Cáritas Lugo recoñece o apoio de empresarios e deportistas

O luns, 12 de xaneiro, ás 12 h na sé de Cáritas en Avda. Américas 93-97, o director de Cáritas diocesana de Lugo, Ginés Plaza, fará entrega da figura conmemorativa dos 50 anos de Cáritas a representantes das asociacións de empresarios e de clubs deportivos. Con motivo do seu 50 aniversario, Cáritas diocesana de Lugo quere agradecerlles, como fixo con outros colectivos, a súa colaboración, axuda e solidariedade coas persoas máis desfavorecidas da nosa sociedade.

Viaxe a Israel e Xordania

Lugo en Tierra Sabta

É unha peregrinación organizada pola parroquia da Milagrosa. Na foto podemos ver ós paricipantes no monte das Benaventuranzas. Estarán desde o 7 de xaneiro ata o 18, desenvolvéndose unha viaxe por Israel e Xordania, segundo o seguinte programa:

Mércores 7: SANTIAGO – ESTAMBUL – TEL AVIV

Xoves 8: TEL AVIV – CESAREA – HAIFA -CARMELO – TABOR – TIBERÍADES

Venres 9: TIBERiADES – XORDAN – LAGO DE GALILEA – NAZARET – CANA

Sábado 10: XORDANIA – MONTE NEBO – MADABA – AMMÁN

Domingo 11: AMMÁM – WADI RUM. o lugar do bautismo do Señor, BETANIA DE XORDANIA

Luns 12: WADI RUM – PETRA – MAR MORTO

Martes 13: MAR MORTO – MASADA – QUMRÁN – XERICÓ

Mércores 14. XERUSALÉN Monte das OLIVEIRAS Basílica de Dominus flevit, horto de Xetsemaní: Basílica das Nacións, tumba da Virxe, Gruta do prendemento. XERUSALÉN NOVO

Xoves 15 XERUSALÉN – EIN KAREM

Venres 16: XERUSALÉN – BELÉN

Sábado 17. XERUSALEN – TEL AVIV

Domingo 18: Regreso a LUGO

Ano novo, vida nova?

Estreamos un ano, e con el reeditamos vellos propósitos e toda clase de bos desexos. É tan propio do ano novo como a lotería en Nadal: formulamos pequenos ou grandes proxectos de cambio na nosa vida e, de paso, desexos de maior calibre para a sociedade e o mundo. E facémolo por todas as partes, coa incerta esperanza de que a nova cifra do calendario traerá «debaixo do brazo» o cumprimento destes anhelos. E tan veloces van os desexos como volven, con non pouca frecuencia, os desencantos, cando constatamos resignados que duran pouco os nosos ánimos por cambiar e que tampouco parece que os rumbos do mundo vaian corrixirse moito. E é que, quizais non abonde con desexar, nin, desde logo, con esperar que aparezan sen máis as novidades polas que suspiramos.

Desexar tempos mellores ao comezo dun novo ano civil non é mal propósito; está escrito, dalgún modo, no máis profundo do noso corazón. Queremos ser felices, que o sexan todos os demais e tamén que todas as realidades do mundo vaian a mellor,especialmente aquelas máis sangrantes e dolorosas. Pero as verdadeiras transformacións do mundo empezan sempre no interior de cada un: son as persoas novas as que fan un mundo novo. E un bo ano novo. Xa o advertía san Agustín cando, aos que se queixaban do malos que eran os seus tempos dicíalles: «Convirtámonos nós, e mellorarán os tempos. Nós somos os tempos; segundo somos nós, así son os tempos». Resulta doado pedir ao ano que sexa bo, pero máis difícil é pensar que o será, en boa medida, se eu cambio.

A Igrexa, fai xa bastante tempo, propón empezar o ano coa xornada Mundial da Paz,unha ocasión para lembrar que esta segue sendo un ben preciado e necesario para todos os tempos. Na súa mensaxe para este ano, o Papa Francisco invitou á humanidade, baixo o lema «non escravos, senón irmáns», a desterrar do mundo toda escravitude, grande ou pequena, antiga ou nova, e a globalizar os xestos de fraternidade a todos os niveis, empezando polas nosas actitudes cotiás, como «dicir unha palabra, un saúdo, un `bos días’ ou un sorriso, que non nos custan nada, pero que poden dar esperanza, abrir camiños, cambiar a vida dunha persoa». Moi concreto.

Vale a pena preguntarse, pois, se aos nosos desexos para o ano novo e bo estamos dispostos a engadir, co refraneiro popular, unha «vida nova», ou se máis ben resignámonos a empezar o 2015 esperando que algo bo «caia do ceo». Porque, a final de contas, o que tiña que vir do ceo xa o fixo no primeiro Nadal. Deus fíxose carne para introducir no mundo unha novidade, para cada persoa e por iso para a vida de todos. A presenza de Cristo, xa para sempre na nosa historia, si é capaz de realizar os nosos desexos profundos de ben. É capaz, se deixamos que faga primeiro nova a nosa vida. Entón tamén o ano será novo, bo, fraterno e en paz.

Feliz Ano!

David Varela

Rector do Seminario Diocesano

Agradecemento da Fundación Comedor San Froilán

A Fundación Comedor San Froilán desexa agradecer a todos os lucenses a súa solidariedade cos irmáns máis desfavorecidos.

– A todas aquelas persoas que de forma altruísta aportan donativos económicos e alimentos. Son innumerables, constantes e extraordinarias as mostras de xenerosidade por parte de persoas anónimas.

– Ás empresas e entidades privadas que de forma habitual aportan produtos e alimentos. Agradecemos enormemente o seu compromiso con este labor social, porque sen o seu apoio sería moi difícil facelo posible.

– Aos voluntarios e traballadores do comedor, polo seu esforzo desmedido e a súa dedicación constante nos labores necesarios para prestar este servizo. O seu tempo e xenerosidade é imprescindible para levar a cabo esta misión.

– Ás parroquias, sacerdotes e fregueses, pola súa imprescindible colaboración económica e detección de urxencias entre os seus parroquianos.

– Ás Fillas da Caridade, responsables da xestión do Comedor San Froilán, polo seu inestimable traballo e a súa incansable entrega cos necesitados.

E, en xeral, o noso máis sincero agradecemento a todos os que, dunha ou outra forma, fan posible que este proxecto solidario da Diocese de Lugo poida atender diariamente aos irmáns que máis o necesitan.

No ano 2014 repartíronse máis de 40.000 comidas a familias e transeúntes (unha media de 120 comidas diarias) e, nestas datas navideñas, coas achegas extraordinarias recibidas puidéronse distribuír máis de 140 caixas de alimentos a familias da nosa cidade.

A todos GRAZAS, e os nosos mellores desexos para este ano que comeza.

A %d blogueros les gusta esto: