Estamos falando dun dos protagonistas do Advento: Xoán o Bautista, o primo de Xesús.

Tomárono por un pouco tolo. As pintas e as formas de vida non o axudaban neste aspecto. Pero traía unha mensaxe importante, a máis importante de todos os tempos. Unha noticia que só se produciu unha vez e que non ten punto de comparación con ningunha outra noticia que se deu por moi importante que a considerou a humanidade. A noticia era que a vinda do Mesías era inminente. Pensar e saber que Deus se encarna, entra na historia e faise un de nós é algo imposible de superar. É algo absolutamente extraordinario. A Xoán o Bautista non lle importou o que pensasen del por anunciar de viva voz que viña o Señor e que preparásemos o camiño. Quizais, para anunciar a alegría do Evanxeo necesitemos facelo ao estilo do Bautista, aínda que nos consideren un pouco tolos.

Miguel Ángel Álvarez

Publicación dos estatutos da Confraría da Esperanza

Confraria Virxe Esperanza Xunta de Goberno

O martes 9 a Xunta de Goberno da Confraría de Esperanza de Lugo deu a coñecer nunha roda de prensa a publicación dos novos estatutos.

A irmá maior, Isabel Lagares explicou que tiñan “uns estatutos relativamente recentes (2007) pero o Dereito Canónico e as leis de asociacións van cambiando. Desde a Confraría valorouse que había que facilitar o coñecemento dos confrades das súas obrigas e os seus dereitos. Á hora de pedir unha subvención dicíasenos que a Confraría non era unha asociación sen ánimo de lucro”.

O tesoureiro da Confraría da Virxe da Esperanza, Juan Martín, considerou que “os estatutos que había tiñan demasiados artigos e un réxime disciplinario moi antigo. Deixáronse as cousas imprescindibles para o funcionamento da confraría, como os actos que ten que realizar obrigatoriamente, cando e como celebralos. Aos confrades pídenselles dúas cousas fundamentais: uniformidade no hábito e unha pequena colaboración económica” Sobre isto último, “se algún confrade non ten posibilidades de pagar o recibo, falando poderá amañarse o tema, sendo posible unha condonación”.

Para o moderador da Confraría, Alejandro Pin, “todo confrade pode ter na man a estrutura da confraría, algo que ata agora só tiña a Xunta de Goberno. E os confrades só tiñan coñecemento dalgún aspecto cando se falaba do que debían facer ou como debían asistir ás procesión, pero ata agora non tiñan un documento escrito ao que poder acudir”.

A %d blogueros les gusta esto: